Ir ao contido directamente.


Noticias

Agafono preséntase como a primeira asociación que reúne empresas discográficas galegas

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A tan discutida crise da industria discográfica tamén afecta a Galicia. E aínda que desta volta non é tanto a pirataría coma o pouco mercado, as discográficas do noso país tamén deben axeitarse aos novos tempos. Catro delas están a piques de presentar Agafono, a Asociación Galega de Fonografistas, que quere converterse nun referente do sector.

A Cova Folk da Coruña pechou despois de catorce anos de actividade musical e hosteleira

Xénero: Folk | 23 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

Un dos locais destacados dentro do panorama da música folk en Galicia, A Cova Folk, pechou no pasado día de San Patricio as súas portas definitivamente. O pub é propiedade de dous dos membros do grupo Luar na Lubre, Bieito Romero e Pachi Bermúdez, e o próximo derrube do edificio no que está na Rúa do Orzán número 38 obriga á súa desaparición. Polo local, pioneiro no apoio ao folk, pasaron nestes anos figuras destacadas da música como Carlos Núñez , Susana Seivane, Milladoiro, Manu Chao , Paco Ibáñez membros de Capercaillie ou The Chieftains. Malia todo haberá unha certa continuidade xa que Romero e Bermúdez abrirán, a cen metros de alí na rúa Cordonería, un novo local de nome Espiral Folk.

Máis información en La Voz de Galicia

O primeiro disco do grupo Arán mestura sons tradicionais irlandeses e galegos

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2006

not_7704.jpg

Aínda que inicialmente este quinteto naceu co obxectivo único de dar concertos en vivo o seu percorrido dá agora un xiro ao presentar a súa primeira gravación, o disco “GalÉire”. Neste traballo os membros de Arán mesturan a partes iguais pezas tradicionais irlandesas con temas galegos. O grupo naceu a partir do dúo formado polo gaiteiro Antón Davila e Xosé Liz, mestre na Escola de Música Popular de Vigo; e eles uníronse o inglés Harry Price, ao violín, Suso Alonso nas percusións e Álvaro Iglesias no contrabaixo. No disco tamén contan con colaboracións como as de Pancho Álvarez, Barry McGrath e Helena Paz.

Máis información en La Opinión

O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”

Xénero: Miscelánea | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.

Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca

O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.

Máis información no web da Fundación

O proxecto Directo Xove do Concello de Cangas levará a música de doce bandas canguesas polos locais do municipio

Xénero: Miscelánea | 14 / 3 / 2006

not_7656.jpg

Cada venres entre o 24 de marzo e o 9 de xuño actuará unha das doce bandas de balde nun dos cinco locais inseridos no proxecto. Os grupos que participan do programa son Estado Puro, Dos Pelos Negros,, Rabuñaldes, Thunn!, Fly Bronze Lines, Dátrebil, Jit!, Fijado Korroldo, Ludovaina, Lavorda, Dianota e Ëxodo. Un festival de dous días no areal de Rodeira no que participarán estas doce bandas máis un cabeza de cartel invitado cada día pecharán o programa. Dentro do proxecto tamén está prevista a edición dun disco cun tema de cada grupo participante e do que se tirarán 1000 copias. Directo Xove 06 está organizado pola Concellería de Xuventude e a Casa da Xuventude do Concello de Cabgas, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os 40 Principales e o programa El Maketón, Frigoríficos do Morrazo e a produtora Saraiba.

Máis información Directo Xove

Eloi Caldeiro promove a revista de información cultural Naz-on

Xénero: Miscelánea | 10 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

O músico e empresario Eloi Caldeiro presentou hoxe o primeiro número da revista bimestral Naz-on. O compoñente de Brath e director da discográfica Sons Galiza dirixe esta iniciativa que ten como obxectivo cubrir todos os eventos culturais que está a ter lugar e toda a produción cultural do país. Segundo Caldeiro a revista, que xa está en quioscos e librarías, “nace para quedarse” e confirma a súa saída por un período inicial dun ano. Caldeiro apuntou a gran necesidade que ten a cultura galega de verse recollida nos medios de comunicación xa que “sen repercusión da actividade cultural é imposible manter un mínimo de profesionalidade”.

Máis información en Naz-on

Milladoiro, Carlos Jean e Amaro Ferreiro son finalistas nos X Premios da Música

Xénero: Miscelánea | 10 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

Hoxe comeza a segunda e definitiva quenda de votacións que decidirá os gañadores dos X Premios da Música. Entre os finalistas do certame que organiza a Academia das Artes e das Ciencias da Música hai varios galegos. Na categoría de mellor álbum tradicional está Milladoiro con“25”, traballo co que celebra as súas vodas de prata. Pola súa banda, Amaro Ferreiro é finalista como mellor autor revelación polo tema "Turnedo", que interpreta o seu irmán Iván, ex-vocalista de Los Piratas. Ademais, o ferrolá Carlos Jean é candidato a mellor álbum de banda sonora cinematográfica por “Ausentes”. Por ultimo, Nova Galega de Danza, Xabier Díaz e Mamá Cabra compiten ente si polo premio a mellor canción en galego. Nesta edición o álbum “No te olvides de mi”, de Diana Navarro é a gran favorita con seis candidaturas.

Máis información no web da Academia das Artes e das Ciencias da Música

O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta

Xénero: Folk | 7 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.

Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival

A Real Filharmonía programará tres composición galegas para celebrar a súa década de vida

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) cumpre dez anos. Unha celebración que afronta con dous retos: consolidarse a nivel internacional, para o que ten previsto unha xira por Sudamérica; e afianzar o seu proxecto musical no noso territorio. Para isto, ademais do concerto do venres (Auditorio de Galicia, 21:00 horas) a RFG estreará ao longo do ano a obra de tres compositores galegos: Xoan Trillo, Juan Durán e Eduardo Soutullo.

<< Inicio / Anterior . 3291 a 3300 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR