Noticias
M.I.A. e Die Antwoord incorpóranse ao Sónar Galicia
Xénero: | 23 / 2 / 2011
O programa do Festival Sónar Galicia 2011 está a sumar actuacións. As últimas incorporacións, segundo anunciou onte a organización, son a coñecida artista americana M.I.A, o grupo sudafricano Die Antwood, os australianos cut Copy, Buraka Som Sistema e mais Boyz Noise. O evento celebrarase na Coruña os vindeiros 17 e 18 de xuño co patrocinio do Xacobeo.
A Barrié centra o novo ciclo de jazz no panorama actual do xénero
Xénero: | 23 / 2 / 2011
Co obxectivo de retratar o momento actual do jazz mundial, o novo ciclo da Fundación Barrié programará a algúns dos nomes máis vibrantes da escena musical actual neste xénero. Artistas como China Moses, Jar Garbarek, Thelonious Monk (fillo), Ravi Coltrane, Anthony Colman, ou Airto Moreira entre outros. A presenza galega está representada polo CSM Coruña Jazz Trío, unha formación de profesores da Aula de Jazz do Conservatorio da Coruña que compartirán escenario co saxo tenor Scott Hamilton.
Ourense lembra a Faustino Santalices cunha exposición e un congreso
Xénero: | 22 / 2 / 2011
O inestimable traballo de Faustino Santalices na recuperación de instrumentos populares como a zanfona e as gaitas, ou na divulgación do toque fechado para este insturmento, está a ter estes días recoñecemento na Cidade de Ourense. O Museo Municipal acolle a exposición Ciencia da gaita, Consciencia da zanfona, que se complementará o vindeiro días 26 cun concerto de zanfona e cun congreso sobre estas cuestións que se celebrará os días 11 e 12 de marzo coa participación de 14 investigadores.
A galega Lucía Pérez representará a España en Eurovisión
Xénero: | 21 / 2 / 2011
Por vez primeira, unha voz galega representará a España no Festival de Eurovisión. Lucía Pérez, nada no Incio, impúxose aos seus competidores ao obter o 68% dos votos da audiencia na final para seleccionar a delegación española no evento. A galega interpretará o tema Que me quiten lo bailao, composto por Rafael Artesero. A final do festival celebrarase o vindeiro 14 de maio en Düsseldorf, Alemaña.
Roi Casal presenta Maxicamente vello
Xénero: | 18 / 2 / 2011
Un concerto, ás nove e media desta noite, na Sala Capitol de Santiago servirá de presentación a Maxicamente vello o novo disco de Roi Casal. O arpista de Milladoiro continúa a súa carreira en solitario con nove temas entre os cales está o que lle dá título ao CD, tirado dun poema de Manuel María que Casal musicou. Dentro do folk, o músico experimenta achegándose a tons pop e rock con instrumentos como a zanfona e bouzouki ademais da arpa. Roi Casal inclúe no disco un código de usuario e un contrasinal co que se pode acceder a unha zona restrinxida da web www.roicasal.com, que incluirá novidades, cancións inéditas e descontos para futuras actuacións ao vivo do músico e compositor galego. O Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, continúa unha xira que durará, nun comezo, dous meses.
O conxunto vocal The Tallis Scholars abre a IV edición do Festival de Música de Ourense
Xénero: | 18 / 2 / 2011
A Igrexa de Santiago das Caldas incorpórase ao conxunto de espazos nos que celebra a IV edición do Festival Pórtico do Paraíso, certame de música internacional de Ourense. Un encontro que se inaugura hoxe con The Tallis Scholars, un conxunto vocal especializado en música renacentista. Canda eles tamén está programada a presenza do guitarrista Andrew York, ganador de varios Grammys. Mesas redondas, conferencias e clases maxistrais fan parte deste programa que organiza a concellaría de Educación.
A lucense Lucía Pérez con opcións de subir ao escenario de Eurovisión
Xénero: | 17 / 2 / 2011
A cantante do Incio (Lugo) Lucía Pérez competirá este venres na final televisiva de TVE na que se decidirá ao artista ou artistas representantes da televisión pública española no festival de Eurovisión. Lucía Pérez chegou a estar entre os tres finalistas grazas aos apoios do público coas súas votacións que fixeron que pasase a semifinal como artista máis valorada pola audiencia. A cantante Melissa, e o grupo de mozos Auryn son, xunto a Lucía os tres candidatos que este venres terán que interpretar tres temas cada un para dirimir a elección final. A cantante lucense comezou a facerse coñecida gañando o concurso do programa Luar da TVG “Canteira de cantareiros” e xa ten tres discos editados no mercado o último dos cales Dígocho en galego estaba integramente cantado na súa lingua materna.
Carlos Núñez leva o Premio da Crítica alemá
Xénero: | 17 / 2 / 2011
Logo de dar trinta concertos na súa xira por Alemaña e Suíza, Carlos Núñez acaba de recibir o Premio da Crítica alemá polo seu disco Alborada do Brasil. O xurado do galardón calificou o traballo como "obra artísica excepcional". Núñez estreará o vindeiro mes O soño de Brasil, un documental relacionado con este proxecto e dará a coñecer a música que realizou para o ballet Grupo Corpo, deste país, que lle dedica a Martín Codax o seu último espectáculo.
A música en galego dase cita no foro Percebe Son
Xénero: | 17 / 2 / 2011
O IES Audiovisual de Vigo acolle Percebe Son, un foro dedicado á música en galego que se celebra hoxe. O encontro inclúe un coloquio no que participan Xurxo Souto, a rapeira Aíd, Tonhito de Poi, Sergio Lago (de toupa.net), e Xocas López, da empresa de xestión cultural Eme2 e batería de The Homens. Ademais, desde o propio evento retransmitirase o programa Planeta Furancho e celebraranse actividades de Galeoke, billarda e proxeccións de videoclips. Un concerto acústico de Ataque Escampe e outro a cargo de Som do Galpom, Terbutalina e Marxe Eskerda completarán a xornada.
A crise sonora
Xénero: | 15 / 2 / 2011
Hai apenas unha semana, a banda Ataque Escampe anunciaba, mediante un comunicado a súa intención de “decrecer”. Deste xeito, os membros do grupo encargaranse da produción e da xestión integral do que será o seu cuarto disco. Segundo explicaban, son tempos duros para os proxectos musicais en Galicia, fundamentalmente por mor da crise e mais polas mudanzas nas políticas públicas de apoio ao sector. “Pensabamos que o noso proxecto corría á marxe das institucións e non era así”, sinalan no seu comunicado. Indagamos as causas que están detrás destas mudanzas do sector cun dos seus membros.


