A exposición A memoria do son explica os instrumentos medievais
xuño 29, 2021
O Museo Catedralicio de Santiago abre no seu local do Pazo de Xelmírez este 29 de xuño a exposición A memoria do son. O proxecto amosa os "avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais" nun proxecto interactivo que convida a tocar, escoitar e coñecer o contexto no que se desenvolveu a música desde a Idade Media. A mostra está aberta ata o vindeiro 25 de xullo.
Nos contidos amósanse "unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do século XII ata finais do século XIII". A posibilidade tocar un salterio ou escoitar o son das pezas expostas no propio teléfono móbil son algunhas das propostas desta iniciativa, que dá a coñecer tamén o traballo de recuperación deste patrimonio sonoro que se fai en Galicia desde os anos 90. A mostra está organizada pola Colección de Instrumentos Musicais do Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo. O catálogo da exposición está dispoñible íntegro en liña.