Noticias
Nace a asociación galega de violonchelistas
Xénero: | 19 / 1 / 2012
Profesores, músicos (tanto amateurs como profesionais), todos aqueles aos que lle guste o violoncello están convidados a integrar a Asociación Galega de Violonchelistas. Trátase dunha entidade constitutída inicialmente por 40 membros e que conta como impulsora e profesora a Carlona Landrischi, profesora do Conservatorio Superior da Coruña. A primeira actividade desta entidade terá lugar os días 25 e 26 de febreiro, no marco dun congreso. A actividade incluirá un concerto, unha clase maxistral , unha sesión monográfica centrada na figura de Enrico Mainardi, unha mesa reonda sobre a situación do violonchelo, así como a primeira asamblea xeral.
A Central Folque crea un repositorio de obras sobre música tardicional
Xénero: | 18 / 1 / 2012
A La Habana quiero ir. Los gallegos en la música de Cuba, de Ramom Pinheiro e mais A Sanfona de Brocos, de José Luís do Pico son os dous primeiros títulos de Folque Commons. Este proxecto nace como un repositorio para investigacións encol da música tradicional da man de A Central Folque. Todos os traballos estarán dispoñibles para a libre descarga con licenza Copyleft, e está previsto no futuro facilitar servizos de edición á carta en papel dos contidos.
Chega o debut discográfico do cuarteto O Chupacabras
Xénero: | 17 / 1 / 2012
Hai xa dous anos que o cuarteto O Chupacabras gravaba, no teatro Pastor Díaz de Lugo os temas do que sería o seu primeiro disco. Agora, finalmente ve a luz Tradiphonias unha selección de dez temas gravados en falso directo na que a formación experimenta achegando os instrumentos tradicionais a ritmos pouco convencionais e versionando de xeito persoal temas clásicos da nosa música. Totalmente autoproducido, o traballo está xa dispoñible nas tendas.
Quiosco: Sons da Galiza 19
Xénero: | 16 / 1 / 2012
Xa está dispoñible na rede o número 19 da revista Sons da Galiza. A entrega, correspondente a xaneiro, chega con 58 páxinas nas que destaca o espazo dedicado a Culturgal, a atención á última edición de Cantos na Maré e mais a reportaxe na que se acompaña a musicóloga Dorothé Schubarth no seu retorno ao Courel. Tamén merece a atención deste número o último traballo de Vaamonde, Lamas e Romero, e mantéñense as novas sobre os sector e as citas de axenda.
A Velas Vir gañou o certame En Marcha Música Xove
Xénero: | 13 / 1 / 2012
Os monfortinos A Velas Vir impuxéronse na primeira edición do certame En Marcha Música Xove que convocou a Deputación de Lugo. O concurso, centrado en conxuntos de pop e rock, contou coa participación de 15 conxuntos, e como premio os gañadores editarán un CD con nove temas do que se tirarán mil copias. Os finalistas, Yuno de Viveiro, Stick-Up de Sarria e Miriam López Vila de Lugo gravarán pola súa banda un disco conxunto, nos dous casos nos estudios de Sons Galiza. O pasado mércores entregábanse na capital lucense os galardóns da que foi a primeira edición deste certame.
A Cidade da Cultura repite con Pequeclassic tralo éxito da primeira edición
Xénero: | 10 / 1 / 2012
Era un programa para achegar a música clásica aos máis novos, a prezo reducido (as entradas tiñan un custe de 3 euros) e nas instalacións da Cidade da Cultura. Pequeclassics repite na programación do Gaiás con tres novas obras. O poliño feo de Viravolta Títeres que reintepreta con monicreques e luz negra un conto popular, abre esta segunda edición que conta con catro espectáculos.
Anubis Metal Jack publica Nuevo Testamento
Xénero: | 5 / 1 / 2012 + AUDIO
O dúo formado polo vocalista Anubis e mais o produtor Salvador Medina acaba de autoeditar o seu cuarto disco, con data do 1 de decembro. A obra sae cunha edición limitada de cen copias en formato digipack e achega dezaseis novos temas. O disco gravouse en Abrigueiro Estudios, coa colaboración técnica de Arturo Vaquero, e conta con colaboracións de Block Mccloud (Army of the pharaophs), Dj Waxwork (ex-Snowgoons), Blue Vagos, Soker A.K.A El Mal Agüero, Pániko en las calles, Xoko Suizo e Raptus. No web da banda está dispoñible xa o video do tema Oración de lucha.
SÓS de Mercedes Peón está entre os mellores discos de raíz de 2011
Xénero: | 4 / 1 / 2012
Críticos de música de 23 países de todo o continente europeo seleccionaron o disco SÓS de Mercedes Peón como o quinto mellor de 2011. Así figura o traballo da galega na prestixiosa lista World Music Charts Europe, que xa recoñecera esta obra outorgándolle o seu primeiro posto durante dous meses consecutivos deste ano. Na mesma listaxe, Meu canto de Uxía ocupa o posto número 40. No comezo deste ano, Galicia renova a súa representación nesta escolma internacional coa entrada de Doa e a súa A fronda dos cervos no número vinte deste mes de xaneiro.
A Real Banda de Gaitas celebra 25 anos cun CD e DVD
Xénero: | 28 / 12 / 2011
A celebrar 25 anos da súa existencia, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense acaba de publicar Éxitos no mundo, un CD e DVD no que recolle unha selección de 30 temas. No mesmo pódense escoitar versións de melodías populares dos países que a formación visitou ao longo deste tempo, con cancións chinesas como Mo Li Hua, a exipcia Abd Al WahhÂ, Cantares de España, God Bless America ou a tonada australiana Waltzing Mathilda entre moitas outras. Canda a isto, a obra recolle melodías galegas e no DVD poden verse diferentes actuacións da formación desde os seus comezos. A obra está editada por Inquedanzas Sonoras e sae á venda por 16.95 euros.
Paul Daniel perfílase como novo director da Real Filharmonía de Galicia
Xénero: | 26 / 12 / 2011
Leva varios anos vencellado á Real Filharmonía de Galicia e, desde xaneiro, será o vindeiro director da formación. Así o publica esta fin de semana a edición de Galicia de El País que asegura que Paul Daniel (Birmingham, Gran Bretaña, 1958) será nomeado director de xeito oficial. Substitúe así a Ros Marbá, quen leva doce anos á fronte da formación. Este mesmo medio asegura que Marbá continuará vencellado á formación como director emérito ou dirixindo algúns concertos.


