Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os festivais amosan músculo e determinación na súa volta

NOVIDADES DE CARTEL, RECAMBIOS, INCORPORACIóNS E INCLUSO XORNADAS ENGADIDAS PARA O REGRESO DOS FORMATOS PRE-PANDEMIA

Os festivais amosan músculo e determinación na súa volta

MISCELáNEA | marzo 18, 2022

imaxe non dispoñible

Coas incertezas previas esvaecéndose e as futuras aínda por chegar, os festivais manteñen o pulso firme cara o verán e seguen a botarlle combustible á súa maquinaria. O festival O Son do Camiño puxo hoxe á venda as súas entradas por días tras esgotar nunha horas de todos os abonos dispoñibles, 12.000, o pasado día 9. Ademais diso, en Pontevedra o festival Surfing The Lérez anuncia a súa volta por San Xoán, os días 23, 24 e 25 de xuño, este carismático evento volverá ao seu escenario habitual, na Illa das Esculturas. Outros festivais anuncian tamén importantes novidades e incorporacións estes días, amosando que a súa actividade está enfocada na volta a normalidade sen deixar espazo ás dúbidas ou medos.

Hoxe mesmo póñense á venda as entradas por día para o SonRías Baixas 2022. O evento de Bueu ultima o regreso do festival en gran formato para este verán. A cita do 4 ao 6 de agosto con tres xornadas de concertos nas Rías Baixas, zona de acampada a 150 metros da praia, presentou este xoves novas incorporacións ao seu cartel. Unha ducia de bandas súmanse a unha lista que encherá de enerxía as noites de agosto de Bueu. Nomes como La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas únense ás bandas xa confirmadas con anterioridade, como son Kase.O, Tanxugueiras, Rayden, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra. Tamén ven de anunciar o peche da súa oferta musical o FIV de Vilalba, que se celebrará entre o 22 e o 24 de abril. As actuación da Banda de Música de Vilalba, The Zephyr Bones, Kokoshca, Juárez, Fábrica de Espejos, súmense a o cartel para darlle xa forma completa. Ademais engade tamén as sesións dj a cargo de Isaac Peces, Saya e Russ. Estes novos nomes pechan a programación do Escenario Emerxente, situado na Praza da Constitución do Concello de Vilalba.

Resurrecambios
A organización do Resurrection Fest tivo que saír ao paso da cancelación de xira europea de Avenged Sevenfold, cabezas de cartel para a xornada do sábado. Rapidamente buscaron substitución á altura e comunicaron a inclusión da banda francesa Gojira!, unha das máis queridas polo público do festival de outras edicións. Novidades tamén trae o Vive Nigrán, que ven de anunciar con optimismo a incorporación dunha xornada suplementaria ao seu programa, a terceira e que será etiquetada como 'Vive Nigrán[+]'. Será o domingo de xullo, a continuación das anteriores e contarán, canda menos co concerto de Miguel Ríos & The Black Betty Trío. Non moi lonxe de alí, en Baiona, xa se albiscan as primeiras confirmacións para o cartel do Barbeira SeaSon. Nomes como Bala, Zahara, Marta Movidas, estrella Fugaz e Morreo xa están sinalados para a edición que se celebrará na vila entre o 31 de agosto e o 4 de setembro.