Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Xunta reactiva a marca Fest Galicia para festivais presenciais

INCREMENTA O ORZAMENTO NO 25 POR CENTO ATA O MEDIO MILLóN DE EUROS

A Xunta reactiva a marca Fest Galicia para festivais presenciais

MISCELáNEA | xuño 15, 2021

imaxe non dispoñible

A marca de patrocinio público de festivais galegos Fest Galicia ve este ano incrementada notablemente a súa contía ata os 500.000 euros de orzamento para estes eventos na súa modalidade presencial pre-pandémica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía onte a convocatoria da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) dirixida a festivais profesionais de música galegos para a súa adhesión a este programa de patrocinios da Xunta, que presenta un crecemento do seu orzamento do 25% respecto aos 400.000 euros que o pasado ano dedicáronse a estes eventos pero só na modalidade virtual, toda a vez que a realización presencial quedara descartada coas medidas sanitarias en vigor nese momento. Neste sentido, o pasado venres a Consellería de Sanidade publicou os últimos protocolos actualizados aos que deben acollerse estes eventos, con distintas medidas e capacidades segundo se leven a cabo en espazos abertos ou pechados.

Entre os requisitos que deben reunir os festivais para formar parte de FEST Galicia 2021, están ter realizado con anterioridade dúas edicións, que tiveran un orzamento superior aos 100.000 euros na edición de 2019, que programen dous artistas por día durante, cando menos, dous días consecutivos, que inclúan un mínimo de tres artistas galegos, que o 95% da súa capacidade sexa cuberta por medio de entradas postas á venda ao público xeral, que implanten algunha medida fronte a posibles impactos medioambientais ou que dispoñan dun plan de igualdade e sustentabilidade. Na convocatoria deste ano, ademais, estipúlase a obrigatoriedade de aplicación de todas as medidas en materia de seguridade e saúde indicadas nos protocolos sanitarios anti-covid vixentes no momento da celebración do festival.

FEST Galicia 2021, que forma parte do convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia para a programación cultural do Xacobeo 21-22, vai dirixida a empresas privadas organizadoras de festivais de música, coas que se asinarán contratos de patrocinio privado da actividade que desenvolven. Tense en conta para isto a súa importancia e relevancia en canto ao público participante e a súa repercusión nos medios de comunicación, polo que se valora a súa gran relevancia e o retorno publicitario, tanto para a marca galega de festivais como para a difusión do Xacobeo Galicia 21-22.