Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Programación Lírica da Coruña homenaxeará á soprano Ofelia Nieto

REPRESENTARASE A óPERA 'PAYASOS' DE LEONCAVALLO 100 ANOS DESPOIS DE QUE A INTERPRETASE A CANTANTE NADA EN SANTIAGO

A Programación Lírica da Coruña homenaxeará á soprano Ofelia Nieto

CLáSICA/LíRICA | maio 31, 2021

imaxe non dispoñible

A programación lírica da Asociación de Amigos de la Ópera da Coruña renderá homenaxe á soprano de orixes galegas e enda en Santiago Ofelia Nieto (1900-1931) coa produción da ópera Payasos, de Ruggero Leoncavallo. Así, o Teatro Colón acollerá os días 24 e 26 de setembro esta ópera, baixo a dirección de Fernando Briones. Na produción participa o Teatro Lírico Nacional La Zarzuela de Madrid e mais a Orquestra e Coro Gaos, cos barítonos Juan Jesús Rodríguez e Gerardo Bullón, os tenores Alejandro Roy e Pablo Carballido, e a soprano Vanessa Goikoetxea nos roles principais. A escolla deste título é unha homenaxe á soprano de orixe santiaguesa Ofelia Nieto, cando se cumpre un século desde que a cantante a interpretara no Teatro Real de Madrid.

A través da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) a Xunta de Galicia ven de renovar a súa colaboración anual coa asociación coruñesa, á que destina 200.000 euros para organizar unha nova edición da súa Programación Lírica, este importe supón un incremento do 33% respecto da contía achegada no ano 2020, aumento que se enmarca na celebración do Xacobeo 21-22 como motor para a reactivación do sector cultural fronte aos efectos da crise sanitaria. As representacións e actuacións terán lugar maiormente no Teatro Colón, mentres que non hai actividades previstas no Palacio da Ópera da cidade herculina, un espazo de xestión privada.

Un programa de máis dun mes
A programación terá lugar ata o 14 de outubro e comezará xa o 4 de setembro coa versión en concerto da ópera I Puritani (Los Puritanos), de Bellini, tamén no Teatro Colón. O mesmo escenario recibirá o 2 de outubro a ópera La Parténope, de G.F. Händel, dirixida por William Christie e o seu conxunto especializado en repertorio barroco Les Arts Florissants. Neste concerto participará tamén o novo contratenor galego Alberto Miguélez Rouco. Complétase o programa con outras óperas e espectáculos, como o monólogo El Reflejo ou os concertos coas sopranos Lise Davidsen e Saoia Hernández e mais o barítono Leo Nucci, con arias e escenas de óperas de Beethoven, Verdi, Wagner, R. Strauss, Rossini, Puccini ou Bellini. Tamén se inclúen un recital no Teatro Rosalía a cargo do dúo da soprano María José Moreno co barítono Carlos Álvarez, un ciclo de lírica inclusiva, un curso de interpretación vocal e outras actividades paralelas.