Ir ao contido directamente.


Noticias

O Festival Sónar abandona Galicia

Xénero: Miscelánea | 9 / 12 / 2011

imaxe non dispoñible

Eran algunhas das citas máis potentes da escena indie e electrónica en Galicia. A empresa Advanced Music, propietaria do Festival Sónar, trasladará o evento desde A Coruña a outras cidades internacionais: Tokyo e São Paulo. O motivo para isto, segundo os organizadores: é a falta de aportación económica da Xunta pero tamén os malos resultados de público: o Sónar 2011 non conseguiu completar o aforo previsto para o evento (rexistrou 8.400 asistentes para unha previsión de 12.000). Tamén está no aire o Vigo Transforma, aínda en fase de negociación. Segundo La Voz de Galicia, ambas as partes teñen claro que a Xunta reducirá as achegas públicas a este evento.

Unhas conferencias poñen de manifesto o papel do galego na música

Xénero: Miscelánea | 5 / 12 / 2011

imaxe non dispoñible

As cantigas tradicionais galegas son, en palabras de Anxo Lourenzo, secretario xeral de Política Lingüística, “un tesouro musical, pero tamén lingüístico, polos innumerables exemplos de galego de calidade que conteñen”. E este enfoque histórico e lingüístico é o que teñen as conferencias “A música na memoria” que se desenvolverán na sede do Conservatorio Profesional de Música de Santiago nas vindeiras semanas. Son tres cita a cargo de profesionais de gran relevancia no estudo da tradición musical de Galicia: Dorothé Schubart, Javier Jurado e Miguel López Fariña que falarán de cantigas, música de banda e a vida musical de Santiago a finais de século. Un enfoque musical para dar conta da situación do idioma nese contexto.

Leilía pura

Xénero: Folk | 5 / 12 / 2011

not_20001.jpg

Xa está nas rúas o agardado novo disco de Leilía. Logo de seis anos de silencio o grupo de pandeireteiras volta con Consentimento (Fol Música), un álbum no que continúan a recuperación de melodías tradicionais que lles caracteriza pero no que a música queda máis espida que en anteriores traballos. O pasado xoves 1 de decembro presentaban o traballo na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela e facíano cun pequeno recital que agora che presentamos.

Anxo Lorenzo Trío leva o premio do público no Folkherbst Festival

Xénero: Folk | 2 / 12 / 2011

imaxe non dispoñible

O público do Folkherbst Festival que se celebrou a finais do pasado mes de outubro en Alemaña, escolleu os galegos Anxo Lorenzo Trío como mellor grupo da última edición. O grupo deste gaiteiro actuou no evento o pasado 29 de outubro, conseguindo unha grande aceptación dos afeccionados no que é a principal cita de música folk en Alemaña. Nas votacións, os galegos impuxéronse á formación irlandesa Nua Caladh e aos checos Bezobratri. No próximo mes de xaneiro a banda voltará a este país para recibir o premio e ofertar un novo concerto en Plauen. O premio do xurado do festival foi para premio do xurado foi para os franceses Pad Prapad.

Os Premios Opinión de folk mudan as súas categorías para XI edición

Xénero: Folk | 1 / 12 / 2011

imaxe non dispoñible

A XI Edición dos prestixiosos Premios Opinión de Música Folk chega con novidades. Segundo anuncia hoxe o xornal La Opinión, os gañadores dos mesmos coñeceranse no transcurso da propia gala dos premios, e con anterioridade farase público un listado de catro finalistas para cada categoría. Tamén muda para tres o número de categorías do galardóns, mantendo o recoñecemento ao mellor disco folk galego do ano, engadindo o premio ao mellor disco orixinal e ao artista máis salientable. Tamén se manterá o Premio Opinión Andaina Senlleira toda unha traxectoria, que se dará a coñecer previamente á gala de entrega.

