Noticias
Os festivais de jazz premian a Sumrrá
Xénero:
| 15 / 3 / 2022A Asociación de Festivais de Jazz Plataforma Jazz España ven de presentarse en sociedade facendo públicos os seus dous primeiros artistas recoñecidos cos Premios Jazz España. A formación galega Sumrrá recolleu o premio a Mellor Proxecto Consolidado do Catálogo Jazz España, no que entran a votación entre os asociados as formacións que participaron das programacións do ano anterior. Así, Sumrrá foi o primeiro proxecto consolidado máis recoñecido polos programadores, compartindo protagonismo co trío da artista catalá Lucía Fumero, como Mellor proxecto emerxente. Os Premios Jazz España consisten nunha xira de concertos polos festivais asociados. Xacobe Martínez Antelo acudiu por Sumrrá ao acto de entrega dos galardóns e presentación do proxecto da asociación na sede da Fundación SGAE en Madrid.
Heredeiros da Crus deixan gravada a súa versión acústica nun novo disco
Xénero:
| 11 / 3 / 2022As restricións derivadas da alerta sanitaria tiveron diferentes tipos de impacto sobre a escena musical, cando se puideron levar a cabo os primeiros concertos unha das limitacións era que o público tiña que estar sentado e quieto. Esa circunstancia pegaba ben pouco cos habituais concertos enerxéticos de Heredeiros da Crus pero a experimentada banda de rock do Barbanza foi quen de ofrecer aos seus seguidores un formato axeitado ao momento, revisando o seu repertorio en acústico na que foi denominada "Xira Angústica" coa que recorreron Galicia. Froito desa experiencia, chega unha nova gravación do grupo, recollida en directo o pasado ano no Palexco de A Coruña no que foi o seu derradeiro concerto neste formato. 'Xira Angústica. Live in A Coruña' (Dotbeat, 2022), é un traballo que recolle esa proposta atípica do grupo, amosando unha faciana descoñecida. En total este disco, o duodécimo da súa discografía e o segundo que recollen en directo tras "All right Chicago [Rock'n'roll] (BOA Music, 2000)", ofrece 13 melodías espidas de fogos de artificio que crean novas escoitas do seus himnos a escribir na historia da música en Galicia no momento en que a incombustible formación celebra os seus 30 anos de actividade. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais.
O terceiro álbum da Orquestra Galega de Liberación mira alén do Miño
Xénero:
| 10 / 3 / 2022A Orquestra Galega de Liberación suma un novo rexistro ao seu prolífico percorrido como emblema do jazz improvisado. 'Meets Portugal' é o terceiro disco presentado pola OGL en pouco máis dun ano. Como os anteriores foi gravado ao vivo, neste caso recollendo a actuación íntegra feita en Tui o 9 de setembro durante a apertura do encontro MUMI 2021, reunindo músicos galegos e portugueses. Toda a música deste concerto foi improvisada no acto e composta en tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material fora acordado, aprendido ou composto previamente segundo indica a propia OGL. Dezasete músico participan desta gravación, seis deles lusos, feita xustamente na apertura dese evento que representa o encontros entre as escenas portuguesa e galega nas beiras do Miño. Seis temas cuxas execucións supoñen un total de 54 minutos conforman este terceiro traballo desta formación de música que reúne artistas e intérpretes dos distintos ámbitos do mundo clásico, o jazz, a música de vangarda e a performance. 'Meets Portugal' segue ao seu primeiro disco, 'Orquestra galega de Liberación' (2021) co que se recolleu o seu primeiro concerto e a 'Na Loita' (2021) que foi gravado ao vivo no Festival Jazz de Ría de Narón en agosto do pasado ano. O disco está dispoñible en todas as plataformas dixitais, incluíndo You Tube.
Grampoder publica hoxe o seu novo disco 'PM'
Xénero:
| 4 / 3 / 2022O dúo compostelán Grampoder, conformado por dous terzos do trío que foran The Homens, ven de poñer final oficial ao "tempo indeterminado de reflexión e renovación de fondo de armario" co que se despediron en 2015 tras a publicación do seu mini EP 'Tigerland'. A banda xa se deu por "resucitada" dando algúns concertos desde 2019 pero agora é cando esa volta plásmase na forma dunha nova gravación de estudo. O álbum longo 'PM' é a súa nova carta de presentación musical, con este disco de 10 novos temas volven cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.
Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión
Xénero:
| 3 / 3 / 2022Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.
O Son do Camiño presenta o cartel da súa volta en pleno Ano Santo
Xénero:
| 3 / 3 / 2022O festival O Son do Camiño, volve ao Monte do Gozo de Santiago no seu formato orixinal e en pleno Ano Santo e xa ten un cartel case completo que ven de presentar. Máis de 40 nomes artístico conforman a oferta musical de tres días, do 16 ao 18 de xuño, e se ben as cabezas de cartel son artistas da escena internacional (The Chemical Brothers, Liam Gallagher, Foals, Jason Derulo ou Editors) e con ampla presenza de músicas urbanas (C Tangana, Anuel AA, Jhay Cortez, Duki, Justin Quiles, Nathy Peluso ou Nicki Nicole) tamén hai espazo nas letras intermedias e pequenas para os artistas galegos.
Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira
Xénero:
| 2 / 3 / 2022A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.
Dakidarría reúnen todos os seus sinais de identidade en 'Colaxe'
Xénero:
| 28 / 2 / 2022Xa está aquí 'Colaxe' (El Garage Producciones, 2022), o agardado novo disco da banda Dakidarría. Seis anos despois do disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria, o grupo volve e gravar novos temas para esta celebración de 18 anos de actividade nos que nunca deixaron de estar presentes sobre os escenarios e festivais do país. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.
Siniestro Total sáese das estradas pero non para a música
Xénero:
| 24 / 2 / 2022Para Siniestro Total non era o mesmo durmir que estar durmindo (como dicían en 'Camino de la cama') e agora non é o mesmo deixar de facer concertos que deixar de facer música. Nunha rolda de prensa celebrada onte en Madrid, unha das máis grandes e prolíficas bandas de rock da historia de España aclaraba (ou non) os termos do que será o seu derradeiro concerto, o de despedida dos escenarios coincidindo co seu 40 aniversario de existencia. Julián Hernández e Javier Soto acudían ao encontro cos medios acompañados de Miguel Costas, ex-vocalista da banda (deixouna en 1994) para promocionar e contar o que vai pasar o vindeiro 6 de maio no Wizink Center da capital española, que se presente coma o "derradeiro concerto" baixo o nome "40 Años sin pisar a Audiencia Nacional".
Pancho Álvarez e o dúo Caamaño & Ameixeiras parten como favoritos nos XXI Premios Opinión
Xénero:
| 22 / 2 / 2022Mellor disco (Cordas históricas), mellor tema orixinal (Versos na pedra) e mellor artista. Estas son as tres candidaturas que Pancho Álvarez acumula na vixésimo primeira edición dos Premios Opinión da Música de Raíz. Comparte ese número co dúo Caamaño & Ameixeiras, que optan tamén a mellor disco (Aire!), mellor tema orixinal (Mercedes y dolores) e mellor adaptación dun tema tradicional (Maneo de Cambre).