Noticias
Víctor Pablo Pérez continuará á fronte da OSG ata o 2013
Xénero: | 28 / 12 / 2010
Nos últimos meses sucedéronse as novas sobre a marcha de Víctor Pablo Pérez á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia. Ata onte, o que se sabía era que o seu contrato remataba en agosto de 2011, pero o Consorcio para a Promoción da Música decidiu prorrogarllo ata 2013. A partir de entón, Víctor Pablo pasará a ser director honorario e traballará no deseño das temporadas que se programen entre 2013 e 2019. Nos dous anos que lle restan como director da OSG servirán de transición cara a nova titularidade da entidade e que o seu sucesor se vaia formando.
Igloo suma o Maketón Estrella Galicia aos seus premios
Xénero: | 27 / 12 / 2010
A sala Ensanche de Vigo acollía, na noite do pasado 23 de decembro, a entrega dos premios da música Maketón Estrella Galicia. Na gala, o grupo Igloo sumou un novo galardón ao seu palmarés ao ser considerado o mellor directo dun grupo local. Pola súa banda, Moon Cresta fíxose co premio ao mellor disco, Glassonion o da mellor maqueta e Miguel Costas o da mellor traxectoria musical de Vigo. A Asociación Galega de Empresas Musicais, foi recoñecida co Premio Especial 2010, mentres outra estatuíña ía para o produtor Fran Álvarez polo seu traballo nos estudios Metrópolis.
Ouvirmos edita a fotobiografía de Lois Pereiro
Xénero: | 22 / 12 / 2010
Lois Pereiro, autor homenaxeado no vindeiro Día das Letras, é a nova incorporación á colección de fotobiografía sonoras que edita Ouvirmos. A obra comprende unha ampla biografía elaborada polo irmán do poeta, o xornalista Xosé Manuel Pereiro ilustrada con preto de cen fotos tirada dos seus álbums familiares. Ademais, o pacote inclúe dous CDs, nun dos cales se pode escoitar a propia voz de Pereiro nunha entrevista que lle realizara pouco antes do seu falecemento Ana Romaní. O segundo CD inclúe unha selección dos seus poemas musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Fanny+Alexander, Nación Reixa e Radio Océano. Xurxo Souto asina o comentario de cada unha das cancións así como o artigo “A calma tensa”, no que analiza a relación de Lois coa música.Un artigo de Lino Braxe completa a obra.
Unha ollada no futuro da música
Xénero: | 21 / 12 / 2010
Por vez primeira, o encontro musical da lusofonía Cantos na Maré incluíu un encontro profesional de reflexión sobre a industria da música. O obxectivo, bosquexar o futuro que lle agarda a estes negocios e avaliar as posibles mudanzas nun sector que foi dos primeiros en entrar en crise por mor das novas tecnoloxías. A reorientación das feiras procurando que funcionen máis como puntos de encontro e a consciencia de que o actual modelo de negocio está a chegar á súa fin foron algunhas das cuestións que se abordaron e que poden dar unha idea do futuro das industrias culturais en xeral.
Cantos na maré acolle un novo encontro buscando abrir mercados para a música
Xénero: | 17 / 12 / 2010
Unha trintena de axentes do sector da música de Galicia, Brasil, Portugal, Alemaña, Polonia, Francia, Cataluña e Canarias reúnese desde hoxe en Pontevedra para debater novas fórmulas para os mercados culturais. Baixo o título título Outros mercados son posíbeis? falaráse de novos modelos sociais, innovación e diferentes modelos para a creación, produción, distribución e exhibición de música para renovar o mercado condicionado pola actual crise económica.
