Afinando o arco
novembro 8, 2011
Trunfou no Carnegie Hall, conquistou México, Arxentina, Uruguai, Cuba, tocou para as grandes casas reais europeas… o pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961) foi un dos violinistas máis destacados do seu tempo. Chegaron a dicir del que reunía “o virtuosismo de Kubelik, a paixón de Kresiler, a dignidade clásica de Ysaye e a elegancia de Thibaud”. Aínda que Quiroga morreu en 1961, a súa desaparición tivo lugar moito antes, o 8 de xullo de 1937 cando un accidente de tráfico lle destrozou un brazo no momento máis doce da súa carreira. Agora, un programa de actividades desempoa a súa figura.
Regresaba de Times Square cando foi atropelado por un camión. Sobreviviu ao seu accidente, pero o seu brazo quedou severamente danado, polo que se dedicou a faceta compositiva, ainda que entrou nun declive persoal e musical ata a sua morte defintiva, en1961. . Pero xa non o chegou a ver. Un coche levouno por diante e destrozoulle os pulsos. Era 1937 e Manuel Quiroga estaba nun dos momentos máis dóces da súa carreira. “Foi un dese casos de talento precoz como puido ser Pepito Arriola” explica Luis Costa, especialista musical e coñecedor da figura de Manuel Quiroga.
Fitos musicais
Hai varios fitos na carreira musical deste intérprete que coñeceu a música clásica da man do seu irmán, que o iniciou no violín. A súa habilidade trasladouno a estudar primeiro a Madrid, da man dunha bolsa da Deputación de Pontevedra, e posteriormente a París. Foi na capital francesa onde Quiroga marcou o seu primeiro punto de inflexión na súa carreira musical, ao gañar o primeiro Premio de Violín do Conservatorio de París que o converteu no sucesor de Pablo Sarasate. “Era algo excepcional porque era un premio moi relevante que se acadaba despois de varios intentos” explica Luis Costa. O do conservatorio francés foi o primeiro dunha serie de galardóns como o Sarasate, o Jules Garcin e o Monnot, que alén da dotación económica dalgún deles, concederíalle a Quiroga prestixio internacional.
Outros dos grandes puntos na carreira de Quiroga éo contrato que asina en 1913 con J.J Schürmann, que se converte no seu primeiro contrato cun promotor e axente internacional. De feito, era un dos máis destacados representantes da época ao ter entre o seus profesionais a músicos da talla de Kubelik, Paderewski ou Isadora Duncan. Da súa man iniciaría unha xira europea bastante tumultuosa, xa que se produciu o estoupido da Primeira Guerra Mundial no que chegou a ser acusado polas autoridades austríacas de espionaxe e para o que precisou a mediación do monarca Afonso XIII. Foi nese momento no que inicia a primeira viaxe americana e de aí o seu despegamento definitivo no eido musical dos dous lados do Atlántico. Luís Costa explica que o seu primeiro concerto en Nova York tivo lugar no hipódromo de Nova York ante 5.000 espectadores. “Tivo tanto éxito que, a modo de anécdota chegaron a facerse cigarros e garabatas coa marca Quiroga” puntualiza. Desta etapa musical destaca o recoñecemento de Cabaleiro da Lexión de Honra, a máis coñecida e importante das condecoracións francesas.
“Foi un músico excelente pero cunha curta traxectoria” lamenta Luís Costa en relación ao accidente de tráfico que o deixou eivado. Quiroga tentou recuperarse invertindo parte dos cartos que gañou no seu brazo, pero entre o parkinson acabou morrendo arruinado e en Pontevedra.
A relevancia en Galicia
Malia que o legado de Manuel Quiroga estea diluído para o gran público actual, no seu contexto foi unha das figuras destacadas. “Para facerse unha idea da relevancia que tivo naquela época, cando Quiroga chegou de París logo de gañar o premio do Conservatorio de París, cerraron as tendas e toda a actividade comercial para ir recibilo á estación, algo só comparable ao que acontece hoxe cun equipo de fútbol” explica Luís Costa. Tiña só 26 anos cando a Asociación de Prensa da Coruña lle rendeu unha gran homenaxe ao que se sumaron tanto actividades públicas como privadas.
A intelectualidade da época (Castelao, Asorey, Valle-Inclán ou Fernández Mato) vía en Quiroga un referente e pretendían crear nel un referente cultural que catalizara e proxectara toda a súa relevancia musical para a causa galega. Foron as Irmandades da Fala as que querían convertelo nunha especie de Paderewski (en relación ao pianista polaco que loitou a favor da independencia polaca que realizou xiras de concertos para recadar fondos para o seu país e que acabou sendo Primeiro Ministro do País unha vez que o país se independizou) galego. “Sen embargo, asegura Costa, as súas ideas non acaban de encaixar co galeguismo alén da amizade persoal que mantiña con algunha das personalidades” puntualiza Costa. Na súa opinión, a fractura máis importante prodúcese coa segunda república xa que “o seu declarado monarquismo, a relación con Alfonso XIII era moi coñecida, distánciano definitivamente do galeguismo militante”, explica Costa.
A homenaxe
O programa organizado polo Consello da Cultura Galega para recuperar a súa figura está composto por dous concertos que darán conta da súa relevancia pero tamén da influencia que exerceu noutros compositores. “Hai que ter en conta que Quiroga tiña repetorio de salón, moita habanera, jota…… obras moi complicadas de executar e moi amenas para o público da época, cun gusto moi diferente do actual”. Canda obras interpretadas polo propio Quiroga, a homenaxe que terá lugar hoxe máis mañá no salón de actos da institución, tamén hai pezas doutros compositores coetáneos como Sarasate ou Ysaye.
Quiroga foi un gran intérprete, un compositor discreto pero tamén unha personaxe moi particular. Luís Costa lembra que “foi un dandi de salón, ben acicalado, moi lonxe da figura de bohemio que tiñan o músicos da época, que a ademais era un magnífico debuxante e caricaturista”. Boa parte o seu legado descansa no Museo de Pontevedra que, aproveitando a efeméride, pretende abrir unha sala permanente deste músico. “Foi o máis internacional dos nosos músicos e ninguén posterior acadou o impacto internacional de Quiroga” conclúe Costa.