Ir ao contido directamente.


Noticias

Secho presentáse con 'Recuperar'

Xénero: Pop | 16 / 6 / 2021

secho_recuperar.jpg

Serxio Castiñeiras "Secho" presenta hoxe o seu disco Recuperar (Autoeditado), un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz para a música en galego. Despois de estrear o pasado mes o videoclip dun dos temas deste traballo -As Sensacións- o músico e compositor amósanos agora por completo este traballo de presentación, once temas de corte intimista nos que conta con colaboracións de artistas como Guadi Galego, García MC ou Sabela Galván. Secho escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá, coñecedora destes tesouros agochados, convídao a abrir un dos seus concertos en Compostela. De aí xurdiron outras actuacións, colaboracións e tamén a primeira formación, composta por músicos de Medomedá e Ruxe Ruxe. Agora Secho comeza unha nova etapa con este Recuperar, o seu primeiro traballo en solitario, gravado con Iago Pico, con arte de David Cuence e rodeado de músicos como Dani Riveiro (batería e percusión), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica).

Músicas ao Vivo e Asociación de Gaiteiros reaccionan contra o peche do Estudio 5 da Radio Galega

Xénero: Miscelánea | 16 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Fai uns días o comité de empresa da CRTVG alertou de que a empresa pública ía levar a cabo o desmantelamento do Departamento de Produción Propia da Radio Galega (Estudio 5) para a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa esta área. O Estudio 5 é un departamento que deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país dende o ano 1985 e desde o Comité entenden que "a razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece". A súa alerta chegou xa aos colectivos artísticos musicais, máis primeiramente afectados por esta decisión da dirección da CRTVG. Así tanto desde a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) como desde a de Músicas ao Vivo (MAV) fixeron súa a reclamación do comité e ambos colectivos coinciden ao asegurar que esta decisión é un "grave erro" e ao solicitar unha marcha atrás da decisión por parte da dirección do ente público galego "que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país", din desde AGG. Pola súa banda en MAV inciden tamén "na necesidade de incluír na grella programas especializados en música, con cabida para todas os estilos e niveis".

Zas suspende por segundo ano a súa Festa da Carballeira

Xénero: Folk | 16 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Tampouco en 2021 haberá Festa da Carballeira de Zas. A 38 edición do festival folk, que xa non se puido celebrar en 2020, foi suspendida pola organización do evento. Segundo sinala nun comunicado a Asociación Cultural Castro-Meda "a situación sanitaria actual segue sen permitirnos garantir a seguridade de todas as persoas participantes no festival". A entidade chama ao público a asistir ao evento en 2022, previsto para os días 5 e 6 de agosto. Dáse a circunstancia de que o festival foi declarado Festa de Interese Turístico Galego en febreiro de 2020, sen que desde aquela se puidese celebrar por mor da situación sanitaria.

O Morriña Fest pon a Culleredo no mapa dos festivais

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Culleredo terá un festival propio, que ven a engadirse á oferta de verán e que terá lugar xa este ano por vez primeira. Hoxe presentouse en rolda de prensa a que será a primeira edición do Morriña Festival, que terá este ano o formato de ciclo de concertos a celebrarse durante dez días na segunda quincena de agosto. O Xardín Botánico de O Burgo acollerá entre o 19 e o 29 de agosto as actuacións de artistas e grupos da escena hispana, comezando coa arxentina Nathy Peluso e incluíndo xa no avance do cartel nomes como os colombianos Morat, Amaral, La M.O.D.A., Lola Indigo, Chica Sobresalto e os galegos True Mountains. Os cataláns Love of Lesbian pecharán o festival.

A Xunta reactiva a marca Fest Galicia para festivais presenciais

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

A marca de patrocinio público de festivais galegos Fest Galicia ve este ano incrementada notablemente a súa contía ata os 500.000 euros de orzamento para estes eventos na súa modalidade presencial pre-pandémica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía onte a convocatoria da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) dirixida a festivais profesionais de música galegos para a súa adhesión a este programa de patrocinios da Xunta, que presenta un crecemento do seu orzamento do 25% respecto aos 400.000 euros que o pasado ano dedicáronse a estes eventos pero só na modalidade virtual, toda a vez que a realización presencial quedara descartada coas medidas sanitarias en vigor nese momento. Neste sentido, o pasado venres a Consellería de Sanidade publicou os últimos protocolos actualizados aos que deben acollerse estes eventos, con distintas medidas e capacidades segundo se leven a cabo en espazos abertos ou pechados.

As Efémeras debutan desde Redondela con música de proximidade

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2021

as_efemeras_capa_2021.jpg

"Música para escoitar, danzar e reflexionar. Música comunitaria. Inspiración poética e política de quilómetro cero: desde Redondela para o mundo". Así se presentan As Efémeras, un grupo que debutou ao vivo no verán de 2020 e que acaba de lanzar o seu primeiro traballo, co mesmo nome da formación. O CD autoeditado achega trece temas con "letras de intelixencia racional e emocional. Composicións novas e frescas con inspiración nas músicas populares. De Galiza e Portugal. Musicas lixeiras e contundentes. Bailables, mais que dan que pensar".

O Monte do gozo reunirá ata 5.000 persoas no ciclo O Son do Camiño - Perséidas

Xénero: Miscelánea | 4 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Cos seus formatos "tranquilos", sen acumulación de concertos e con programas expandidos durante días e cheos de nomes galegos e da escena estatal con poucas presenzas internacionais, os eventos musicais ao aire libre seguen dando un paso adiante para non deixar o verán en baleiro musical. O anuncio do programa do ciclo O Son do Camiño -Perseidas que se celebrará no Monte do Gozo entre o 14 de xullo e o 8 de agostocompleméntase coas máis recentes novidades en festivais que veñen de engadirse á axenda estival. Xunto cos que adiantamos xa anteriormente van facéndose marcas no calendario vestindo de citas este verán aínda pandémico.

Pauliña re-volta co seu terceiro disco 'Testemuñas'

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2021

paulina_testemunhas.jpg

Pouco máis de tres anos despois da presentación do seu primeiro traballo longo De-xeneración( Xonix records, 2018) o nome de Pauliña xa é un elemento de primeira orde na música en galego. A de Cambados ven de presentar fai uns días en concerto o que xa é o seu terceiro álbum Testemuñas, con apenas un ano de separación do anterior A Malfalada(2020), todos eles publicados baixo o selo Xonix records, de Bandeira (Silleda). O novo disco é unha nova mostra da versatilidade de Paula Chaves para transitar por diversos rexistros sonoros que van de novo desde o ská ata o rock, o swing ou eses blues electrizantes nos que se lle ve tan cómoda como ese Remordementos cuxo vídeo, asinado por Xaime Miranda servíu de presentación do novo disco.

Bala presentan o seu novo álbum 'Maleza'

Xénero: Rock | 31 / 5 / 2021

bala_maleza.jpg

Case cinco anos separan este Maleza (Century Media Records, 2021) do segundo traballo de Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) naquel auténtico bombazo recoñecido pola crítica que foi Lume(Matapadre, 2017). Nada perderon e moito gañaron as Bala neste tempo. Polo pronto o apoio dun selo internacional como o alemán Century Media, especializado na música Metal e con artistas coma Angelus Apatrida ou Arch Enemy no seu catálogo. Gañan tamén engadindo o galego ao seu repertorio de letras, con ese magnífico Rituais, do que xa sacaron vídeo de presentación. Ademais gañan cun nivel de produción sonora de enorme calidade e cheo de detalles que fan dos nove temas de Maleza unha experiencia de viaxe ao máis escuro recuncho do corazón da besta desde ese trmendo Agitar de apertura.

A Programación Lírica da Coruña homenaxeará á soprano Ofelia Nieto

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

A programación lírica da Asociación de Amigos de la Ópera da Coruña renderá homenaxe á soprano de orixes galegas e enda en Santiago Ofelia Nieto (1900-1931) coa produción da ópera Payasos, de Ruggero Leoncavallo. Así, o Teatro Colón acollerá os días 24 e 26 de setembro esta ópera, baixo a dirección de Fernando Briones. Na produción participa o Teatro Lírico Nacional La Zarzuela de Madrid e mais a Orquestra e Coro Gaos, cos barítonos Juan Jesús Rodríguez e Gerardo Bullón, os tenores Alejandro Roy e Pablo Carballido, e a soprano Vanessa Goikoetxea nos roles principais. A escolla deste título é unha homenaxe á soprano de orixe santiaguesa Ofelia Nieto, cando se cumpre un século desde que a cantante a interpretara no Teatro Real de Madrid.

<< Inicio / Anterior . 461 a 470 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR