Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / As cancións perdidas do pazo

O CANCIONEIRO AYES DE MI PAíS AMOSA UNHA NOVA FACETA DA RECUPERACIóN DA MúSICA POPULAR NO XIX

As cancións perdidas do pazo

FOLK | febreiro 2, 2011

imaxe non dispoñible

Recentemente, a editorial Dos Acordes tiraba a luz Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares. A obra, cun estudo crítico de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim, recupera o traballo deste coñecido autor do Rexurdimento e amosa un novo aspecto do seu traballo. E é que Valladares foi un pioneiro na recuperación da música popular galega, e na súa obra atopamos a fusión entre o mundo pacego e as cancións tradicionais.

Ayes de mi país é unha colección de 29 pezas distintas de música popular que están transcritas e contan cun acompañamento para piano elaborado polo propio Marcial Valladares. Para alén, varias das pezas presentan dúas versións desa notación con diferentes dificultades, polo que en total pódese falar de 34 pezas distintas, divididas en alalás, cantinelas, cantares do pandeiro, muiñeras, e cancións do ciclo do Nadal. Para alén da importancia intrínseca das cantigas que recolle Valladares neste traballo, segundo explica Isabel Rei “este é o cancioneiro de música tradicional máis antigo que coñecemtos ata o de agora”, xa que o caderno orixinal que recolle a obra está datado en 1865 polo autor e permanecera ata o de agora sen unha edición completa. Esta condición, canda á existencia do acompañamento para piano en cada unha das pezas revela un xeito inédito de achegamento a música tradicional naquela época. Como exemplo, Rei sinala que “José Inzenga foi un español que comezou a obra Cantos y bailes populares de España pero que finalmente só realizou a parte dedicada a Galicia. El tamén incluía acompañamento para piano ás pezas que recolleu, pero Valladares fíxoo case vinte anos antes do que el, recollendo a música e a letra”.

Recollidas
O interese de Valladares por este campo insírese no Rexurdimento e, de xeito mais amplo, no movemento que naquela altura do século estaba a se dar por toda Europa de cara á recuperación de linguas, tradicións e culturas tradicionais. Do mesmo xeito que se preocupou por escribir artigos, teatro, novela, e diferentes traballos sobre lingua e outras materias, Marcial tamén abordou a recuperación dos cantos tradicionais desde a súa formación musical. “Non era profesional pero sabía o que facía”, explica Isabel Rei, “ademais era bastante catastrofista sobre situación da lingua e da cultura do país e tentaba moverse”. Desde a casa grande que a súa familia mantiña en Vilancosta (Berres, A Estrada), preocupouse por facer recollidas. “Tiña moito contacto coa xente do lugar, se non falaban galego entre os membros da familia si que o farían coa xente da casa. Polas memorias da familia sábese que se xuntaban todos arredor da lareira e que ali se contaban historias e se cantaba”, explica esta investigadora.

Cantigas no salón
Pode resultar curioso aos nosos ollos a idea de facer un acompañamento de piano para pezas tradicionais, pero naquel momento esta proposta supuña introducir os cantos tradicionais nos salóns pacegos, onde eran habituais as veladas nas que se interpretaban con este instrumento pezas de todo tipo. “A obra supón unha achega á música tradicional desde a música culta. Valladares buscaba revitalizar a música popular e inserila nos salóns dos pazos” explica Rei. “Pensaba que esas pezas se podían cantar en calquera lugar tal e como estaban. Hai traballos como o de Marcial del Adalid que se inspirou no seu cancioneiro nas melodías folclóricas e a partir delas elaborou as súas propias pezas musicais. Pero Valladares non as reformou, quixo presentar limpamente a cantiga, e despois como lle debeu parecer que el podía achegarlle algo, fixo un acompañamento sinxelo que pode tocar calquera persoa sen necesidade de ser profesional e que non interfire na música”.

Unha familia musical
Para os responsables desta edición, a propia idea da interpretación da música popular nos salóns pacegos do XIX “supuxo unha sorpresa. Nas memorias da familia dise que ían tocar a pazos de amigos e familiares, como Simonde ou Ribadulla, e aínda que non temos probas de que o fixesen é moi probable que tamén tocasen estas pezas”. E é que todos os Valladares tiñan formación musical. “Na casa aínda se conserva o piano forte, que debeu de ser os primeiros que chegou á Península e que se trouxo desde Zamora nun carro de bois. As partituras do cancioneiro estaban alí mesmo, no caixón. Tamén había unha guitarra que non se conserva e unha flauta de Serxio Valladares moi curiosa”. Segundo os responsables desta edición do cancioneiro, é posible que os traballos de compilación das pezas que logo Valladares seleccionaría para formar o cancioneiro comezasen cada cara a 1840, o que fai aínda máis pioneiro o seu labor. “Daquela comezaron os estudos de música na casa, e pode ser mesmo que o fixesen un pouco tamén para iniciar este traballo de recuperación”.

O outro achado da casa grande
Precisamente este amor familiar pola música está detrás do outro achado destacado que fixeron Isabel Rei e José Luís do Pico. “Onda o cancioneiro había un dos maiores arquivos musicais que se achou na historia de Galicia e que se conserva sen editar”, explia Rei. Trátase de pezas manuscritas, algunhas de creación propia e noutros casos transcricións de composicións alleas acumuladas por diferentes membros da familia. “Pode haber cerca de seiscentas para piano, voz, guitarra, flauta e violín. Temos por exemplo unha peza de Avelina Valladares, que era guitarrista, e tamén hai pezas de autor anónimo. Pensamos que se trata de música recollida desde comezos do século XIX e poida mesmo que desde finais do XVIII. Hai moitas mans diferentes e pola letras vese que algúns escritos son moi antigos. Pensamos que xa o pai de Marcial, que estivo nas guerras napoleónicas, debía ter formación musical”, explica, e adianta a posibilidade de achados deste tipo se poidan multiplicar no futuro. “As bibliotecas dos pazos non están estudadas nin catalogadas. En moicos casos mesmo se achan a perder. Aínda recentemente visitamos no Pazo de Tor, en Monforte, e aluciamos a pensar as partituras que se poderían conservar alí”.