Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Real Filharmonía programará tres composición galegas para celebrar a súa década de vida

A DéCIMA SINFONíA

A Real Filharmonía programará tres composición galegas para celebrar a súa década de vida

CLáSICA/LíRICA | marzo 2, 2006

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) cumpre dez anos. Unha celebración que afronta con dous retos: consolidarse a nivel internacional, para o que ten previsto unha xira por Sudamérica; e afianzar o seu proxecto musical no noso territorio. Para isto, ademais do concerto do venres (Auditorio de Galicia, 21:00 horas) a RFG estreará ao longo do ano a obra de tres compositores galegos: Xoan Trillo, Juan Durán e Eduardo Soutullo.

A Real Filharmonía celebra os seus dez anos de creación cun acto no que, segundo Oriol Roch, o seu director técnico “mais que un concerto é unha celebración na que se quere amosar dúas cousas fundamentais; en primeiro lugar, coa interpretación de Saturnal (obra de Manuel Balboa que interpretaron no concerto inaugural de 196) renóvase o noso compromiso coa música galega coas raíces da nosa terra e coa cultura de aquí. Coa interpretación da “Obertura Egmont” de Beethoven preténdese amosar o compromiso coa cultura europea que nos une, xa que a linguaxe sinfónica é un dos elementos cohesionadores culturais e internacionalizadores máis importantes desde o século XIX”. Por outro lado, Oriol explica que coa segunda obra evidencian que son unha orquestra de corte Beethoveniano, ao asegurar que “a Filharmonía na súa formación e no seu tamaño, responde á orquestra tipo ideada por Beethoven; un compositor que é para nós o un punto de referencia”.

O cambio
Atrás quedan os abucheos que lle brindou unha parte do público coruñés a Maximino Zumalave cando dirixía á Sinfónica de Galicia nun concerto na Coruña. Unhas criticas que recibiu por ser, xunto con Xerardo Estevez, un dos máximos impulsores da RFG Naquel momento non callou en graza que en Santiago se puxera a andar un proxecto musical, pouco tempo despois de que nacera a Sinfónica avalada polo concello da Coruña. Pero o tempo pasou e a Filharmonía, que ten no Auditorio de Santiago a súa residencia habitual, foi asentando o seu proxecto musical e veuse que as dúas formacións teñen espazo en Galicia. Xa non so iso, senón que Oriol Roch “penso que actualmente a potencia musical e cultural que supoñen as dúas formacións retroaliméntanse unha á outra. Ademais, Galicia está configurándose como a comunidade con máis potencia dentro do panorama sinfónico español”. Tanto é así que o director técnico da Filharmonía cre que “Galicia está moi por diante, como a anos luz, de Cataluña no panorama sinfónica, por escoller unha comunidade cun desenvolvemento económico e cultural superior”.

Pero o cambio non está só na mellora do proxecto musical das dúas formacións galegas, senón tamén, no produto en singular, nos músicos. Á Real Filharmonía ténselle criticado que a maior parte dos seus músicos fosen estranxeiros e o director técnico explica que “é unha situación que xa empezou a mudar, en parte porque os músicos galegos están acadando cotas de calidade que hai quince anos eran difíciles de imaxinar”.

Un camiño: dúas etapas
“Creo, explica Oriol Roch, que as etapas das orquestras, son as que veñen definidas pola impronta que marcan os directores titulares, que os que definen o seu proxecto artístico”. Por tanto tomando, esta referencia queda claro que a Real Filharmonía contou con dúas etapas: unha definida por Helmunth Rilling que, para Oriol “fixo a tarefa sempre difícil de arrancar o proxecto cultural”. E a partir do 2000 o catalán Antoni Ros Marbá colleu a batuta para marcar un ritmo que é o que

Apertura cara o exterior
Hai un ano a Real Filharmonía aproveitou a presentación dun dos concertos da súa temporada de abono para comunicar saídas a Madrid e a Barcelona. Indicaba un cambio de tendencia na formación que buscaba novos camiños no exterior. Esta nova tendencia apuntaba a un nome propio o de Oriol Roch, o novo director técnico da orquestra que ocupou o cargo deixado por Carlos Magán, logo de que o consorcio decidira non renovarlle o seu contrato. “Esta é a vontade, explica Oriol, e materializouse en cuestións concretas como o meu contacto co festival de piano de “La Roque d´Anthéron” que estivemos como orquestra Residente e que sen dúbida é un dos máis importantes escaparates musicais do panorama festivalero musical europeo”. Unha liña na que se vai continuar a partir de setembro. Será entón cando a Filharmonía inaugure unha xira por Sudamérica que, segundo Oriol “ten un carácter máis de conexión coa comunidade galega en Sudarmérica e de presenza nas salas máis importantes de Arxentina e Chile, principalmente”.

E cara o interior
“Para a Real Filharmonía de Galicia cremos que temos bastante ben atendido á composición galega” explica o seu director técnico. As súas palabras confírmaas un informe da Fundación Autor, dependente da SGAE, que apuntaba que era formación galega que presentaba unha maior porcentaxe de compositores galegos, aínda que o número seguía sendo baixo. Manuel Balboa, Octavio Vázquez, Xoán Trillo... son algúns dos compositores galegos coas que a Filharmonia leva traballando desde o momento da súa creación no 2006. De feito, para conmemorar a súa década de vida, a RFG estreará as obras de tres compositores: Xoan Trillo, Juan Durán e Eduardo Soutullo. “Son, explica Oriol, tres compositores bastante diferentes entre si e que cobren un abano da composición actual do país”. Pero non será o único campo no que traballará a Filharmonía para consolidarse no panorama galego, o alcalde de Santiago e representante do Consorcio, Sánchez Bugallo, asinaba con Benigno Sánchez, director da CRTVG, un acordo polo que os medios públicos do pais (a Radio Galega e a Televisión de Galicia) emitirán os concertos da Filharmonía.

Pero o futuro queda aberto a múltiples cambios, como o posible cambio de situación da sede da Filharmnonía de Galicia. Na rolda de prensa de presentación dos actos do décimo aniversario, o Alcalde de Santiago apuntou a posibilidade de que a Filharmonía teña o seu lugar na Cidade da Cultura.