Ir ao contido directamente.


Noticias

Nordestin@s despídese cun concerto en Santiago

Xénero: Fusión | 21 / 11 / 2011 + VIDEO

imaxe non dispoñible

Cinco anos despois de asistir ao seu Nacemento, o Teatro Principal de Santiago verá a despedida do proxecto musical Nordestin@s. Guadi Galego, Ugia Pedreira e Abe Rábade subirán o vindeiro 19 de decembro por última vez a un escenario no marco deste proxecto, que conseguiu un amplo respaldo da crítica e do público desde o lanzamento do seu disco homónimo. A cita será ás 21 horas e as entradas están á venda no servizo de Novagaliciabanco.

Quiosco: Sons da Galiza 17

Xénero: Miscelánea | 21 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Continúa a súa andaina Sons da Galiza a revista musical que se publica na rede. No web está dispoñible o número 17, que centra no traballo de Óscar Ibáñez e no retorno de Os Cempés os seus contidos. Canda a isto, o festival Rock in Way ocupa boa parte das páxinas da publicación, con entrevistas a Farruco Castromán, director do evento, Los Chavales, Igloo ou Novidades Carminha entre outros.

Vaamonde, Lamas e Romero presentan O tambor de prata

Xénero: Folk | 18 / 11 / 2011

not_19909.jpg

O tambor de prata. Aventuras e desventuras de Os Trintas de Trives é o título do segundo álbum que lanza o trio Vaamonde, Lamas & Romero da man de Do Fol. O proxecto comprende un CD con temas inspirador polo grupo dos Trintas, que desenvolveron a súa actividade musical a comezos do século XX, así como un DVD cunha actuación ao vivo de Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero canda a Banda Sinfónica da Coruña no Pazo da Ópera desta cidade. O vindeiro 4 de decembro o grupo fará un miniconcerto no marco do Culturgal en Pontevedra, e o 13 do mesmo mes será a presentación oficial no Salón Teatro de Santiago.

Unha vida en clave de folk

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

O pulso da terra é o título da biografía que do coñecido grupo folk Berrogüetto acaba de editar Galaxia. Para alén dun libro que repasa, da man de Fernando Neira, os quince anos de traxectoria do conxunto, a obra inclúe un CD e un DVD que recollen o concerto que deu a banda en Compostela o pasado mes de novembro de 2010.

Afinando o arco

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Trunfou no Carnegie Hall, conquistou México, Arxentina, Uruguai, Cuba, tocou para as grandes casas reais europeas… o pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961) foi un dos violinistas máis destacados do seu tempo. Chegaron a dicir del que reunía “o virtuosismo de Kubelik, a paixón de Kresiler, a dignidade clásica de Ysaye e a elegancia de Thibaud”. Aínda que Quiroga morreu en 1961, a súa desaparición tivo lugar moito antes, o 8 de xullo de 1937 cando un accidente de tráfico lle destrozou un brazo no momento máis doce da súa carreira. Agora, un programa de actividades desempoa a súa figura.

Os Cempés reúnen en tempo récord 5.000 euros para o seu vindeiro disco

Xénero: Folk | 8 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

En só catro días desde que comezou a recadación de achegas para que Os Cempés graven o seu novo disco, o grupo colleitou xa 5.420 dos 5.500 euros que precisan. En total foron 122 os doadores que fixeron ata o momento a súa contribución ao proxecto a través do web Verkami, especializado no financiamento de proxectos mediante este sistema.

O Festival de Jazz de Lugo chega á súa XXI Edición

Xénero: Jazz/Blues | 8 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

“O festival de Jazz máis lonxevo de Galiza, con 20 edicións xa ás costas”. Así definiu onte o responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, o Festival de Jazz de Lugo, que inicia o vindeiro sábado a súa XXI xeira. A programación, que se prolonga ata o vindeiro sábado 19, mestura artistas de talla internacional como Roy Haynes ou Lizz Wright con músicos galegos como Marcos Pin ou Felipe Villar entre outros. Unha vintena de recitais compoñen un programa que ten no Círculo de Belas Artes e mais na sala Clavicémbalo as súas principais sedes.

Dous concertos lembran a Manuel Quiroga no Consello da Cultura

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega organiza dous concertos en homenaxe ao violinista pontevedrés Manuel Quiroga. A coincidir co cincuenta cabodano da morte do músico, a sede da institución en Compostela acolle dous concertos. O primeiro deles, o 8 de novembro, amosará na "pegada de París" no músico e no mesmo poderán escoitarse pezas de Quiroga, Pablo de Sarasate e Fritz Kreisler. O día 9 o recital centrarase nas composicións propia deste autor e mais nas que se teñen realizado na súa figura. Os concertos comezarán as 19 horas.

Paula Rey é a nova cantante de Luar na Lubre

Xénero: Folk | 4 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Na tarde onte presentábase no Teatro Colón da Coruña a cantante que substitúe a Sara Vidal como voz de Luar na Lubre. Trátase de Paula Rey Torreiro, que provén do mundo da lírica e ten cantando coa Orquestra Sinfónica de Galicia, así como co grupo latin-funk Duplo Son. Os interesados en a escoitar, terán ocasión esta mesma noite no programa Luar da TVG.

Un vento que zoa na música galega

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Hoxe pola mañá o Consello da Cultura Galega presentou Vento que zoa, un web que servirá de base para as iniciativas de difusión da música galega entre todos os públicos. Segundo afirman Maximino Zumalave e Sergio Sieiro, este será o punto de partida a partir do cal a Sección de Música do CCG quere levar o coñecemento da música clásica galega a públicos moi amplos, a partir de Internet. Nestes momentos, Vento que zoa permite escoitar e ver o traballo de seis compositores galegos clásicos, consagrados e emerxentes. Un novo xeito de coñecer a música do país.

<< Inicio / Anterior . 2391 a 2400 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR