Escola de produtores
outubro 25, 2011
Entre os pasados días 19 e 21 de outubro, a Illa de San Simón acollía unha proposta pouco común no noso país. Os produtores Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton visitaban o lugar para impartir o curso Históricos do rock , dirixido a profesionais da produción no país. Analizamos con algúns dos asistentes a importancia deste encontro e a situación dos produtores en Galicia.
AC/DC, Bob Marley, The Who, Steve Winwood, Jimi Hendrix, Joe Cocker, Leonard Cohen, The Pixies ou Foo Fighters son algúns dos grupos máis coñecidos que pasaron polas mans dos tres profesores que a semana pasada daban a coñecer os seus trucos e xeitos de traballo. Chegados á Illa da man da empresa Dotbeat, que organizou o evento canda á Axencia Galega das Industrias Culturais, estes históricos produtores enfrontáronse a un auditorio ansioso de coñecer os segredos para tirar o mellor son das bandas nunha gravación.
Unha profesión sen formación regrada
O curso reviste especial importancia dado que non existen ciclos específicos para formar produtores musicais. Segundo recoñece Iago Lorenzo, un dos profesionais deste sector que participou na iniciativa “este non é un traballo no que exista unha formación específica, non está moi institucionalizado. Entón tanto en Galicia como en todas partes, vanse adquirindo coñecemento técnicas e experiencia aos poucos. Os propios profesores do curso explicaban que comezaron como aprendices ou rapaces da limpeza nos estudios. Existen escolas para técnicos de son, pero o camiño que leva á produción é aprendendo dos maiores, como se fixo neste caso”. Fon Román, músico e antigo membro de Los Piratas para alén de produtor, sinala a variedade das experiencias que achegaron os docentes. “Como eran de diferentes xeracións, resultaba curioso ver como o primeiro deles comezou a facer gravacións en 4 pistas mentres o máis novo xa traballaba en estudios mais vangardistas, con moitas máis pistas”, sinala. Segundo explica Patricia Hermida, de Dotbeat, “botábamos en falta propostas como esta. Pensamos que cómpre máis formación específica para xente do sector. Hai cursos que buscan cubrir determinadas facetas, pero non cousas así, con xente que lle dá un enfoque global como o que dá un técnico ou un músico como estes”.
Músicos que se autoproducen
Para alén da evolución tecnolóxica, as mudanzas no negocio musical están a deixar a súa pegada neste aspecto do mesmo. Para Lorenzo, “duns anos para aquí tomouse máis consciencia da importancia de contratar profesionais cualificados e comer algo máis a cabeza buscando a calidade. O que acontece é que nos tocaron tempos bastante malos a nivel económico, e entón o custo da produción cae nas costas dos músicos. E nese sentido o nivel das producións si se pode resentir un pouco”. O crecente interese pola autoprodución dos grupos semella estar detrás dunha importante participación de músicos neste curso. Segundo explica Patricia Hermida, “había tanto músicos como técnicos de gravación de estudio. Pola banda dos músicos era xente que se autoproduce, en xeral persoas que están enfocadas en comezar desde abaixo e adquirir coñecemento sobre isto”. Fon Román, desde esta experiencia, sinala que “cada vez hai máis músicos que fan autoprodución e autoxestión, pero abarcalo todo tampouco é tan interesante porque son procesos moi complexos e podes te perder”.
O programa de traballo
Os tres días que durou o proxecto transcorreron entre conferencias dos participantes, exposicións prácticas e unha importante dose de intercambio informal de coñecementos. “Foi moi distendido. Non eran só as clases. Durante as comidas e no tempo de ocio calquera alumno podía dirixirse aos produtores e lles preguntar ou transmitirlles dúbidas. Notouse que tanto uns como outras estaban moi cómodos”. Pola banda dos profesores “puxeron moitos exemplos de cousas que gravaron, mesmo amosando sesións reais cos programas informáticos que empregan, e explicaron metodoloxías de gravación ou como asumiron algúns deles o cambio de analóxico a dixital”.
Leccións
“Resulta un luxo poder examinar os métodos de traballo desta xente desde dentro, e contado por eles mesmos”, sinala Lorenzo encol do curso. “Hai cuestións sobre aspectos técnicos que che xorden cando escoitas unha gravación, non sabes como o fixeron. Por exemplo, Anthony Platt explicounos como gravaran algunhas guitarras nun disco de AC/DC”. Pola súa banda, Román destaca que lle quedaron especialmente gravadas as técnicas “para as gravacións de ambientes exteriores para engadilos ao instrumentos. Tamén cuestións como a disposición de microfonía ou saber qué aparellos empregan”. Desde a organización, pola súa banda, Patricia Hermida destaca que lles sorprendeu “que xente con tanto renome tanta experiencia non lles importase nada revelar os seus segredos de gravación, os detalles que poden distinguir un produtor de outro. Viñeron con total predisposición a compartir esta sabedoría”.
Eivas no sector
En canto ás eivas que presenta o panorama da produción en Galicia, ámbolos dous profesionais coinciden na súa diagnose. Segundo sinala Iago Lorenzo, “quizais o problema é que faltan estudios, o que está directamente relacionado coa cuestión económica. Cómpre contar cun estudio de verdade que permita resultados profesionais para lograr un bo disco. Cando se quere facer algo que chegue a determinado nivel é difícil atopar sitios que estean cualificados para o facer, e entón cómpre ir fóra para facer determinados procesos e lograr algunhas cousas”. Para Fon Román, “non hai unha industria galega real de produción e enxeñeiros de son”, advirte, e sinala que para alén da crise económica en si, na industria musical prodúcese un efecto de arrastre que explica este panorama. “O mesmo temos que ter bandas con máis peso. Iso tamén permite que os produtores de aquí se dean a coñecer fóra”. No mesmo sentido apunta que o traballo de produción feito non país non ten por que estar restrinxido a grupos galegos. “Non veñen grupos foráneos a gravar aquí, e iso é algo que acontece en lugares como Madrid, Barcelona ou Cádiz. As producións de relevo non se fan aquí, e entón tampouco se crean estudios importantes. Poida que no folk si, pero na vertente pop-rock faltan proxectos de envergadura”. Como proposta de cara ao futuro, Román considera que “cómpre apostar máis por facer cousas aquí. Se estamos catro persoas, cada unha co seu microestudio, e nos xuntamos, podemos ter un con máis infraestrutura que permitise que viñesen máis grupos e se exporte algo desde aquí”. Lorenzo, no entanto, advirte que son tempos difíciles para as grandes infraestruturas de gravación. “É algo moi caro de manter, e resulta difícil manter abertos grandes estudios nestes tempos de auto producións. Os músicos non teñen cartos e gravan na casa”.
Vindeiras experiencias
Segundo apunta Hermida, de cara ao futuro, Dotbeat ten a intención de “seguir formando con experiencias tan enriquecedoras como estas tamén a managers a músicos, que nos parecen sectores importantes para afianzar coñecementos”. Encol da posibilidade dunha nova edición do encontro para produtores sinala que “estamos a traballar niso e gustaríanos moito facelo. Dependemos dos cachés dos técnicos aos que aspiramos, cunha primeira edición deste nivel, non pode decaerse nunha segunda”.