Noticias
Iberojazz VI
Xénero: | 18 / 1 / 2011
Con seis edicións ás costas, Iberojazz está a se consolidar como unha cita fundamental no panorama deste xénero do noso país. Esta mesma semana bota a andar a nova xeira deste proxecto, cunha homenaxe a Irving Berlin como fío condutor. Entre as novidades do proxecto, o programa presenta unha homenaxe á primeira licenciatura de jazz de Galicia. A Big Band do Conservatorio da Coruña realizará un intercambio cunha formación homóloga de Italia na que poderemos coñecer as composicións dos novos licenciados do noso país. Deste intercambio sairá un DVD en directo Antonio Serrano, Chema Sáiz e Israel Sandoval son algúns dos nomes que se poderán ver nesta xeira, ademais das xa habituais sesións no pub Filloa, centradas en valores do noso país. Alberto Conde, director artístico do evento, explícanos as peculiaridades desta edición, que bota a andar o día 20.
A Xunta declara 2011 como Ano da Música de Galicia
Xénero: | 13 / 1 / 2011
O Consello da Xunta declarou o 2011 Ano da Música de Galicia, co obxectivo de potenciar a creación musical e as industrias culturais galegas. Segundo o comunicado de prensa posterior á reunión a Xunta recoñece o carácter estratéxico e prioritario do sector da música como vehículo para a promoción e divulgación da cultura, historia e da lingua de Galicia así como o grande peso do sector musical dentro das industrias culturais galegas, que crea un gran número de postos de traballo, así como unha gran masa de músicos afeccionados, bandas de música, de gaitas, e agrupacións de música tradicional. Esta declaración institucional chega poucos días despois de que se coñeza que a Xunta reduciu en medio millón de euros a súa achega ao orzamento da Orquestra Sinfónica de Galicia e nun ano no que a Axencia Galega de Industrias Culturais, departamento que concentrará agora todas as accións de promoción cultural no sector musical, manexará 1,5 millóns de euros menos do que no último exercicio. A Xunta dará relevancia á efeméride facendo que as institucións públicas, os centros de ensino, as asociacións e federacións culturais dependentes dela dedique unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación.
Quiosco: Sons da Galiza
Xénero: | 13 / 1 / 2011
El Rincón de Morgan, Susana Seivane, Carlos Núñez e Berrogüetto centran os contidos da entrega de xaneiro de Sons da Galiza. A publicación, desenvolvida por Óscar Martínez, está dispoñible íntegra no web do proxecto.
Ourense acollerá o Derrame Rock
Xénero: | 12 / 1 / 2011
Por vez primeira, o festival Derrame Rock vaise celebrar fora de Asturias. O contorno do recinto de Expourense, na Cidade das Burgas, acollerá entre os vindeiros 23 e 25 de xullo as actuacións da XVI edición deste evento. Segundo os organizadores, entre 50 e sesenta grupos de rock e heavy visitarán a cidade durante o festival, e agárdase unha asistencia aproximada de 20.000 persoas.
A Orquestra Sinfónica queda sen medio millón de euros
Xénero: | 12 / 1 / 2011
O orzamento da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) redúcese no ano que empeza a 2,65 millóns de euros fronte aos 3,12 cos que contaba esta formación o pasado ano. O recorte débese á redución do apoio da Xunta de Galicia, que foi denunciada onte pola concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo. Segundo denunciaron os responsables da OSG, esta diminución no orzamento pode impedir que desenvolvan a programación prevista para 2011.
Un disco recupera a música medieval da Catedral de Ourense
Xénero: | 7 / 1 / 2011
La música medieval en Ourense é o título do disco que acaba de publicar o selo Armonía Universal desde a Cidade das Burgas. O CD recolle dezaoito pezas de cántico gregoriano recuperadas dos arquivos da catedral, do arquivo diocesano e mais do Histórico Provincial. As pezas foron gravadas en Roma polo coro Gregoriani Urbi Cantores, e supoñen o comezo dun proxecto que esta discográfica quere estender ao resto das catedrais galegas. O obxectivo dos responsables desta iniciativa é publicar estudos científicos sobre a música que se conserva nestes espazos e editar posteriormente discos recollendo este material.
Mondo Sonoro pon a Triángulo de Amor Bizarro entre os dez mellores discos nacionais do ano
Xénero: | 3 / 1 / 2011
No seu número de xaneiro de 2011 a revista musical especializada Mondo Sonoro fai un repaso do ano rematado, apuntando as súas listas de mellores discos, internacionais e nacionais . Nesta última lista o disco Año santo (Mushroom Pillow) de Triángulo de Amor Bizarro sitúase como sexto mellor álbum nunha lista con corenta discos na que ademais é a única representación galega. Os coruñeses TAB volven situarse unha vez máis entre as mellores bandas do ano como xa fixeran co seu primeiro disco no 2007. Nos destaques por comunidades autónomas Mondo Sonoro salienta en Galicia o disco de electro-rock Too many knobs de Colectivo Oruga e a “demo” de Telephone Rouges. No seu resumo mencionan o impulso da música en Galicia polo efecto do Xacobeo sobre os grandes concertos e valoran positivamente o posible asentamento dos festivais Vigo Transforma, Sonar e Xacobeo Importa.
Comeza o proceso de selección de músicos da Orquestra Xuvenil de Vigo
Xénero: | 29 / 12 / 2010
Ter entre 15 e 25 anos e ser músico. Estes son os dous requisitos que deben cumprir os aspirantes que pasan polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. O obxectivo destas probas de selección é facer parte de Xovigo, a orquestra xuvenil da cidade olívica. Promovida pola Asociación Galega de Música Atlantic, co apoio de Tenencia de Alcaldía, pretende crear unha formación que ofreza o seu primeiro concertó a vindeira primavera. Os músicos non recibirán achega económica, senón que poderá ter acceso a formación (máster class e obradoiros) impartidos por especialistas. Despois de crearse o coro o pasado mes de agosto, esta nova formación completa a aposta polo proxecto musical da cidade de Vigo.
Avelaíña presenta Ciclo, o seu cuarto disco
Xénero: | 28 / 12 / 2010 + VIDEO
Percorrer ciclos temporais a través da música, achegando ao ouvinte as sensacións do outono, a noite ou o San Xoán. Esta é a proposta que fai o grupo folk Avelaíña en Ciclo, o seu cuarto CD, con temas como Xoves, Xaneiro, Madeira ou San Xoán. O disco, que está dispoñible nas tendas, pretende ser a base dun futuro espectáculo escénico chamado O ciclo do Camiño no que a música se mesture con narracións, proxeccións e efectos lumínicos e sonoros.
AGADIC edita un manual de boas prácticas para contratar músicos
Xénero: | 28 / 12 / 2010
Como contratar músicos, emitir facturas, pagar cotas de seguridade social ou as obrigas fiscais á hora de repartir o caché son algunhas das cuestións que se tratan no Manual de boas prácticas que acaban de publicar a Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa asociación galega de músicos ao vivo. O texto, dispoñible en pdf pretende contribuír á dignificación deste traballo e resolver dúbidas básicas no sector, así como fomentar o cooperativismo entre os intérpretes.


