Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Fanny & Alexander volven cun disco reparador de perdas

O DúO ROMPE UN LONGO SILENCIO PUBLICANDO O SEU CUARTO áLBUM "A TúA AUSENCIA NESTE AR"

Fanny & Alexander volven cun disco reparador de perdas

ELECTRóNICA | novembro 23, 2022

A_tua_ausencia_neste_ar_capa.jpg

Xa van alá máis de doce anos desde a anterior presentación dun disco do dúo compostelán Fanny & Alexander (Antes Fanny + Alexander), o proxecto musical de Efi Arias e Noel Feáns. Hoxe o dúo sorpréndenos cun novo traballo que, a pesares de ser un celebrado regreso, titúlase tristemente "A túa ausencia neste ar" e o fan da man da volta á actividade este ano do selo ARequeifa2.0, a plataforma coa que xa editaran os seus tres primeiros traballos "Lusco e Fusco" (2006), "Finais dos 70s, comezos dos 80s" (2007) e "Alfaias" (2009). Con estes tres traballos o dúo ofrecía nesa primeira década do século unha aproximación ao pop electrónico en galego e cunha ollada postpunk que era quen, xa daquela, de integrar a poesía de autoras contemporáneas con sons da nosa música tradicional, do folk e da música de cámara nunha proposta sonora que hoxe ten moitos adeptos con éxito e que merece manterse entre as escoitas habituais. O seu impacto, igual que o de algúns outros coetáneos daquel intre como Projecto Mourente e The Homens e Ataque Escampe entre outros foi tanto como para seguir a ser lembrados de moitos xeitos malia a desaparición dalgúns deses grupos. As cancións do dúo estiveron presentes en recompilacións como a feita por Galeguiza-T da "Nova antoloxía da música galega contemporánea" e tamén nos paneis da exposición "cantámola en galego" presentada o pasado 2021. A última vez que neste medio tivemos noticia sobre eles foi cando compuxeron a canción "Illa pedra", feita para a curtametraxe do mesmo título asinado por Adriana Páramo en 2010.

"A túa ausencia neste ar" (Aregueifa2.0, 2022) preséntase como un disco de "querenza conceptual" no que todas as cancións xiran arredor da perda e da ausencia que a segue, unha situación de claras implicacións persoais para a parella nas súas experiencias. Os nove temas que compoñen este traballo teñen esas ausencias presentes, moitos deles xa desde o título, buscando en todo caso facer das propias músicas "ferramentas reparadoras" para todo tipo de perdas persoais. Con ese obxectivo Fanny & Alexander botan de novo man das voces poéticas galegas do presente, unha constante nos seus anteriores traballos. Aquí o disco ábrese con "O tempo cura mais arrasa" para o que o dúo conta cos versos de Marga Tojo e nas pezas que seguen están presentes tamén as creacións poéticas de Xess Modelo, Arancha Nogueira, Ledicia Costas, Lorena Souto, Antía Otero e Charo Lopes e Lara Dopazo. Tamén nas voces que se engaden nas gravacións están presentes algúns dos nomes das nosas letras, como Lucía Aldao, Luz Fandiño, Xela Arias, Theresa P. Lousame, Nuria Vila e Alba Cid. O resultado é unha recompilación da poesía feminina galega ao cento por cento na que todas as que están, son. O primeiro vídeo que se presenta é o que dá nome ao disco, unha canción asinada polo dúo tamén na letra e unha das máis persoais do disco, igual que a realización do vídeo, obra do dúo. O disco distribuirase en copia física no formato CD (digipack) e con licencia Copyleft como foi sempre a súa decisión. Neste caso a presentación faise dentro dun marco de madeira co lenzo da portada, unha pintura de Xerome Feáns Arias (2011- 2018). Un cadro para poder pendurar que leva por detrás un código QR que leva directamente á escoita do disco nas diferentes plataformas dixitais e na páxina web do dúo.

datos do disco