Ir ao contido directamente.


Noticias

Santiago inaugura un ciclo musical coa presenza de destacados músicos de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 1 / 2 / 2012

imaxe non dispoñible

Erik Truffaz 4tet, Joe Lovano Quartet e The Bad Plus son tres referencias ineludibles do jazz a día de hoxe. E os tres son cabeza de cartel de Jazz in blue o novo ciclo musical co que conta o concello de Santiago. O concelleiro, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio, José Víctor Carou, presentaron a programación que arrinca o 18 de febreiro coa presenza de Erik Truffaz 4tet, músico coñecido polo seu estilo contemporáneo fusiona jazz, rock, hip-hop, world music e electrónica. As entradas, que custan entre 15 e 18 euros, están á venda en Carrefour, FNAC, Halcón Viajes, Tiendas Tipo, red ticketmaster.

A alborada que inspirou a Miles Davis

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

A historia aparecía onte nun especial que The New York Times facía sobre o traballo de recollida sonora de Alan Lomax nos 50, co gallo da edición dun novo álbum con gravacións feitas polo etnomusicólogo: The Alan Lomax Collection From the American Folklife Center. Entre a selección feita polo New York Times, está a Alborada de Vigo, interpretada polo xornaleiro e castrador de porcos José María Rodríguez. O New York Times achéganos a fermosa continuación desta historia. Este tema inspirou ao gran músico Miles Davis na súa composición "The Pan Piper", do álbum Sketches from Spain.

Marful mestura música, gastronomía e patrimonio na súa nova xira

Xénero: Melódica | 31 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

Co título de Xira surreal, Marful propón unha experiencia na que mestura espazos singulares, música e gastronomía. Castelos, mosteiros, muíños ou fábricas son os escenarios aos que este grupo levará o seu son, que irá acompañado de produtos gastronómicos propios de cada lugar. A primeira parada, o vindeiro 2 de febreiro será no Mosteiro de Carboeiro, onde se poderá degustar queixo Semana Verde, melindres Tábora e augardente da zona. O aforo dos concertos, en formato acústico ou semiacústico será limitado e o grupo anuncia que, para alén dos temas dos seus dous discos, achegarán sorpresas especiais.

Falece Xosé Manuel Seivane

Xénero: Folk | 27 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

Un dos gaiteiros e fabricantes de instrumentos máis destacados de Galicia, Xosé Manuel Seivane, falecía esta mañá aos 90 anos de idade. Seivane foi o iniciador dunha saga de músicos e artesáns que se transformou en toda unha marca de calidade no mundo da gaita, e que ten continuidade no traballo dos seus fillos Álvaro e Xosé Manuel e mais no da súa neta, Susana Seivane. Co seu traballo Seivane contribuiu decisivamente á música galega traballando na unificación das palletas e na afinación da gaita.

Paul Daniel dirixirá a Real Filharmonía co obxectivo de chegar a máis público

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

Xa se sabía o nome pero faltaba a confirmación definitiva. E chegou onte, coa presentación aos medios de Paul Daniel como o futuro director técnico e artístico da Real Filharmonía. É un nomeamento “de futuro”, porque non exercerá o seu cargo ata o ano 2013. Na súa presentación pública, Daniel agradeceu o posto e estableceu que a súa determinación pasaba por conseguir que o proxecto chegase a máis público. O futuro director chegará a Santiago tras cumprir os contratos en Australia, á fronte da Australian Symphony Orchestra, e substituíra no cargo a Ros Marbá, que levaba 12 anos á fronte da formación.

O programa Danza 3 achegará música e baile tradicionais a nove vilas

Xénero: Folk | 25 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

Como veñen facendo desde hai preto de dez anos, a asociacions Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina, botan a andar unha nova edición do programa Danza 3. Co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e mais do Xacobeo, estes colectivos levarán cadanseu espectáculo de canto e danza tradicionais a nove vilas próximas aos camiños de Santiago.

Manu Chao entre os primeiros confirmados para o X Reperkusión

Xénero: Fusión | 25 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

O X festival Reperkusión, que se celebrará en Allariz os vindeiros 17 e 19 de maio, conta xa coas primeiras actuacións confirmadas. Entre estas, destaca a incorporación ao cartel de Manu Chao, que dará dous recitais neste evento co proxecto La Ventura. Canda a el, poderá verse Russkaja, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe, a falta de novas bandas. A coincidir con este adianto, chega a nova da pausa profesional que colle Lamatumbá. O grupo fai un alto no camiño, logo de trece anos, para, segundo explican no seu web, "mar un descansiño para facer outras cousas, tomar outros rumbos quen lle apeteza, e cargar pilas".

Mónica de nut trío presenta o seu primeiro disco

Xénero: Jazz/Blues | 24 / 1 / 2012

not_20296.jpg

Logo de amosar o seu traballo en festivais de jazz e concertos por todo o país, o proxecto Mónica de nut trío lanza o seu primeiro disco. Totalmente autoproducido e editado baixo o selo Freecode Jazz records, o lanzamento mestura os sons do jazz e as voces e efectos da vocalista co traballo de Paco Dicenta ao baixo e bases electrónicas e mais Virxilio da Silva coa guitarra e efectos. O CD, co mesmo nome do grupo, presenta nove temas nos que apostan por sons complexos e cunha coidada produción, mesturando elementos de jazz, electrónica, experimentación e mesmo música de raíz. Pódese adquirir por dez euros en diferente locais do país ou solicitarllo directamente aos músicos. Tamén está dispoñible integramente no web de Mónica de Nut para libre descarga. Os vindeiros 3 e 24 de marzo o grupo actuará na sala La Tuerka 27, da Coruña.

Sons para comezar o ano

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2012

imaxe non dispoñible

Os micrófonos botan fume. En estudios de gravación do noso país e tamén nos foráneos, están a se ultimar os traballos para unha fornada de discos dos máis variados estilos que axiña verán a luz. Con variedade de estilos, atopamos significativos retornos aos estudios e a consolidación da aposta por adiantar material na rede.

Volven os Heredeiros da Crus

Xénero: Rock | 19 / 1 / 2012

not_20271.jpg

O grupo de rock Heredeiros da Crus anunciou o seu regreso á escena musical, despois da súa retirada dos escenarios en 2005. Será o día 3 de marzo na discoteca LP45, en Ordes, e conmemorará os 20 anos de nacemento da banda en Castiñeiras (Ribeira). Os Heredeiros foron un importante grupo de rock dos anos 90 famoso pola súa participación no Xabarín Club e polo seu estilo: temas provocadores cantados na variante dialectal das Rías Baixas. O concerto será o principio dunha xira, durará máis de dúas horas e "con sección de metais, coros e piano incluído".

<< Inicio / Anterior . 2351 a 2360 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR