Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Agadic convoca unha liña de axudas para concertos dotada con un millón de euros

AS PRODUTORAS AUDIOVISUAIS CONTARáN CON APOIOS ESPECíFICOS NO PROGRAMA DE FINANCIAMENTO PARA PEMES

A Agadic convoca unha liña de axudas para concertos dotada con un millón de euros

MISCELáNEA | xuño 23, 2021

imaxe non dispoñible

Un millón de euros é a dotación coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar as subvencións "para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22".

O Diario Oficial de Galicia recolle as bases da convocatoria, aberta ata o vindeiro 23 de xullo, á que se poden acoller propostas de concertos de pago, inseridos na programación do Xacobeo 21-22, que se desenvolvan en poboacións de máis 15.000 habitantes ou en municipios turísticos. As axudas cobren actuacións entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro deste ano, coa excepción de propostas para Santiago de Compostela entre o 1 de xullo e o 15 de agosto. A contía máxima que se pode percibir por cada solicitude son 60.000 euros, cun tope do 80 por cento do orzamento da actividade.

Na mesma política de apoio a sectores culturais afectados pola pandemia, os directores do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, reuníronse este 22 de xuño co Clúster Audiovisual Galego e coa Asociación Galega de Produtoras Independentes. No encontro, os representantes públicos anunciaron que as empresas do sector audiovisual contarán con apoios específicos no marco do programa de financiamento para o acceso ao crédito das pemes, de próxima convocatoria polo Igape.

Segundo explicaron, as produtoras poderán acceder "a préstamos de ata 600.000 euros cunha bonificación dos xuros de ata 2 puntos, que poderán empregar para o adianto dos contratos de cesión de dereitos". Ademais, na xuntanza adiantaron a próxima convocatoria do programa Cheque Dixital, que promove a dixitalización de procesos produtivos con apoios de ata o 80 por cento para empresas afectadas pola pandemia. O sector audiovisual reclamara durante a pandemia medidas específicas dentro das liñas de axuda ás empresas.