Noticias
A Sinfónica infantil de Nigrán ofrece un concerto para pedir o apoio do concello
Xénero: | 23 / 12 / 2011
Leva seis anos de funcionamento, conta con 48 membros e corre o risco de desaparecer. A Sinfónica infantil de Nigrán ofreceu onte un concerto, pero ás portas do consistorio municipal. No seu interior a corporación celebraba un pleno no que, entre outras cousas, rexeitaron manter desta actividade no marco da oferta cultural do concello. Ademais do concerto improvisado, os país anunciaron a súa intención de fundar unha asociación que garantise a súa superviviencia e que podería optar as axudas para entidades culturais do concello.
O disco República Billarda reúne máis de 20 grupos galegos
Xénero: | 22 / 12 / 2011
Dous CDs, Billarda e Palán, integran do disco República Billarda editado pola liga deste deporte mediante o selo O Varal Records. O proxecto, que quere recadar fondos para a difusión deste xogo tradicional, e para isto reuniu máis de vinte grupos galegos que compuxeron temas específicos sobre o mesmo. The Homens, Fanny e Alexander, Zenzär , Projecto Trepia, Reuxe Ruxe , Ulträqäns, Narf ou Projecto Mourente son algúns dos colaboradores. O disco achega ademais un libreto de 18 páxinas con textos de diferentes poetas galegos e fotografías de NachoK
Cantos na maré revalida a súa aposta pola música da lusofonía
Xénero: | 21 / 12 / 2011
O 14 de xaneiro é a data na que se celebrará en Pontevedra unha nova edición de Cantos na Maré, o festival internacional da lusofonía. Carlos do Carmo, Mayra Andrade, Socorro Lira e Xoán Curiel conforman o programa desta edición. O encontro seguirá fiel ao seu formato habitual e contará con varios días de ensaios para que os convidados “se coñezan e constrúan xuntos un repertorio orixinal” explica a nota de prensa remitida pola organización. Cantos na Maré é unha producón de Nordesía, co patrocinio do concello de Pontevedra, a colaboración de Agadic e Novacaixagalicia, que conta con Uxía como directora artística.
Dosier: Orquestras
Xénero: | 20 / 12 / 2011
Roberto Somoza e Pedro Lama son os fundadores da Orquestra de Jazz de Galicia. Trátase dunha fundación que pretende achegarse ás raíces da muica galega. Un proxecto que se presenta coa intención de ter con sede estable e ofrecer cursos de formación. A aparición desta entidade permítenos revisar as formacións orquestrais que se presentaron en Galicia nos últimos anos.
Skacha anuncia un parón indefinido
Xénero: | 20 / 12 / 2011
Logo de vinte anos de traballo no punk-rock galego, o grupo Skacha disólvese. O seu web recollía o pasado día 17 o anuncio da banda dun "parón indefinido" que os membros achacan "ás circunstancias da vida". Malia a que non desbotan a posibilidade de se reunir de xeito puntual o grupo como tal non continuará a súa actividade, logo "dunha decisión moi meditada e nada doada". Os compoñentes de Skacha animan os seus seguidores a continuar apoiando outros proxectos nos que participan.
O concerto dos vinte anos
Xénero: | 19 / 12 / 2011
O local A Taberna, de Cerceda acollía o pasado sábado 16 a presentación do DVD Zënzar ao vivo. O grupo presenta nesta produción o concerto que dera nesta mesma localidade en 2009, a coincidir co seu vinte aniversario e contando con numerosas colaboracións. Ademais da actuación en Cerceda, que contou coa presenza de Xurxo Souto, María Xosé Silvar “Ses” ou Javier Pardeiro “O reverendo”, entre moitos outros, a banda ofrece outro recital con convidados no Badulake de Ordes o vindeiro 23 de decembro. Nestas presentacións está a venda unha edición limitada do DVD autoeditado, que chega ás tendas o vindeiro mes de xaneiro.
O ingleses The Orlando Consort estarán no V festival Pórtico do Paraíso
Xénero: | 16 / 12 / 2011
O pórtico do paraíso da Catedral de Ourense dá nome a un ciclo que naceu hai un lustro coa intenciónde ofrecer música clásica en esapzos emblemáticos (como a catedral de San Martiño, a igrexa de Santa María Nai, a Igrexa de Santa Eufemia, o Liceo e o Teatro Principal). Agora, o concello de Ourense acaban de dar a coñecer a programación desta nova edición que repetirá a súa liña de traballo con concertos (Capilla Flamenca, José Manuel Álvarez e Andreu Riera, Raquel Alao e Daniel Olveira, Alexander Melkinov e The Orlando Consort ) e actividades paralelas. Entre as novidades desta edición destaca a achega de Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, ao financiamento do encontro. Agadic achegará o 14%, o concello de Ourense o 50% e o resto a cargo de entidades privadas. En total, contará con 80.000 euros.
Quiosco: Sons da Galiza 18
Xénero: | 14 / 12 / 2011
A publicación dixital Sons da Galiza ten xa dispoñible no seu blog o seu número 18, que corresponde aos meses de novembro e decembro. Desta volta, atende a cuestións como os últimos discos de Leilía, Malvela e Assembly Point, a nova voz de Luar na Lubre, ou a Biografía e DVD ao vivo de Berrogüetto. Asimesmo, a xira da Orquestra Sondeseu e as habituais de seccións de axenda e de novas breves fan parte da entrega.
Xacarandaina leva o premio IAR de Folclore
Xénero: | 12 / 12 / 2011
O Grupo de Bailes Populares IAR celebrou o pasado sábado na Coruña a súa gala folclórica, na que entregou o XX Premio IAR de Folclore Galego. O colectivo Xacarandaina foi o gañador desta edición, e viu recoñecido o seu traballo a prol da recuperación de pezas musicais da tradición popular. Os responsables do galardón sinalaron o amplo repertorio que logrou este colectivo ou a súa estensa colección de traxes populares, así como o traballo de formación e difusión da música de raíz.
Unha viaxe musical
Xénero: | 12 / 12 / 2011
O álbum Etheria partiu da banda sonora do espectáculo homónimo do Centro Coreográfico Galego e agora madura como disco singular, “con maior desenvolvemento musical”, asegura o líder da formación ISGA Collective, Isaac Garabato. Etheria presentouse en Londres na primavera e a semana pasada ISGA presentouno en Vigo. O resultado é un son moi particular. “Queremos amosar unha música que ten que ver con Galicia, pero adoptamos máis correntes”, sinala Garabato, “porque Galicia como sociedade é máis plural e máis moderna”.


