Noticias
Dispoñible na rede o informe para a declaración da foliada como BIC
Xénero:
| 29 / 11 / 2022"A foliada é a manifestación musical, festiva, popular específica de Galicia e dos galegos e galegas. Caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e esponteaneidade tanto formal como musical, na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben".
Sés publica hoxe o novo álbum 'Diante un eco'
Xénero:
| 25 / 11 / 2022Xa pode escoitarse en plataformas dixitais o novo traballo de María Xosé Silvar 'Sés' do que xa se adiantará algún tema como "Cantan as balas". 'Diante un eco' é o título deste oitavo álbum da artista, que ofrece unha ducia de temas fieis no concepto ás súas características máis definitorias, actitude combativa, letras comprometidas e críticas, con perspectiva feminista e política e cunha forza que non admite filtros. De feito, neste novo disco a contundencia faise máis eléctrica e roqueira do habitual en moitos dos temas, incluíndo o de adianto ou o que dá nome ao álbum. O título do disco fai referencia á concepción cíclica da historia, que a autora ve presente na deriva sociopolítica actual. Ademais seguindo esa liña o traballo preséntase como unha volta da cantautora aos seus inicios, desde o oficio dunha carreira de once anos e a madurez.
O festival de Jazz e Blues de Ribadeo presenta a VIIIª edición
Xénero:
| 23 / 11 / 2022Ribadeo acolle desde este venres unha nova edición do seu Festival de Jazz e Blues, a oitava en dez anos e que volve celebrarse tras do parón pandémico. Un cartel de artistas no que hai primeiras figuras do xénero da escena internacional, estatal e galega conforman unha oferta que se estenderá ata o vindeiro 11 de decembro e forma de concertos, ceas con concerto, masterclass, gastronomía e unha exposición que repasará a primeira década deste festival da Mariña lucense. Pablo Sanmamed Trío abrirá a programación este venres cunha cea-concerto no restaurante Javier Montero, tras o acto de apertura do festival e da exposición na Oficina de Turismo da localidade. Bandas da escena internacional como Gisele Jackson & The Shu Shu´s, Red Beans & The Pepper Sauce e Noa Lur, pasarán por Ribadeo ao igual que os cubanos Trio Mejunje, Pablo Castanho / Marcos Pin Jazz Orchestra e Los Deltonos. Carmen rey e Matabuena Trío serán os encargados de outras das ceas-concerto.
Fanny & Alexander volven cun disco reparador de perdas
Xénero:
| 23 / 11 / 2022Xa van alá máis de doce anos desde a anterior presentación dun disco do dúo compostelán Fanny & Alexander (Antes Fanny + Alexander), o proxecto musical de Efi Arias e Noel Feáns. Hoxe o dúo sorpréndenos cun novo traballo que, a pesares de ser un celebrado regreso, titúlase tristemente "A túa ausencia neste ar" e o fan da man da volta á actividade este ano do selo ARequeifa2.0, a plataforma coa que xa editaran os seus tres primeiros traballos "Lusco e Fusco" (2006), "Finais dos 70s, comezos dos 80s" (2007) e "Alfaias" (2009). Con estes tres traballos o dúo ofrecía nesa primeira década do século unha aproximación ao pop electrónico en galego e cunha ollada postpunk que era quen, xa daquela, de integrar a poesía de autoras contemporáneas con sons da nosa música tradicional, do folk e da música de cámara nunha proposta sonora que hoxe ten moitos adeptos con éxito e que merece manterse entre as escoitas habituais. O seu impacto, igual que o de algúns outros coetáneos daquel intre como Projecto Mourente e The Homens e Ataque Escampe entre outros foi tanto como para seguir a ser lembrados de moitos xeitos malia a desaparición dalgúns deses grupos. As cancións do dúo estiveron presentes en recompilacións como a feita por Galeguiza-T da "Nova antoloxía da música galega contemporánea" e tamén nos paneis da exposición "cantámola en galego" presentada o pasado 2021. A última vez que neste medio tivemos noticia sobre eles foi cando compuxeron a canción "Illa pedra", feita para a curtametraxe do mesmo título asinado por Adriana Páramo en 2010.
Máis seis milleiros de persoas forman parte dalgunha coral galega
Xénero:
| 22 / 11 / 2022En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe "As corais en Galicia", o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible na web do organismo para a súa descarga, presentouse no marco da xornada 'As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego', que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Xénero:
| 18 / 11 / 2022O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.
Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'
Xénero:
| 15 / 11 / 2022Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.
Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre
Xénero:
| 10 / 11 / 2022O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".
LaMontagne & Pico Amperio sacan hoxe o seu primeiro álbum
Xénero:
| 8 / 11 / 2022Tras varios anos de intensa presenza nos escenarios e eventos de toda Galicia o dúo LaMontagne & PicoAmperio sacan hoxe o seu primeiro disco longo autoeditado. "Algo que sinalar" é o título deste traballo de oito temas que hoxe xa está disponible nas plataformas dixitais e que tamén hoxe mesmo, martes 8 de novembro, defenderán en directo nunha actuación no Pub Modus Vivendi en Santiago de Compostela ás 21:00 horas.
Estrea mundial dunha nova sinfonía do Mestre Rogelio Groba
Xénero:
| 7 / 11 / 2022A Orquestra Sinfónica de Galicia estreará este mércores, 9 de novembro, en concerto a nova obra do mestre Rogelio Groba (Ponteareas, 1930). O compositor galego escribiu a súa Sinfonía nº 16, "Voces da terra" por encargo para a OSG, como parte da celebración do 30 aniversario da formación que se celebra esta temporada. A estrea mundial desta composición irá acompañada no programa deste mércores da interpretación da peza de Ramón Humet "In The Distance for Orchestra", obra gañadora do XIV Premio Andrés Gaos da Deputación da Coruña, que tamén se estrea nesta velada coa OSG dirixida por José Trigueros. En declaracións ao xornal La Voz de Galicia, o mestre Groba define a súa nova creación sinfónica como "unha sinfonía festiva que utiliza como inspiración os catro elementos clásicos da filosofía presocrática: vento, auga, terra e lume, que tanto influíron na cultura e pensamento europeo". Aos seus 92 anos Rogelio Groba é un dos compositores galegos máis destacados que conta con máis de 600 composicións rexistradas entre cantatas, óperas e lieders, entre outras pezas.