Noticias
Paul Daniel deixa a dirección da Real Filharmonía de Galicia
Xénero:
| 7 / 2 / 2022Paul Daniel (Birmingham, 1958), director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia dende 2013, acaba de comunicar a súa decisión de renunciar á titularidade da orquestra ao rematar o vixente contrato, en decembro de 2022. Na súa carta de renuncia o director lembra como ao comezo do seu período coa RFG, declaraba que consideraba que ningún director titular debía ocupar o cargo máis de dez anos. Coa súa saída da orquestra en decembro o británico cumprirá esa marxe dunha década á fronte da formación. O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia fixeron público este feito ao tempo que comunicaron que procurarán ao longo do ano un relevo á altura da traxectoria do director saínte.
O Concello reabre o complexo musical Vigosónico
Xénero:
| 4 / 2 / 2022Só uns días despois de rexeitar unha moción do grupo municipal da Marea a solicitar a reapertura do complexo Vigosónico, o Concello Olívico anunciaba este 3 de febreiro a reactivación destas instalacións. O rexedor local, Abel Caballero, presentaba onte en rolda de prensa un programa de formación sobre emprendemento musical que convoca a cámara municipal en colaboración coa Fundación Paideia no marco do Espazo Coworking Go2 Work e que devolverá a actividade a este espazo.
As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo
Xénero:
| 3 / 2 / 2022Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.
O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
Xénero:
| 28 / 1 / 2022A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.
A noite que Aller Ulloa foi guía científico e espiritual á vez
Xénero:
| 26 / 1 / 2022Fai 84 anos, tal día coma hoxe, un fenómeno atmosférico pouco habitual puido verse en Galicia e noutras rexións de Europa: unha aurora boreal dunha cor vermella intensa tinguía o ceo nocturno. Corría a noite do 25 de xaneiro de 1938 e o país estaba ademais metido nunha cruenta guerra civil. O extraordinario do fenómeno nestas latitudes e as circunstancias do momento levaron á intranquilidade a moitos paisanos que lle atribuían incluso connotacións relixiosas apocalípticas. En Lalín, moitos deles acudiron a consultar ao sabio que tiñan máis a man, que era o astrónomo e párroco D. Ramón María Aller. El encargouse de tranquilizalos e explicarlles a natureza do que estaban a presenciar nos ceos galegos. O científico ademais tomou as súas anotacións e fixo debuxos sobre a pouco habitual aurora boreal, que quedaron para a posteridade. Tomando esta anécdota como base, outro lalinense, o músico Benxamín Otero, ven de levar a cabo un proceso creativo de composición e gravación dun tema instrumental de 13 minutos de duración que leva por título 'Aurora e Aller'. O traballo en solitario está apoiado polo fondo O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e o artista ven de aproveitar o aniversario da efeméride para presentar o vídeo.
Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena
Xénero:
| 26 / 1 / 2022O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.
Atlantic Fest quere volver en xullo ao formato orixinal
Xénero:
| 24 / 1 / 2022A expectativa dunha volta a condicións máis benignas para os eventos culturais anima xa os anuncios previos. Así a organización do Atlantic Fest de Vilagarcía amósase convencida de que este verán que ven poderá ofrecer o encontro co formato orixinal recuperado ao estilo pre-pandemia e pon xa datas. Será entre o 15 e o 17 de xullo cando a cita regrese á Praia da Concha, que ía celebrarse en 2020. Ademais o cartel comeza tamén a deseñarse incluíndo algúns nomes propios: Andrés Calamaro, Fangoria + Nancys Rubias, Los Planetas, Maria Arnal i Marcel Bagés, Rojuu, Los Hermanos Cubero, El Último Vecino, Depresión Sonora, Kora, Las Dianas e Rocío Saiz.
García MC lanza o seu primeiro longa duración
Xénero:
| 21 / 1 / 2022Flamante, unha colaboración con Natasia Zürchers, é o primeiro single do álbum de debut de García MC. Logo de varios EPs o veterano rapeiro lanza o LP Arquipélago Quilombo, dez temas nos que segue a liña da súa formación Nación Quilombo e aposta pola mestura de ritmos do mundo coa palabra como eixo.
A orquestra Vigo 430 conta con convidados internacionais na súa nova temporada
Xénero:
| 21 / 1 / 2022A violinista e directora holandesa Rosanne Philippens abrirá este 28 de xaneiro a Tempada 2022 da Orquestra Vigo 430. A formación inicia un novo ciclo de cinco concertos que se prolongará ata o vindeiro mes de abril e que complementa o seu ciclo de outono. Canda a Philippens, que abordará a 3ª Sinfonía de Beethoven e mais o concerto para violín de Brahms, o programa inclúe a presenza doutras figuras internacionais.
O dúo BellónMaceiras publica un disco-libro infantil
Xénero:
| 13 / 1 / 2022O dúo de música tradicional BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) ven de presentar o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.