Noticias
A música tradicional chora o pasamento de Antón Cabaleiro
Xénero:
| 31 / 10 / 2022A música tradicional galega magóase estes días pola perda de Antón Cabaleiro Millares, actualmente membro da emblemática formación Treixadura. Cabaleiro, natural de Vigo, falecía o pasado sábado aos 71 anos de idade e desde as redes sociais de Treixadura despedían con fondo sentimento ao seu barítono: "Seguimos o noso camiño longo e ti seguirás nel por sempre, coa túa pandeireta, co teu canto amable, coa túa tenrura e gratitude e sorrindo para todos nós." Ademais de en Treixadura, Antón cabaleiro expresou o seu amor pola cultura tradicional galega tamén como profesor de danza e percusión tradicionais, foi un dos membros fundadores do grupo A Roda a finais dos anos 70 e estivo noutras formación similares como Petapouco e Castaña antes de entrar na que sería a súa "familia musical" dos pasados anos, o grupo Treixadura. A formación, que está a celebrar o seu trinta aniversario, ten na súa axenda unha próxima actuación na Coruña, no marco das Festas do barrio de Monte Alto o vindeiro 12 de novembro. Na súa despedida a Cabaleiro Treixadura avanzan xa a que será a súa homenaxe en forma de música: "Con 'Vento das Cíes' e 'Froles Mareliñas' choramos a túa ausencia e honraremos a túa memoria coa nosa música".
Unha Arca feita de redes
Xénero:
| 28 / 10 / 2022Unha sala de concertos atípica, situada no rural e cun aforo moi limitado pola que pasa unha grande parte dos nomes da escena musical do país. Recoñecida por segunda vez cun Premio Martín Códax da Música á mellor sala este mes de outubro, a Arca da Noe dá un novo paso e introdúcese na edición co vindeiro lanzamento dun libro-CD no que artella colaboracións entre diferentes artistas e amosa a forza das redes que se tecen desde este espazo.
Amigos da Ópera de Vigo leva a escena o Falstaff de Verdi
Xénero:
| 28 / 10 / 2022Por vez primeira Vigo acollerá unha representación da ópera Falstaff, de Giuseppe Verdi. O Teatro Afundación presenta este 30 de outubro a posta en escena desta produción orixinal da Asociación de Amigos da Ópera, a máis ambiciosa das que ten desenvolvido esta entidade.
Familia Caamagno saca o seu segundo disco
Xénero:
| 26 / 10 / 2022Familia Caamagno ven de ser recoñecido como o mellor proxecto de Rock de Galicia na edición de este ano dos Premios Martín Códax. A banda sacou esta semana á luz o que é seu segundo disco de longa duración "O mundo está derrotado". Desde febreiro co publicación do videoclip coa súa versión do tema de Juan Pardo, "Xuntos", a banda foi presentado varios dos temas que conforman este novo disco, o último xustamente o que dá título ao volume, que segue a aquel álbum de debut "Había que intentalo" (2019). A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá este sábado a presentación oficial en concerto deste traballo, unha ocasión para que a Familia reúna a moitos dos seus amigos da escena musical galega a compartir escenario, con moitas sorpresas e algúns nomes xa confirmados como Terbutalina, Martín Wu (Granpoder, The Homens), Hevi (Malandrómeda) ou Guadi Galego.
O 32 Festival de Jazz de Lugo trae a grandes figuras internacionais
Xénero:
| 25 / 10 / 2022Do 4 ao 20 de novembro terá lugar a 32ª edición do Festival de Jazz de Lugo, un dos principais e máis lonxevos fitos culturais da cidade, organizado pola asociación EscobiJazz. A edición deste ano contará con 26 concertos dando cabida, tanto a estrelas do xénero e grandes figuras internacionais como a novos valores do mundo do Jazz e a representantes do mellor jazz estatal e galego. Os concertos celebraranse no Círculo das Artes (Escenario 1906), Casa do Saber da USC e o Club Clavicémbalo.
Ventos do pobo (I)
Xénero:
| 21 / 10 / 2022O 23 de xuño de 1981, apenas catro meses despois do falido golpe de Estado do 23-F, unha avioneta de dez prazas aterra no aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela para recoller a un grupo de música e levalo a facer unha actuación a Francia; poucos días despois a mesma avioneta os trae de volta unha vez levado a cabo o seu concerto, a tempo de que os músicos (afeccionados) atendan aos seus deberes (profesionais). Non se trataba dunhas estrelas do rock nin do pop, esa banda era Fuxan os Ventos e os lugueses levaban xa daquela nove anos de andadura musical aumentando en éxito dentro e fóra de Galicia, como demostraba o feito de que a organización daquel festival internacional que se celebraba na localidade bretoa de Gwipavaz, no distrito de Brest, alugara esa avioneta ante a imposibilidade de trasladar ao grupo coas combinacións de voos dispoñibles. Non querían renunciar a telos en vivo interpretando, entre outros temas, a "Carolina" que naquel momento era un dos grandes éxitos da formación.
A Coruña acollerá unha nova edición de WOMEX en 2023
Xénero:
| 18 / 10 / 2022A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou onte no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade. Será a terceira ocasión na que este encontro -que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais- teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.
Unha webserie explora o folclore no Camiño de Inverno
Xénero:
| 11 / 10 / 2022Ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 Javier Blanco Carballal acaba de presentar a webserie A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno. O proxecto, que se pode ver no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística repasa en oito capítulos a saúde da cultura e do folclore nas diferentes etapas desta ruta xacobea.
As axudas á promoción e difusión de proxectos musicais apoiarán 29 artistas e grupos
Xénero:
| 10 / 10 / 2022A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 9 de outubro a resolución da primeira convocatoria de Axudas para promoción e difusión de proxectos musicais profesionais. Un total de 1.036.000 euros apoiarán un total de 29 solistas e grupos a través de once empresas promotoras, a contribuír á "promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria".
Rueda sitúa a achega da Xunta á OSG nos tres millóns de euros
Xénero:
| 5 / 10 / 2022O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou en reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o apoio económico do goberno autonómico á Orquestra Sinfónica de Galicia nos vindeiros orzamentos autonómicos. Rueda comprometeu a inclusión dunha partida de tres millóns de euros nesta anualidade e manifestou a intención de que ese apoio manteña o nivel "nos vindeiros anos". No pasado o goberno municipal denunciou repetidamente a incumprimento do compromiso da Xunta coa OSG, que era achegar anualmente un mínimo de tres millóns de euros, como o agora confirmado. Esa cantidade mantívose sen abonar íntegra desde 2011, achegando en cada anualidade 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación, e non foi ata o pasado ano, 2021, que a Xunta fixo unha achega extraordinaria de chagando ata os 3,5 millóns de euros vencellada ao Xacobeo 2021-2022. Desde a perspectiva municipal, a diferenza neses anos entre o comprometido co efectivamente achegado supera xa os 5 millóns de euros de débeda por parte do Goberno Autonómico.