Noticias
Najla Shami e Héctor Lorenzo lanzan Haikus
Xénero: | 2 / 11 / 2011
Lobalú é o nome do proxecto da cantante Najla Shami e mais o guitarrista Héctor Lorenzo. Os dous músicos presentan hoxe Haikus, o seu primeiro disco, cun concerto ás 21 horas no Salón Teatro de Compostela, no marco do ciclo ST Música Presente. Influencias de música galega, brasileira e jazz mestúranse nunha iniciativa que percorre as estacións do ano con tres temas para cada unha delas. O proxecto, que sae baixo o selo Inquedanzas Sonoras, conta con colaboracións coma as de Guillerme Fernández, Quim Farinha ou Sérgio Tannus entre outros. Parte do disco está dispoñible no MySpace do grupo e pódese escoitar íntegro en Spotify.
Iván Ferreiro lanza con éxito Confesiones de un artista de mierda
Xénero: | 28 / 10 / 2011
Un disco gravado ao vivo cos grandes éxitos da súa carreira en solitario e da época con Los Piratas. Esta é a proposta que fai o vigués Iván Ferreiro en Confesiones de un artista de mierda. A obra, que consta de dous CDs e un DVD, inclúe por unha banda un directo e un miniconcerto acústico gravados nos estudios Cata de Madrid ante público, así como un DVD coa filmación destas sesións. Para alén da colaboración do seu irmán Amaro Ferreiro e dos membros da súa banda Pablo Novoa e o novo batería Gael Pintos, Iván conta neste traballo con colaboracións como Xoel López, Santi Balmes (Love of Lesbian), Rubén Pozo (Pereza). Ademais dos 14 temas compilados, o disco recolle tamén dúas cancións inéditas. Logo do seu lanzamento, o pasado 18 de outubro, o disco logrou situarse como a segunda obra máis vendida a nivel estatal só por detrás do novo traballo de Amaral.
Víctor Aneiros presenta o seu DVD ao vivo
Xénero: | 26 / 10 / 2011
O concerto que deu Víctor Aneiros o 27 de novembro de 2010 no Teatro Jofre de Ferrol no marco do ciclo Out Jazz, ve a luz agora na forma dun DVD. O músico de blues ten xa á venda Víctor Aneiros ao vivo, unha obra na que se poden escoitar doce temas incluíndo cancións como Na barra, Axúdame ou Sombras de Compostela e que conta con colaboracións coma as de José e Roberto Somoza, Mauro Sanchís ou a voz de Julie Guravich. Os vindeiros concertos que ten previstos o bluesman son o 1 de decembro no Pazo da Cultura de Narón e o 10 do mesmo mes no Teatro Principal de Ourense.
Mamá Cabra lanza Xa me tardan estes Magos
Xénero: | 25 / 10 / 2011
A seguir co formato de libro-disco que xa empregaran en Ola, ola, la!, Mamá Cabra recunca coa editorial Galaxia e presenta Xa me tardan estes magos. A obra, que conta con ilustración de Kristina Sabaite recolle composicións sobre textos de Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e Gloria M. Roel, vocalista do grupo. A ambientación de Nadal e as panxoliñas predominan na obra, pensada para o esas festas, con temas como Tres Reis en Bicicleta, que se pode escoitar de balde no web da editora.
O Inaem apoia proxectos de danza e música galega na súa última convocatoria
Xénero: | 25 / 10 / 2011
Son as axudas que concede o Instituto Nacional das Artes Escénicas e Musicais (INAEM) para a promoción da danza e os diferentes xéneros musicais ao longo deste ano. A resolución foi publicada hoxe no BOE e no listado de beneficiarios hai empresas, compañías e particulares galegos. A mostra folclórica internacional que organiza a Asociación Bágoas da Terra (Viveiro) recibirá uns 10.000 euros, mentres que o colectivo que agrupa a bailaríns profesionais, Danegas, obterá 9.000. Teatro Ensalle recibirá a contía máis alta, con 30.000 euros para desenvolver programas de apoio a espazos escénicos e musicais con programacións. Berroguetto Produccións recibe axudas de dúas liñas: unha por importe de 10.000 euros para a realización da xira e outra de 12.000 euros para o mesmo concepto pero no estranxeiro. Ortigueira recibirá 18.000 euros para o seu Festival Folk mentres que a Fundación Festival Internacional Rías Baixas contará con 20.000 euros. O músico Eduardo Soutullo recibirá 20.000 euros polo seu labor compositivo. Todas estas axudas son para actividades desenvolvidas ao longo deste ano 2011.
Escola de produtores
Xénero: | 25 / 10 / 2011
Entre os pasados días 19 e 21 de outubro, a Illa de San Simón acollía unha proposta pouco común no noso país. Os produtores Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton visitaban o lugar para impartir o curso Históricos do rock , dirixido a profesionais da produción no país. Analizamos con algúns dos asistentes a importancia deste encontro e a situación dos produtores en Galicia.
A música galega presente no Womex e no Monkey Week con presenza desigual
Xénero: | 24 / 10 / 2011
Son dúas citas importante para a industria da música: unha delas ten lugar en Copenhague (Womex, do 26 ao 30 de outubro) e aoutra no Porto de Santa María (Monkey Week, do 28 ao 31 deste mes). Nas dúas haberá presenza galega da man de Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), co apoio de Agadic. En total participarán dez empresas e sete grupos e volversase empregar como marca o “Galiciantunes” á que nesta ocasión se suma a imaxe da celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia (co que se edita un dobre CD con 34 temas).
Malvela presenta Raianas, o seu disco ao vivo
Xénero: | 21 / 10 / 2011
O Museo do Pobo Galego acollía esta mañá a presentación de Raianas o disco que Malvela gravou o pasado 31 de maio no Auditorio de Mos. Na presentación, Uxía Senlle, impulsora deste proxecto, sinalou que a obra presenta un repertorio da música tradicional galega e portuguesa, recuperando temas habituais do grupo canda a cancnións populares do Alén Miño e temas de composición propia. Entre eles, lembrou unha canción de homenaxe ao falecido Xosé Méndez Morgan, membro dos Estalotes e do Orfeón Treixadura que foi lembrado repetidamente ao longo do acto.
Comeza ciclo Diarios Sonoros: Retratos musicais do s.XX
Xénero: | 20 / 10 / 2011
A Cidade da Cultura acolle o vindeiro sábado 22 a primeira sesión do ciclo Diarios Sonoros: Retratos musicais do s.XX. O encontro analizará a creación sonora mediante diálogos entre artistas, concertos exclusivos, pezas audiovisuais ou materiais gráficos. O gaiteiro bretón Patrick Molard e mais o investigador Raúl Pinheiro abren o ciclo coa sesión Celtas sen filtro. Seguiranos Inmaculada Cárdenas, a tratar sobre Arquitectura e música o vindeiro 26 de novembro e un encontro sobre Michel Giacometti o 17 de decembro. As sesións desenvolveranse no auditorio da Biblioteca de Galicia, con capacidade para 120 persoas, entre as 12 e as 13.30 horas, e está previsto que continúen o vindeiro ano. A asistencia é de balde e cómpre reservar praza.
Zurrumalla lanza O que había... e o que hai
Xénero: | 20 / 10 / 2011
A música tradicional e festeira que caracteriza o son de Zurrumalla pódese escoitar agora en O que había... e o que hai, o duplo disco que o grupo acaba de autoeditar. O álbum conta nada menos que con 25 temas, boa parte dos cales fan parte do xa tradicional repertorio do grupo, nado no ano 2000. Canda a estes, a formación achega unha selección de novos temas de composición propia, entre eles Presentación triolirada, unha curiosa regueifa que presenta o segundo CD e o proceso produción do álbum. A obra está dispoñible en tendas e tamén se pode escoita mediante Spotify


