Skacha anuncia un parón indefinido
decembro 20, 2011
Logo de vinte anos de traballo no punk-rock galego, o grupo Skacha disólvese. O seu web recollía o pasado día 17 o anuncio da banda dun "parón indefinido" que os membros achacan "ás circunstancias da vida". Malia a que non desbotan a posibilidade de se reunir de xeito puntual o grupo como tal non continuará a súa actividade, logo "dunha decisión moi meditada e nada doada". Os compoñentes de Skacha animan os seus seguidores a continuar apoiando outros proxectos nos que participan.
O grupo gravara o pasado mes de novembro un concerto en Vigo con vistas a editar un DVD, e está aínda a barallar o xeito no que publicar este material e mais o dun concerto anterior, Ceibe violento e furtivo, en Compostela. Os membros de Skacha sinalan que están a pensar na posibilidade de subir directamente á rede este material.