Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O CCG presenta Os instrumentos musicais na tradición galega, un amplo catálogo da etnografía musical do país
O CCG presenta Os instrumentos musicais na tradición galega, un amplo catálogo da etnografía musical do país
xaneiro 28, 2011
O Consello da Cultura Galega presentou hoxe pola mañá Os instrumentos musicais na tradición galega, unha ampla versión interactiva e multimedia do libro orixinal editado polo Proxecto Ronsel coa autoría de Pablo Carpintero, un dos maiores expertos mundiais en patrimonio inmaterial. O Arquivo Sonoro de Galicia promoveu esta ambiciosa web que permite coñecer en detalle máis de 150 instrumentos do acervo tradicional de Galicia, a súa historia, os seus sons, e mesmo os procedementos de elaboración.
"É o web máis completo sobre os instrumentos musicais de tradición popular que coñezo no mundo", asegurou Pablo Carpintero na presentación do sitio, quen destacou o fincapé que se fixo mesmo en retratar o procedemento de elaboración dos instrumentos "para que calquera neno, acompañado por un adulto, poida elaboralos por el mesmo". O web inclúe vídeos que permiten comprender a interpretación e o son dos instrumentos, que en numerosos casos se remontan a un mundo moi antigo. O web é a versión interactiva do libro de similar nome que, como sinalou Iván Area, figurou durante varios meses entre os libros máis vendidos de Galicia.
Para Afonso Vázquez-Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia, o web ten un elevado carácter divulgativo que pode servir como "ferramenta importantísima de difusión nos colexios e institutos de Galicia". O Presidente do Consello da Cultura Galega insistiu ademáis na visibilidade internacional dos contidos da cultura galega: "isto permite proxectar ao mundo a nosa cultura a través dos webs do CCG".
Tamén che pode interesar:
- 24/ 5/ 2023 | A asociación de 'luthiers' celebra o seu primeiro encontro
- 2/ 7/ 2015 | Puntada Sen Fío preséntase con A lúa prendeu a luz
- 19/ 11/ 2008 | Un curso da Universidade de Vigo ensina a facer gravacións musicais de calidade
- 13/ 3/ 2008 | Unha exposición permanente amosa en Lugo 400 instrumentos tradicionais