Unha viaxe musical
decembro 12, 2011
O álbum Etheria partiu da banda sonora do espectáculo homónimo do Centro Coreográfico Galego e agora madura como disco singular, “con maior desenvolvemento musical”, asegura o líder da formación ISGA Collective, Isaac Garabato. Etheria presentouse en Londres na primavera e a semana pasada ISGA presentouno en Vigo. O resultado é un son moi particular. “Queremos amosar unha música que ten que ver con Galicia, pero adoptamos máis correntes”, sinala Garabato, “porque Galicia como sociedade é máis plural e máis moderna”.
Deste xeito, Etheria combina as melodías e a instrumentación tradicional con toques de blues, jazz, soul , acordes moi contemporáneos e tamén influencias africanas e orientais. O disco responde ás necesidades dun espectáculo coreográfico sobre a que se considera unha das primeiras peregrinas, a monxa galega Etheria, que viaxou por Asia Menor ata Xerusalén no século IV e deixou constancia escrita do periplo.
Para a composición orixinal, en colaboración coa directora do espectáculo Mercedes Suárez, Garabato recolleu estas influencias: “a nivel musical queriamos dar un ton máis exótico que conforme avanzaba o espectáculo se ía galeguizando”. Acostumado a traballar con Suárez, a composición orixinal é un diálogo entre movemento e temática musical. “Ás veces a música propón un movemento dos danzantes e outras veces é o contrario, hai fragmentos xa coreografiados aos que te adaptas”, apunta Garabato. O compositor acudía aos espectáculos e gravaba en vídeo aos ensaios. No estudo, xurdía a música a partir das evolucións dos bailaríns.
Máis que un grupo, ISGA Collective é un colectivo formado por sete músicos que proceden do jazz, da música tradicional ou da clásica, e que atopan un son máis homoxéneo nos vínculos galegos. Nos seus espectáculos en directo combinan a música coa presenza de videoartistas que lanzan visuais inspirados na música do grupo. “É bastate habitual que os nosos concertos sexan multidisciplinares”, sinala Garabato. Aínda que non son moi coñecidos en Galicia, o colectivo xa leva realizado numerosos concertos fóra do país: “A xente fóra sorpréndese con que se faga este tipo de música en Galicia”, asegura Garabato.