Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Deputación da Coruña promove residencias creativas no Pazo de Mariñán
A Deputación da Coruña promove residencias creativas no Pazo de Mariñán
marzo 29, 2022
Catro grupos ou bandas de calquera estilo musical e lingua principal en galego estrearán as novas Residencias Artísticas Mariñán. A Deputación da Coruña presentaba este 28 de abril este proxecto que recupera para a creación artística este espazo e que terá continuidade coa vindeira convocatoria doutra serie de residencias dedicadas ás letras e ao pensamento.
Segundo destacou o responsable da Área de Cultura deste organismo, Xurxo Couto, "esta nova iniciativa está concibida para dar cabida a toda a diversidade cultural do momento, polo que estamos a falar de convocatorias abertas e cunhas bases que permiten a concorrencia de todo o tecido creativo que temos no país a día de hoxe". Ata o vindeiro día 19 de abril está aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar desta iniciativa. As residencias terán unha duración máxima de sete días e transcorrerán dúas en maio e outras dúas en novembro.
Os proxectos participantes contarán coa dotación material necesaria para o desenvolvemento do seu proxecto, "tales como os espazos axeitados no Pazo de Mariñán, manutención e aloxamento para as persoas participantes e equipamento técnico; así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias" que contribuirá a "facilitar a viabilidade da proposta e a súa inserción no contexto musical profesional", a achegar formación específica para a profesionalización e distribución de cada proxecto, así como xuntanzas con axentes culturais e responsables de programación.
Ao longo da primeira década deste século, a entidade provincial xa desenvolvera unha intensa actividade artística no pazo, con diversas edicións do Diálogos Literarios de Mariñán, o Encontro de Novos Escritores, xornadas creativas sobre pintura e poesía, o Simposio Internacional de Escultura ou mesmo un simposio sobre Land Art. De xeito máis recente, en 2021 a deputación celebrou neste espazo a residencia Patrimonio GZ Sons! Co produtor Raül Refree xunto a compiladores e artistas referenciais da música tradicional galega. Ao longo do mes de Marzo, o pazo acolleu tamén o LabCareixa, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais.