Ti estás aquí > Inicio / / Unha ollada no futuro da música
Unha ollada no futuro da música
decembro 21, 2010
Por vez primeira, o encontro musical da lusofonía Cantos na Maré incluíu un encontro profesional de reflexión sobre a industria da música. O obxectivo, bosquexar o futuro que lle agarda a estes negocios e avaliar as posibles mudanzas nun sector que foi dos primeiros en entrar en crise por mor das novas tecnoloxías. A reorientación das feiras procurando que funcionen máis como puntos de encontro e a consciencia de que o actual modelo de negocio está a chegar á súa fin foron algunhas das cuestións que se abordaron e que poden dar unha idea do futuro das industrias culturais en xeral.
É ben sabido que o negocio musical é un dos que levan máis anos a se enfrontar á crise e ao cambio de modelo por mor das posibilidades das novas tecnoloxías. Deste xeito, boa parte das reflexións que se fan desde este espazo poden ser importantes para o conxunto da industria cultural. Nese sentido, o encontro Cantos na Maré Rede, que se celebrou a coincidir coa última edición deste encontro musical da lusofonía, pode achegarnos unhas pistas de por onde se vai mover o sector no noso país ao longo dos vindeiros anos, así como unha visión máis xeral do futuro da cultura. Segundo explica Vítor Belho, coordinador do encontro e membro da empresa Nordesía, a iniciativa “xorde con dous elementos centrais. Por unha banda o contexto da lusofonía con que nace Cantos na Maré e pola outra a situación do negocio musical”. Nese sentido “tentouse abordar qué cuestións se deberían ter en conta nun futuro escenario de relacións e de encontros profesionais que partise da Lusofonía e que puidese dar nun marco máis amplo”.
Os participantes
O encontro contou coa presenza dun total de 27 participantes, desde programadores de salas como A Casa das Crechas ata responsables da Axencia Galega das Industrias Culturais e da súa homóloga no norte de Portugal, representantes de universidades, organizadores de festivais e feiras como como Edu Louzada, do Festival Espírito Mundo, ou KK Mamoni, da Feira de Música do Brasil ou encargados de tendas virtuais como Toupa.net. Entre as propostas máis inmediatas, está a realización en Brasil dun novo Cantos na Maré para 2011, mentres desde a Feira de Música, Mamoni apuntou o seu interese por establecer unha rede de pequenos encontros ao xeito do que se celebrou en Pontevedra esta fin de semana.
A fin dun modelo
Vaia por diante que todos os participantes no encontro concordaron en recoñecer que o actual modelo da industrias discográfica rematou ou está a dar, como moitos, os seus últimos estertores. Segundo explica Belho “estamos no inicio dun novo ciclo e está a haber moita incertidume. Está claro que o grande retorno económico da industria, que á súa vez ser reinvertía na creación de produtos, está sometido a unha redución significativa. O novo modelo non está centrado aínda e isto repercute en todos os elementos da cadea de valor da música”.
Música por todas partes
Canda a isto, do encontro saiu unha convición clara de que cómpre unha maior transversalidade das artes. Segundo explican desde a organización do evento, Joaquín Martínez, presidente da Asociacións Galega de Empresas Musicais, exemplificou a situación ao indicar que para alén da importancia da música como creación en si mesma, o maior valor que posúe esta arte hoxe en día é a súa transversalidade. E é que a música está presente nos nosos días en videoxogos, filmes e mesmo libros dixitais e outros produtos electrónicos, o que fai que poida contribuír a calquera sector das industrias culturais. Segundo Belho “dalgún xeito os axentes profesionais deben ter unha concepción máis aberta de actividades, sexan musicais ou doutras artes. Isto pasa por unha sociedade e un sector cunha clara vontade de cooperación e de reforzar as iniciativas que teñan unha maior vontade de internacionalización”.
Reclamar o protagonismo
Malia a que as asociacións galegas no sector musical (AGAPHONO, AGEM ou Clubtura, que reúne ás salas de concertos) son relativamente novas e ningunha supera os 5 anos de existencia, semella que na actualidade o sector ten claro a necesidade de guiar os seus propios pasos. “Feiras e mercados que estaban a ser promovidas desde a administración deben contar cos axentes do propio sector de xeito fundamental. As administracións teñen que pór ao servizos dos propios actores e das súas estratexias os recursos, e non debe empregarse o sector como un recurso de visibilidade para quen está no poder”, apunta Belho. Unha dirección que semella refrendar a aposta xeral das industrias culturais galegas ao organizaren eventos como o Culturgal, en cuxa coordinación tivera un papel fundamental a administración autonómica durante edicións previas. De xeito semellante coincide tamén esta proposta coa explícita política do actual goberno autonómico neste campo, que se pode resumir na idea de “apoiar pero non organizar”.
A oportunidade galega
Falar de internacionalización non implica necesariamente desprazar o punto de atención da industrial. Tal e como sinala Belho, “tanto por elemento históricos como xeográficos Galicia ten unha grande oportunidade de se converter nun punto de encontro, se ten vontade de o facer”. As conexións coa música e a cultura celta, a Lusofonía ou o Atlántico en xeral, así como un panorama creativo en grande efervescencia son factores que poden facilitar, segundo este promotor, “coller o touro polos cornos e pór en marhca eventos deste tipo que poidan ter unha dimensión internacional a medio prazo e supor un retorno destacados para o sector, servindo tamén como ferramenta para o desenvolvemento á creatividade”. E conste unha vez máis que Belho non fala unicamente de música, “a música é unha linguaxe concreta, pero arredor dela pódese organizar toda unha serie de xéneros ou disciplinas artísticas, pode ter un elemento de tracción que permita vencellar ao seu arredor toda unha serie de xéneros ou disciplinas”.
Falar da feira
Con todas estas mudanzas, os participantes teñen claro tamén que o papel das feiras e dos mercados vaise transformar. A cuestión abordouse cos referentes aínda frescos de tres grandes eventos moi diferentes entre sí que se desenvolveron no noso país durante este outono. O Mercado Atlántico de Creación Contemporánea, a Feira Galega de Artes Escénicas e mais o Culturgal. Feira das Industrias Culturais. No encontro “expresáronse dúbidas sobre a súa utilidade neste momento. Como conclusión, entendemos que cada vez son máis importantes as persoas e a posibilidade de se encontrar”, explica Belho. “A idea non vai tanto en establecer puntos de encontro tan centrados no produto como ata agora, senón máis dirixidos ás persoas que se dedican á xestión da cultura e do talento artístico. Dese xeito poderán desenvolver diferentes acordos segundo as oportunidades. Non será unha cuestión tan definida sobre música senón algo máis transversal e multidisciplinar. Agora mesmo o produto é consecuencia dun proceso no que participan moitas persoas que están disposta a chegar acordos en moitas direccións. Isto vese perfectamente a través da rede, e debe ter traslación e crearse puntos de contacto tamén no plano físico”.
Queda por ver en qué xeito se concretan estas reflexións no marco da industria musical galega, e se é posible aproveitar algunhas destas ideas nas novas circunstancias ás que se enfronta o conxunto do sector da cultura.