Nani García substitúe a Baldo Martínez á fronte do Imaxina Sons
Xénero: | 17 / 12 / 2010
O Imaxina Sons, o festival dedicado ao jazz que acumula seis edicións en Vigo, ten novo director artístico. Nani García substitúe a Baldo Martínez, director e alma máter deste encontro desde o seu nacemento. Nani non é un estrano para o encontro onde xa participou como director do “Imaxina Jazz Orquestra” nunha homenaxe a Antonio Cal, saxofonista xa desaparecido que formou parte de Clunia ( grupo pioneiro deste estilo musical en Galicia e no que tamén estiveron tanto Baldo Martínez como Nani García). A vindeira edición, que desenvolverá entre finais de xuño e principios de xullo, estreará un novo modelo organizativo, no que Nani García coordinará a unha mesa de asesores que fará achegas ao deseño do festival. O Imaxina Sons está consolidado como unha cita de referencia ao redor do jazz europeo e cunha especial atención ao jazz feito en Galicia.
Mercedes Peón presenta o seu cuarto disco SÓS
Xénero: | 15 / 12 / 2010
…---… SÓS en código morse, é cuarto disco de Mercedes Peón e un punto de inflexión na súa carreira. Cos seus discos anteriores conseguiu situarse na escena world music a nivel europeo e co novo traballo, editado por Fol do grupo BOA, dá un paso máis como produtora, compositora e cantante, traspasando as fronteiras das músicas de raíz para situarse na vangarda musical. O tratamento do acústico como eléctrico e do eléctrico como acústico sitúana nunha esfera onde a súa proposta pode ter cabida en festivais como Sonar, Coachella ou Burning Man. Creado, tocado, producido e mesturado por ela mesma nos seus dez temas ...---..., é un exercicio de microcomposición, onde o resultado final, enténdese como unha superposición de capas e unha investigación incansable de novas formas de expresión. A artista foi elixida polo comité do Womex para presentar alí este traballo. O disco preséntase como unha edición limitada en caixa metálica serigrafada e distribuirase en Francia, Alemaña, UK, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Portugal, Dinamarca, Suecia, Noruega, Austria, Italia, Grecia e Xapón.
Os ourensáns 96ers levan o Premio Hip Hop ao mellor grupo independente
Xénero: | 14 / 12 / 2010
Os Premios Hip Hop, considerados uns dos máis importantes neste estilo no país, contan cun grupo galego no seu palmarés deste ano. O grupo 96ers, do barrio do Couto, en Ourense, foron votados como mellor grupo independente do ano. O conxunto que leva dous anos en marcha, recibirá o seu galardón na gala que se celebrará o vindeiro 8 de xaneiro.
A música tradicional reúne alumnos de tres países no proxecto Celtic Roots
Xénero: | 9 / 12 / 2010
O vindeiro 11 de decembro preséntase publicamente en Vigo o CD-DVD Celtic Roots. O lanzamento fai parte dun proxecto homónimo no que alumnos de tres centros educativos de Nigrán, Manchester (Reino Unido) e Bray (Irlanda) afondan nos elementos comúns das súas culturas. Para alén de realizar un diccionario, compartir obras literarias e desenvolver outras actividades de intercambio, os participantes gravaron este CD e DVD no que interpretan cancións folks e tradicionais de cada un dos seus países. O proxecto contou coa colaboración de e Xose Manuel Budiño en Galicia, Michael McGoldrick no Reino Unido e Dònal Lunny en Irlanda
O Galeoke anima a cantar en galego para o Nadal
Xénero: | 1 / 12 / 2010
Facer karaoke con Berrogüetto, The Homens, Uxía Senlle ou Projecto Mourente, cun sistema de puntos que permite artellar competicións. Esta é a proposta do Galeoke, un produto que se presentou a pasada fin de semana no Culturgal e que pretende chegar ás tendas este Nadal na forma dun DVD. Aitana Cuétara, unha das responsables do proxecto, explícanos como funciona o karaoke e os vindeiros proxectos arredor desta iniciativa. Se queres ir probando o Galeoke, podes participar no noso sorteo de catro códigos promocionais que che permitirán descargar o programa e probar unha canción desde a páxina deste proxecto.


