Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Unhas conferencias poñen de manifesto o papel do galego na música

COMEZAN O VINDEIRO 15 DE DECEMBRO CUNHA CHARLA SOBRE A MúSICA GALEGA DE NADAL

Unhas conferencias poñen de manifesto o papel do galego na música

MISCELáNEA | decembro 5, 2011

imaxe non dispoñible

As cantigas tradicionais galegas son, en palabras de Anxo Lourenzo, secretario xeral de Política Lingüística, “un tesouro musical, pero tamén lingüístico, polos innumerables exemplos de galego de calidade que conteñen”. E este enfoque histórico e lingüístico é o que teñen as conferencias “A música na memoria” que se desenvolverán na sede do Conservatorio Profesional de Música de Santiago nas vindeiras semanas. Son tres cita a cargo de profesionais de gran relevancia no estudo da tradición musical de Galicia: Dorothé Schubart, Javier Jurado e Miguel López Fariña que falarán de cantigas, música de banda e a vida musical de Santiago a finais de século. Un enfoque musical para dar conta da situación do idioma nese contexto.

Programa

O primeiro ciclo de conferencias están compostos por tres citas.

Aula aberta con Dorothé Schubart. A música galega de Nadal
Profesora Dna. Dorothé Schubart
Xoves 15 de decembro ás 18:00 horas na Biblioteca
A musicóloga e compositora suíza, que será a encargada de abrir o ciclo, o próximo 15 de decembro, cun relatorio sobre a música galega de Nadal, pasou en Galicia dez anos rescatando cantigas por numerosos concellos. O resultado deste amplo e frutífero traballo foi o Cancioneiro Popular Galego, que posúe un gran valor para o idioma, xa que inclúe a transcrición lingüística das cantigas, realizada por Antón Santamarina.

A investigación e edición de partituras de Arquivos de Banda
Profesor D. Javier Jurado
Luns 19 de decembro ás 18:00 horas na Biblioteca
Javier Jurado explicará os procesos de investigación, edición e publicación de partituras históricas. Este profesor do Conservatorio Profesional de Música de Vigo colaborou na elaboración de materiais didácticos e no desenvolvemento dos currículos oficiais en Galicia. Ademais, leva a cabo varios proxectos de investigación, catalogación e publicación da obra do Mestre Vide e de Bernardo del Río.

A vida musical en Santiago a finais do século XIX
Profesor D. Miguel A. López Fariña
Luns 13 de febreiro ás 18:00 horas na Biblioteca
O último relatorio tratará sobre a vida musical en Santiago a finais do século XIX, que impartirá Miguel López Fariña. Este profesor de historia da música no conservatorio de Santiago foi cofundador do grupo Martín Codax e conta con diversas publicacións relacionadas coa pedagoxía musical, así como de ámbito científico.