Ir ao contido directamente.


Noticias

O Festival Imaxina Sons presentará en Vigo unha grande orquestra galega de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 26 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Nada menos que dezaoito músicos integrarán a primeira grande orquestra de Jazz de Galicia, O Festival Imaxina Sons, de Vigo, presentará o vindeiro un de xullo esta proposta, que coordinan Abe Rábade, Alberto Conde, Roberto Somoza e Baldo Martínez. Logo da súa presentación a orquestra percorrerá diferentes cidades do país. O Imaxina Sons desenvolverase entre o quince de xuño e o dous de xullo e achegará a Vigo cincuenta concertos europeos.

Máis información en La Voz de Galicia en Faro de Vigo, e nos nosos arquivos

Os artistas finalistas nos Premios de la Música demandan políticas de apoio da Xunta ao sector musical

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Os finalistas galegos dos Premios da Música que convoca a Academia das Artes e as Ciencias da Música reunidos pola SGAE coincidiron en reclamar o apoio da Xunta ao sector musical en Galicia. Tanto Ramón García, de Milladoiro, como Xosé Lois Romero, de NGD, aludiron á importancia da dimensión económica do sector e a necesidade de sentir o apoio institucional. mesmo contemplaron a creación duns premios da música galega. Os candidatos a mellor canción en galego son Nova Galega de Danza, por “Alalá”; Xabier Díaz e Guillermo Fernández, por “Pedra de Sal”, e o grupo Mamá Cabra por “Tan só con leres un libro”. A eles hai que engadir as candidaturas nas categorías absolutas de Milladoiro co disco “25”, que compite ao Mellor Album de Música Tradicional e Amaro Ferreiro, que compite como Autor Revelación pola canción “Turnedo” interpretada por Iván Ferreiro. Tamén o músico de orixe ferrolá Carlos Jean é candidato pola banda sonora da película “Ausentes”. Os gañadores coñeceranse o vindeiro cinco de maio.

Máis información en La Voz de Galicia

Un CD e un concerto dan a coñecer a reconstrución musical das Cantigas de Santa María feita por Rosell

Xénero: Antiga | 19 / 4 / 2006

not_7856.jpg

“Galicia e as Cantigas de Santa María” é o nome do CD coa versión das famosas cantigas afonsinas feita por Antoni Rosell para o Consello da Cultura Galega. Pero é moitas cousas máis, un traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Formaba parte dun ambicioso proxecto que, como explicou o presidente do Consello da Cultura Galega na presentación do traballo, Alfonso Zulueta de Haz, “non se puido realizar ao non conseguir os apoios necesarios”. Daquel proxecto fallido salvouse este traballo de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegan unha interpretación das Cantigas diferente das que acostumamos a escoitar. Os que queiran escoitala en directo, teñen unha cita o vindeiro xoves, 20 de abril, ás 20:15 horas no Pazo de Xelmírez en Santiago.

Máis información no web do Consello da Cultura Galega e sobre as Cantigas de Santa María na nosa hemeroteca

Dios Ke Te Crew publica o álbum "Xénese", primeiro disco de hip hop integramente en galego

Xénero: Hip-Hop | 12 / 4 / 2006 + VINCULO

not_7828.jpg

Logo de levar uns anos a amosar o seu traballo por escenarios de todo o país, o grupo Dios Ke Te Crew acaba de presentar "Xénese", o seu primeiro álbum. O traballo, producido polo propio grupo en colaboración coa discográfica Falcatruada é o primeiro álbum de hip hop feito integramente no noso idioma.

Máis información en Vieiros(en pdf), no web do grupo e no noso tema sobre Dios Ke Te Crew

Santiago e Lugo celebran esta Semana Santa con música relixiosa en lugares de culto

Xénero: Clásica/Lírica | 11 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Aproveitando o clima de reflexión que obriga cada Semana Santa, os concellos programan concertos de música clásica en lugares de culto. Igrexas, capelas e mosteiros, que moitas veces están pechados durante o ano ábrense estes días para acoller estes eventos. O patrimonio e a música, cun envoltorio cultural, combínanse a propósito da Semana Santa.

Un novo proxecto leva a fusión musical ao Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2006

not_7813.jpg

O acordo entre Estrella Galicia e o produtor Javier Limón permitirá a introdución dun novo espectáculo de fusión musical no Festival Celta de Ortigueira. "Galicia & outras músicas" é o nome deste proxecto que reunirá músicos folk coma Budiño, Uxía ou Leilía con intérpretes de xéneros do mais dispar, coma Jerry González, Niño Josele ou La Negra. O resultado poderá verse no propio festival o sete de xullo e será gravado para a súa posterior edición en disco.

Máis información en Vieiros e no web do Festival

Mozart é o protagonista do programa da Semana do Corpus de Lugo

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Van xa 34 edicións da Semana de Música do Corpus de Lugo, un dos festivais de música máis antigos de Galicia. Un evento que este ano quixo unir a súa programación á celebración do 250 aniversario do nacemento de Wolfgang Amadeus Mozart. O compositor austriaco, do que se interpretan dez dos dezasete concertos programados, a mezzosoprano Mónica Groop e o pianista Nikolai Luganski son os protagonistas dun ciclo que comeza o 21 de abril e se estenderá ata o 12 de xuño.

Máis información no web do Concello de Lugo, en La Voz de Galicia (Edición Lugo) e en El Progreso

A nova edición do Festival Mozart non inclúe ningunha ópera deste compositor no seu programa

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Nun orixinal xeito de se achegar ao compositor nos 250 anos do seu nacemento, o célebre Festival Mozart da Coruña celebrarase este ano sen programar ningunha ópera deste autor. Segundo Alberto Zedda, asesor artístico do evento, deste xeito quérese evitar a "indixestión" do público cara ao célebre músico. Un encontro internacional encol de Don Giovanni e mais actividades na rúa para achegar o autor aos máis pequenos son as principais novas da edición, que achegará tamén catro óperas.

Máis información no web do Festival, en La Voz de Galicia, La Opinión, en El Ideal Gallego e nos nosos arquivos

A Fundación Barrié inclúe a súa sede de Vigo no programa do seu undécimo Ciclo de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 4 / 4 / 2006

mega_01.jpg

O Ciclo de Jazz reunirá durante o mes de abril unha variada representación de figuras do jazz internacional. A apertura do ciclo comezou o sábado na Coruña coa proxección da película francesa “Swing” á que seguiu o domingo o Festival Gypsy Jazz Manouche co cuarteto de Tchavolo Schmitt. Por primeira vez a Fundación programará na súa sede de Vigo tres concertos, dun caracter máis intimista que os que propón para a Coruña, onde figuras emerxentes na escena mundial compartirán cartel con músicos consagrados, ademais dunha Jam Session na que tomarán parte músicos galegos. En Vigo actuarán entre outros o Benny Green Trío ou o Ronnie Mathews Trío e a representación galega na “jam session” programada para o día 20 estará integrada por Manu Gómez, Roberto Somoza, Carlos López, Pablo Seoane, Alfonso Morán e Javier Pereiro. Na Coruña están previstos os concertos do cuartetos de Eliane Elías e de Jim Hall, ademais da actuación de Gary Burton & Makoto Ozone. Todos os concertos son de balde previa retirada da invitación.

Máis información na Fundación Pedro Barrié de La Maza

O camiño de Santiago centra o certame que substitúe ao Festival Internacional de Música de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 30 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

Os cambios no Xacobeo: de xerente, de orientación e de colocación dentro do organigrama da Xunta (agora depende da Dirección Xeral de Turismo) comezan a traducirse na programación. O primeiro dos cambios é que o Festival Internacional de Música de Galicia deixa paso a outro certame, tamén musical, que contará con 30 concertos que teñen ao Camiño de Santiago como razón de ser. Ademais, segundo publica hoxe "La Voz de Galicia", o novo evento terá un orzamento sensiblemente inferior ao vello, pasando dos tres millóns aos 900.000 euros, sen que iso supoña unha diminución notoria do seu nivel.

Máis información en La Voz de Galicia

<< Inicio / Anterior . 3281 a 3290 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR