Noticias
Mercedes Peón e SondeSeu comparten o Premio Opinión a mellor disco folk do ano
Xénero: | 14 / 2 / 2011
É un premio que conceden os críticos musicais de diferentes medios de comunicación, desde Radio 3 ata Tempos Novos pasando por La Opinión (medio convocante deste concurso) ao mellor disco folk do ano. A décima edicións dos Premios Opinión recaeu “ex aequo” en Mercedes Peón e SondeSeu polos seus traballos Sós e Barlovento. Ambos discos recibiron 15 puntos nunha votación na que Berrogüetto (co disco Kosmogonías) quedou terceiro con 11 votos.
Botar un rato no órgano
Xénero: | 10 / 2 / 2011
A música de órgano está de parabéns en Galicia. Ao recente proxecto de catalogación dos instrumentos deste tipo en igrexas do país súmase agora a asociación Un rato no tubo. Este colectivo nado en Ourense abre cun concerto ás oito desta tarde a súa actividade. A seguir, esta asociación pretende desenvolver visitas a órganos destacados desta provincia, organizar audicións e outras orixinais propostas para dar a coñecer este instrumento. Marisol Mendive, profesora de órgano no conservatorio de Ourense e unha das promotoras explícanos esta iniciativa e analiza a situación do patrimonio organístico do noso país.
Comeza a segunda edición da Rede de Festivais Infantís de Folclore
Xénero: | 9 / 2 / 2011
Coordinar unha serie de encontros no que as seccións infantis de diferentes grupos de baile tradicional se atopen. Esta é a idea coa que botou a andar o pasado ano, a Rede de Festivais Infantís de Folclore. A pasada semana vinte colectivos de Pontevedra e de Ourense reuníanse en Moaña para pór en marcha a segunda edición deste ciclo, que pretende pór de relevo o traballo dos máis novos arredor da música tradicional e facer do noso patrimonio musical un punto de encontro entre rapaces e rapazas de diferentes localidades.
As cancións que agochaban as cubertas
Xénero: | 8 / 2 / 2011
Unha árdua busca de partituras a desventrar as cubertas de antigos códices. A reconstrución dun patrimonio musical que se esquecera no século XV. A gravación dun disco que rescata cancións que levaban case mil anos sen se interpretar. Galicia entra na primeira división mundial da música medieval co proxecto de investigación e mais o disco A música medieval en Ourense.
Galicia Classics achegará 30 concertos con algúns dos mellores directores do momento
Xénero: | 7 / 2 / 2011
As sete cidades de Galicia acollerán ao longo deste ano trinta concertos no marco do ciclo Galicia Classics. O programa, que presentaba este sábado a Consellaría de Cultura, quere achegar ao noso país algúns dos directores de orquestra de maior renome da actualidade, como Daniel Baremboim, Georges Prête, Essa Pekka-Salonen ou Yuri Simonov entre outros. A iniciativa recolle o traballo realizado co nome de Xacobeo Classics en 2010 e contará coa presenza de orquestras de renome como a Filharmónica de Moscú e a da Scala.
As cancións perdidas do pazo
Xénero: | 2 / 2 / 2011
Recentemente, a editorial Dos Acordes tiraba a luz Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares. A obra, cun estudo crítico de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim, recupera o traballo deste coñecido autor do Rexurdimento e amosa un novo aspecto do seu traballo. E é que Valladares foi un pioneiro na recuperación da música popular galega, e na súa obra atopamos a fusión entre o mundo pacego e as cancións tradicionais.
O que non toca é porque non quere
Xénero: | 1 / 2 / 2011
Chifres de pedra, petardos, trompas feitas con cortiza de castiñeiro, estraños aparellos representados en esculturas románicas... A creatividade dos galegos para facer música é asombrosa. Agora, o web Os instrumentos musicais na tradición galega pon na rede, da man do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura, o traballo homónimo de Pablo Carpintero e recolle máis de 150 formas diferentes de facer música rexistradas no noso patrimonio. Coñece neste proxecto como tocar, e fabricar, algúns dos instrumentos máis orixinais.
O CCG presenta Os instrumentos musicais na tradición galega, un amplo catálogo da etnografía musical do país
Xénero: | 28 / 1 / 2011
O Consello da Cultura Galega presentou hoxe pola mañá Os instrumentos musicais na tradición galega, unha ampla versión interactiva e multimedia do libro orixinal editado polo Proxecto Ronsel coa autoría de Pablo Carpintero, un dos maiores expertos mundiais en patrimonio inmaterial. O Arquivo Sonoro de Galicia promoveu esta ambiciosa web que permite coñecer en detalle máis de 150 instrumentos do acervo tradicional de Galicia, a súa historia, os seus sons, e mesmo os procedementos de elaboración.
O colectivo Fuso Negro presenta na coruña o seu proxecto poético musical
Xénero: | 25 / 1 / 2011
Levar á poesía de volta á sociedade recitando, escenificando e fusiándoa coa música. Este é a idea coa que Xoán Abeleira, Álvaro Muras, Julio Cuns, Karlos Barral e Bruno Couceiro crearon o colectivo Fuso Negro. A proposta, que se presenta ao público o vindeiro xoves 28 na Fundación Caixa Galicia da Coruña recolle a tendencia poética do "spoken word", que xurdiu en Estados Unidos nos anos noventa. O espectáculo, que conta con escenografía de Tono Galán iniciará logo desta estrea unha xira por todo o país no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Comeza o IX Festival Sinsal
Xénero: | 18 / 1 / 2011
O Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acolle sábado o concerto inaugural do IX Festival Sinsal. A arpista norteamericana Joanna Newsom inicia ás 21h a súa actuación, que abrirá Ryan Francisconi. Newsom está a revolucionar o panorama do folk independente no seu país co seu álbum triplo Have on me. A organización irá anunciando en vindeiras datas o resto de actuacións previstas ao longo do ano.


