Marful mestura música, gastronomía e patrimonio na súa nova xira
xaneiro 31, 2012
Co título de Xira surreal, Marful propón unha experiencia na que mestura espazos singulares, música e gastronomía. Castelos, mosteiros, muíños ou fábricas son os escenarios aos que este grupo levará o seu son, que irá acompañado de produtos gastronómicos propios de cada lugar. A primeira parada, o vindeiro 2 de febreiro será no Mosteiro de Carboeiro, onde se poderá degustar queixo Semana Verde, melindres Tábora e augardente da zona. O aforo dos concertos, en formato acústico ou semiacústico será limitado e o grupo anuncia que, para alén dos temas dos seus dous discos, achegarán sorpresas especiais.
A seguinte etapa levará o grupo ao Museo da Conserva da Illa de Arousa, onde haberá conservas da fábrica Vengarco. O Muíño do Pozo do Cachón, en Muros, o venres 24 e o Castelo de Sobroso, en Ponteareas, o sábado 25, completan as actuacións previstas para este mes.