Ir ao contido directamente.


Noticias

Os composteláns Radio Zapa! presentan 'Demasiado'

Xénero: Rock | 30 / 3 / 2022

radiozapa_demasiado.jpg

Desde 2015 Martín Zapata (Ruxe-Ruxe, La Maldita Blues Band, The Fabulous Resaca Brothers), Fran Facal (Dr. Gringo, Bakin Blues Band) e Jacobo García (Sinestesia, Néboa) veñen traballando como Radio Zapa!. O trío ofrece un rock potente e denso, transitando por sons que van desde a psicodelia dos anos 70 á escena stoner actual pero no que aparecen moitas fontes que podemos relacionar con case todas esas bandas polas que pasaron ou aínda están os tres músicos, tamén no caso das letras combativas e con crítica social.

De lugares e órganos volta á primavera na súa VII Edición

Xénero: Clásica/Lírica | 29 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Entre o 8 e o 17 de abril vindeiros Santiago de Compostela acollerá os oito concertos que compoñen o programa do ciclo De lugares e órganos. O programa volta á primavera, a coincidir coa Semana Santa, logo de dúas xeiras a se celebrar en setembro por mor da pandemia de Covid-19.

A Deputación da Coruña promove residencias creativas no Pazo de Mariñán

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Catro grupos ou bandas de calquera estilo musical e lingua principal en galego estrearán as novas Residencias Artísticas Mariñán. A Deputación da Coruña presentaba este 28 de abril este proxecto que recupera para a creación artística este espazo e que terá continuidade coa vindeira convocatoria doutra serie de residencias dedicadas ás letras e ao pensamento.

Patricia Hermida recibe o premio á excelencia nos Iberian festival Awards

Xénero: Miscelánea | 28 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Patricia Hermida, da empresa Dotbeat, representante de bandas como Agoraphobia, Heredeiros da Cruz ou Terbutalina; organizadora de eventos coma O Son dos Arrieiros na Estrada, Cabos Soltos en Pontevedra ou as Paisaxes sonoras no Barbanza recolleu en Lisboa o Premio á Excelencia desta edición dos Iberian festival Awards. Os galardóns recoñecen o traballo feito no sector dos festivais musicais na península no pasado ano. O premio outorgado a Hermida decídese por designación directa, consulta de asociados e consulta do xurado directamente, con el faise un recoñecemento "dunha personalidade cuxo papel, visión e enerxía en nome da industria dos festivais de música é dinámica, creativa, integradora e positiva", segundo recollen as bases. A persoa elixida dáse a coñecer directamente durante a gala.

A Fundación Curros Enríquez outórgalle a Luz Casal o Premio Casa dos Poetas

Xénero: Pop | 28 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

A Fundación Curros Enríquez outorgáballe este sábado 26 de marzo o XXXVIII Premio Celanova, Casa dos Poetas a Luz Casal. O xurado do galardón, presidido por Antonio Puga Rodríguez, destaca no seu fallo que a "longa traxectoria musical" da intérprete "que a ten convertido nunha das voces femininas de maior prestixio internacional da música española".

Alén da Rianxeira: A vila das cancións

Xénero: Folk | 25 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Historias de cancións que son tamén a historia dunha vila. O Cancioneiro escolar urxente de Rianxo publica este mes de marzo na rede o seu segundo volume. Para alén de rescatar as curiosas conexións que posúen melodías populares con feitos históricos locais, o proxecto pon de relevo o papel fundamental da escola na transmisión do noso patrimonio sonoro.

Música e arquitectura únense en Santiago co ciclo 'Onde a música habita'

Xénero: Miscelánea | 25 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Pór en valor a arquitectura notable da cidade de Santiago de Compostela como marco de accións culturais, neste caso musicais, é o obxectivo do ciclo "Onde a Música Habita", organizado polo Concello e a delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG Santiago). Serán en total catro concertos ao longo do ano que achegarán a música a espazos arquitectónicos referentes na cidade pero dos que moita cidadanía descoñece a súa relevancia arquitectónica, a pesares de ser edificios coñecidos e utilizados. Cada concerto será introducido polo actor Quico Cadaval, que contará aos asistentes a historia de cada localización e en cada concerto a música porase ao servizo da arquitectura, adaptando cada proposta musical ás características do espazo.

Novedades Carminha pisan o freo

Xénero: Pop | 21 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

"Decidimos que precisamos un descanso e por iso imos parar indefinidamente", así comunicaba hoxe o grupo Novedades Carminha a súa intención hoxe a través das redes sociais. A interrupción desta "etapa" de actividade non incluirá concertos nin xiras de despedida, segundo a banda " nin intentaremos sacarvos a pasta cun disco en directo ou un recopilatorio", din aos seguidores. O grupo desexa que este afastamento implique unha recarga de forzas que incite a botar de menos a actividade e "vernos de novo", indica sobre o futuro, "e se non, aí quedan os nosos discos", din referíndose aos 5 álbums que foron publicando nos seus 14 anos de carreira musical. Xustamente co seu derradeiro traballo 'Ultraligero' (Ernie Recordos, 2019), a banda acadaba nos Premios MIN 2020, da música independentes estatal, o éxito absoluto no panorama musical dese ano, coroada con tres a Mellor Álbum Pop do ano, Mellor Artista e tamén ao do Mellor Directo nacional. Os Novedades Carminha estiveron presentes en festivais e deron concertos por España, EE.UU. e México ante milleiros de persoas.

Os festivais amosan músculo e determinación na súa volta

Xénero: Miscelánea | 18 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Coas incertezas previas esvaecéndose e as futuras aínda por chegar, os festivais manteñen o pulso firme cara o verán e seguen a botarlle combustible á súa maquinaria. O festival O Son do Camiño puxo hoxe á venda as súas entradas por días tras esgotar nunha horas de todos os abonos dispoñibles, 12.000, o pasado día 9. Ademais diso, en Pontevedra o festival Surfing The Lérez anuncia a súa volta por San Xoán, os días 23, 24 e 25 de xuño, este carismático evento volverá ao seu escenario habitual, na Illa das Esculturas. Outros festivais anuncian tamén importantes novidades e incorporacións estes días, amosando que a súa actividade está enfocada na volta a normalidade sen deixar espazo ás dúbidas ou medos.

Baiuca entra en oito categorías dos Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 17 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Os Premios MIN da música independente en España xa teñen semifinalistas, elixidos polas votacións do público. A proposta de electro-trad, ou folktrónica segundo se prefira, de Baiuca é o proxecto musical galego máis presente nas listas, aparecendo ata en oito categorías destes premios. Séguenlle con catro postos semifinalistas as Tanxugueiras e a Banda da Loba. Triángulo de Amor Bizarro, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras ou Chicharrón son outras das formacións galegas que se manteñen nas listas tras o proceso de votacións populares. Na categoría de álbum en galego son quince as producións que competirán este ano e que terán que pasar pola seguinte fase de votación do xurado profesional.

<< Inicio / Anterior . 331 a 340 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR