Noticias
Os d'Abaixo voltan con Somos a pedra
Xénero:
| 5 / 1 / 2022Logo dunha exitosa campaña de Verkami, a banda Os d'Abaixo presentaba este mes de decembro Somos a pedra. O terceiro traballo do grupo recupera pezas populares, entre elas algunha das gravadas por Alan Lomax, e incorpora composicións propias para sumar un total de once temas. As traballadas melodías integran arranxos inéditos na traxectoria da banda e ritmos vivos para deconstruír formas tradicionais. O sexteto propón sonoridades nas que o baile se mestura coa escoita pausada, cunha percusión máis variada que en anteriores traballos.
Brath continúa a súa experimentación con Clan Atlante
Xénero:
| 4 / 1 / 2022En marcha desde 1980, o veterano grupo de folk e fusión Brath acaba de tirar do prelo o seu duodécimo traballo, no que continúa a apostar pola experimentación a partir da música de raíz. O que fora o primeiro grupo galego en integrar instrumentación eléctrica na tradición lanza o libro-CD Clan Atlante. O novo álbum mestura "composicións de fondo raigame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons do jarocho mexicano, dando como resultado un traballo ecléctico e diferente", segundo indica a banda no seu texto de presentación. Unha colección de temas no que se percibe a vontade de experimentar e que se atreve mesmo a fundir ska con pasodobre.
Un ciclo amosa o traballo das bolseiras de música da Deputación a Coruña
Xénero:
| 3 / 1 / 2022Sons para un regreso é o título do ciclo de concertos que amosa estes días 6 e 7 de xaneiro o traballo das bolseiras de música da Deputación da Coruña. Na primeira das xornadas a cita achega ao teatro Colón o traballo da pianista Rosalía Gómez Lasheras, que desenvolve a súa carreira ao longo de escenarios de toda Europa, Oriente Medio ou Estados Unidos e da saxofonista Patricia Cadaveira, que combina o labor de compositora coa de instrumentista e docente e que botou a andar ademais o proxecto Marés Sonoras.
O falecemento de José Antonio Viñas deixa orfa a agrupación Queixumes dos Pinos
Xénero:
| 3 / 1 / 2022O folclore galego lamenta, nesta pasaxe de ano, o falecemento de José Antonio Viñas Mira, destacado divulgador da nosa tradición. Viña fundou hai 25 anos a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos en Pereiro de Aguiar, Ourense, e viña dirixindo o grupo desde aquela. Ademais, na actualidade ostentaba a vicepresidencia da International Union of Folclore Association. No seu haber están recoñecementos como o Oscar Folclore Award en 2012, o premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2019 ou a medalla de ouro da Medalla de oro da IGF (World Folklore Union).
Un libro-CD recolle a historia e sons das pioneiras Pandereteiras de Mens
Xénero:
| 27 / 12 / 2021Cinco mulleres labregas da comarca de Bergantiños que foron as pioneiras en levar o formato feminino das pandereteiras aos palcos e escenarios do espazo público nos anos 70 e 80. Elas foron as Pandereteiras de Mens e un novo libro-CD publicado por aCentral Folque recupera a súa historia elgado, grazas ao estudo da etnomusicóloga e doutora en Antropoloxía Beatriz Busto. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas desde que, no ano 1972 e por primeira vez, se subiron ao palco do Teatro Colón da Coruña. O traballo é unha achega a unha parte indispensábel do patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha compilación de músicas de diversos arquivos, incluídas aparicións televisivas, e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.
Os festivais de verán asómanse con esperanza
Xénero:
| 23 / 12 / 2021Co final de ano comezan a moverse esperanzadas as noticias sobre os festivais de cara ao verán. Nesta semana tres foron as novidades relativas a estes eventos que foron avanzándose de cara a convencer ao público máis previsor, as tres relativas a festivais da provincia de Pontevedra. Así, dos festivais Revenidas, Vive Nigrán e Portamérica xa temos noticias sobre os primeiros nomes do seu cartel, as datas ou mesmo algunhas outras cousas. Moitos deles xa teñan á venda abonos e entradas con descontos para os máis madrugadores.
Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión
Xénero:
| 21 / 12 / 2021Tanxugueiras son hoxe "Trending topic" en España. Na súa participación na carreira cara ao festival de Eurovisión, as de Teo presentaban na medianoite o tema co que aspiran a representar ao país nese certame internacional de televisións estatais. 'Terra' ten arestora máis de 100.000 reproducións, tras doce horas de presentación oficial na canle de YouTube (houbo unha filtración previa por mor da hora neocelandesa) e a proposta non deixou indiferente a ninguén, sobre todo no que ten que ver coa presenza das linguas oficiais do territorio estatal. "Non hai fronteiras. Ez dago mugarik. No hi ha fronteres. Nun hai fronteres. No hay fronteras ", así repite en galego, euskera, bable, catalán e castelán un dos retrousos deste alalá de Novo Trad das Tanxugueiras. O resto do tema cántase enteiro en galego e fai unha reivindicación da tradición e das raíces coa rotunda afirmación dunhas gorxas que cantan en voces que "veñen para quedar". De saír adiante sería a primeira vez que un tema nunha lingua oficial do Estado diferente ao castelán representaría a España nos 60 anos de certame. Polo festival europeo pasou en 2011 outra artista galega, Lucía Pérez, que contou en castelán a canción "Que me quiten lo bailao".
Sete festivais galegos compiten nos premios ibéricos do sector
Xénero:
| 17 / 12 / 2021A pesares da dificultade para organizar este tipo de eventos, no ano 2021 puidéronse celebrar algúns festivais musicais en Galicia, moitos deles cun cambio de formato adaptado á situación. Grazas a iso ata sete destas citas realizadas na nosa comunidade veñen de presentarse nalgunha das 22 categorías dos VI Iberian festival Awards, certame que premia eventos de España e Portugal. Citas xa veteranas nestes galardóns como Portamérica, SonRías Baixas, WOS ou O Son do camiño, volven buscar recoñecmento nalgunhas das moitas categorías destes galardóns, entran con forza tamén outras novas como O Son dos Arrieiros, da Estrada, e Nachiños Fest, de Ferrol. Agora mesmo o certame está en fase de votación por parte do público a través de Internet, despois os resultados que decida o público pasarán pola decisión dun xurado que comunicará o seu veredicto nunha gala en Lisboa o 26 de marzo de 2022. En anteriores anos xa foron premiadas algunhas das citas galegas neste certame.
A folktrónica de Baiuca aspira a mellor disco estatal do 2021
Xénero:
| 16 / 12 / 2021O tribalismo máxico da 'folktrónica' presentado por Baiuca no seu segundo disco, 'Embruxo' (Raso Estudio, 2021), entrou na lista de 15 finalistas ao Premio Ruído ao mellor disco do ano. Este galardón outorgado pola Asociación de Periodistas Musicais, que celebra este ano a súa sétima edición, coloca o álbum do artista galego á par de outros nomes moi recoñecidos e veteranos da música estatal, coma Kiko Veneno, Vetusta Morla, Quique González, Zahara, C.Tangana ou Morgan, entre outros. Este premio xa recaeu antes en propostas galegas, concretamente Triángulo de Amor Bizarro gañouno dúas veces, en 2016 e na pasada edición de 2020. A resolución do Premio Ruído ten que pasar agora, entre estes quince finalistas, por unha nova fase de votacións que remata o vindeiro 30 de decembro.
Música para escoitar cos pasos do Camiño
Xénero:
| 14 / 12 / 2021Unha persoa que fixese o Camiño de Santiago a pe entre Roncesvalles e a capital galega en 26 días, camiñando 5 horas ao día, podería chegar a escoitar durante o seu percorrido a lista enteira de reprodución de música galega 'Escoita o Camiño. Escoita Galicia'. Esta lista dispoñible en Spotify reúne ao longo de 134 horas e 37 minutos ata 2019 cancións de 1000 artistas e grupos galegos. A Fundación SGAE en Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia a través da AGADIC e do Xacobeo 21-22 é a responsable deste enorme compendio reproducible completo de temas, que ademais tamén se ofrecen agrupados dun xeito máis manexable en 22 listas de reprodución temáticas, das que 13 xa estarán operativas nos vindeiros días. As agrupacións de cancións poden ter que ver con xéneros musicais, coma no caso do jazz ou a clásica, ou verse ofrecidas de xeito conceptual como "Campo da festa" (pachanga e pasodoble), "Chíscalle o ollo" (romántica), "Definamos morriña" (nostálxica), etc. Tamén existe unha lista que agrupa as músicas na función do uso da lingua galega, "En galego", reunindo diversos estilos, que ofrece arestora 71 cancións. A súa difusión focalizarase inicialmente nos albergues e noutros puntos destacados do Camiño de Santiago en Galicia, mediante códigos QR para o acceso directo ás listas, así como mediante as redes sociais.