A Xunta declara 2011 como Ano da Música de Galicia
xaneiro 13, 2011
O Consello da Xunta declarou o 2011 Ano da Música de Galicia, co obxectivo de potenciar a creación musical e as industrias culturais galegas. Segundo o comunicado de prensa posterior á reunión a Xunta recoñece o carácter estratéxico e prioritario do sector da música como vehículo para a promoción e divulgación da cultura, historia e da lingua de Galicia así como o grande peso do sector musical dentro das industrias culturais galegas, que crea un gran número de postos de traballo, así como unha gran masa de músicos afeccionados, bandas de música, de gaitas, e agrupacións de música tradicional. Esta declaración institucional chega poucos días despois de que se coñeza que a Xunta reduciu en medio millón de euros a súa achega ao orzamento da Orquestra Sinfónica de Galicia e nun ano no que a Axencia Galega de Industrias Culturais, departamento que concentrará agora todas as accións de promoción cultural no sector musical, manexará 1,5 millóns de euros menos do que no último exercicio. A Xunta dará relevancia á efeméride facendo que as institucións públicas, os centros de ensino, as asociacións e federacións culturais dependentes dela dedique unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación.