Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Máis de 7.000 persoas fan parte de Bandas de Música Populares no país

O CONSELLO DA CULTURA PON DE RELEVO A IMPORTANCIA DESTAS FORMACIóNS CUN ESTUDO E UNHA XORNADA

Máis de 7.000 persoas fan parte de Bandas de Música Populares no país

MISCELáNEA | xullo 1, 2021

imaxe non dispoñible

As bandas de música populares posúen unha grande importancia no panorama sociocultural galego. A recoñecer este papel, o Consello da Cultura Galega celebra na tarde deste 1 de xullo a xornada As bandas de música na memoria de Galicia. Ademais, da man do Observatorio da Cultura Galega, a entidade presentou un documento de traballo no que analiza, a partir de cuestionarios enviados a 85 destas formacións, a súa dimensión social, profesional e académica.

Segundo os datos do estudo, elaborado en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares e a entrevistar as formacións que a integran, fan parte destas agrupacións 7.100 persoas, cunha media de 85 por cada unha. A análise confirma ademais a calidade que acadan as interpretacións destes grupos, xa que un 71,8% dos seus membros teñen titulacións oficiais de música. A actividade das bandas céntrase en contextos locais e comarcais, aínda que un 51,8% das mesmas actúan tamén noutros concellos da súa provincia, cun 92% de concertos ao aire libre e 87,1% en auditorios que acadan concorrencias medias de entre 50 e 100 persoas de público.

O Observatorio da Cultura revela a importancia que estas agrupacións, que normalmente están constituídas como asociacións culturais, teñen no campo da formación musical. Un 71,4% das enquisadas contan con escolas de música propia, a sumar 7.114 alumnos que amosan un alto grado de satisfacción coa formación que reciben. Os ingresos por actuacións e as subvencións públicas aparecen como principais soportes económicos das bandas populares, que en xeral demandan un incremento do apoio público á súa actividade. Das consultadas, un 63,4% contan con ingresos anuais de ata 30.000 euros, mentres un 9,8% das mesmas superan os 80.000. A provincia de Pontevedra, con 52 agrupacións, é a que ten maior presenza destas entidades, mentres a Coruña conta 28, Lugo só 9 e Ourense 5 dentro do universo de formacións consultadas para a elaboración do informe.

Como complemento a esta publicación, que está dispoñible na rede, o Consello da Cultura organiza na tarde deste 1 de xullo a xornada As bandas de música na memoria de Galicia coa intención de "debuxar unha visión panorámica da evolución das bandas galegas" desde a transición, periodo "no que estas se reinventan e adaptan á nova realidade social e cultural, co que isto supón: unha nova estética, a expansión das bandas no ámbito escolar, a integración da muller e da mocidade, novos repertorios que dean entrada a compositores galegos etc". Na mesma, as investigadoras Beatriz Cancela Montes e Beatriz Busto entrevistarán respectivamente a José Iglesias Ramilo, histórico director Unión Musical de Valadares, e a Javier Viceiro Filgueira,profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo e director da Banda Municipal de Silleda e da Banda-Escola de Música de Beade. A xornada retransmitirase a través da canle de Youtube do Consello da Cultura.