Música lixeira

Xénero: Miscelánea | 1 / 12 / 2011

imaxe non dispoñible

Vídeos con actuacións breves, en formato acústico, de bandas galegas ou que visitan o noso país nunha xira, maiormente do universo indie. Esta é a proposta que fan desde Vigo os membros da produtora Zinquin baixo o título Sesiones Ligeras. O web que acaban de publicar recolle actuacións de trinta e cinco bandas gravadas en diferentes lugares da nosa xeografía. Vetusta Morla, Xoel López, Eladio y los Seres Queridos, Colectivo Oruga, Catpeople, Igloo, Love of Lesbian con Amaro Ferreiro, Sidonie ou Los Coronas son só algúns dos nomes que xa pasaron por diantes das cámaras deste proxecto.

The Blows reúne grupos de primeira liña nun concerto solidario

Xénero: Miscelánea | 29 / 11 / 2011

blows_cancro.jpg

Amaro e Iván Ferreiro, Eladio y los Seres Queridos, Ibán Marciano, March, Meteoro Dj, Nicolás Pastoriza, Paco Catpeople, Pedrito Diablo y los Cadáveras, Silvia Superstar, Thee Tumbitas e Triángulo de Amor Bizarro tocarán con The Blows o vindeiro 22 de decembro. A Sala Mondo de Vigo acollerá a partir das 21h o concerto solidario que organiza esta formación para recadar fondos cos que cubrir o tratamento para o cancro que padece o seu baixista. As entradas estarán a un prezo de dez euros, e ademais de música, os asistentes poderán puxar por obxectos de memorabilia dos grupos que participan. A formación habilitou tamén unha conta corrente na que se poden facer achegas a esta causa, e anuncian sorpresas para a ocasión.

Nikolai Saratovskii gaña o Concurso de Piano Cidade de Ferrol máis concorrido da súa historia

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Do 29 ao 27 de novembro, 51 concursantes procedentes de 18 países estiveron no Teatro Jofre de Ferrol tocando o piano. Foi así como foron superando as diferentes probas dun dos dos certames máis antigos e emblemáticos de cantos se celebran en Galicia: o Concurso de Piano Cidade de Ferrol. Este ano, o gañador foi o pianista ruso Nikolai Saratovskii , que recibiriá 6.000 euros, diploma e realizará unha xira de sete concertos, por convencer ao xurado coa súa interpetación do “Concierto nº3,op. 26 en Do mayor” de Prokofiev. En total, repartirá 25.000 euros en premios nun certame que cumpre as súas vodas de prata.

Apuntan a Andrés Lacasa Nikiforov como novo xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 11 / 2011

imaxe non dispoñible

Andrés Lacasa Nikiforov será o novo xerente da Oruqestra Sinfónica de Galicia. Así o afirma hoxe La Voz de Galicia, aínda que a designación non é oficial. Esta semana tiveron lugar as entrevistas aos 13 candidatos ao posto e o tribunal elexiría, sempre segundo este medio, ao actual adxunto a dirección e coordinador artístico do Centro Nacional de Difusión Musical. En todo caso, o nomeamento do sucesor de Oriol Ponsa non será efectivo ata que o xurado lle comunique ao Padroado do Consorcio de Promoción da Música, responsable da Orquestra Sinfónica de Galicia, e súa decisión para o seu posterior nomeamento. Andrés Lacasa, de ascendencia rusa, é doutor en musicoloxía e foi asistente á dirección artística da Orquestra e Coro Nacionais durante cinco anos.

César Morán canta a Cunqueiro en Haberá primavera

Xénero: Melódica | 23 / 11 / 2011

habera_primavera_capa.jpg

Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións é o título da última gravación de César Morán. Un libro-disco no que o músico canta catorce poemas de Álvaro Cunqueiro e un tema propio con colaboracións como a de Uxía Senlle. O lanzamento, ademais, inclúe un segundo CD no que se pode escoitar a última entrevista que concedeu Cunqueiro en vida ao propio Morán. A obra, cun carácter fondamente intimista, achega guitarra, frauta traveseira, saxo alto, contrabaixo e a percusión. A obra inclúe un libro de 56 páxinas e sae á venda cun prezo de 29 euros.

<< Inicio / Anterior . 2381 a 2390 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR