Ir ao contido directamente.


Noticias

O 32 Festival de Jazz de Lugo trae a grandes figuras internacionais

Xénero: Jazz/Blues | 25 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Do 4 ao 20 de novembro terá lugar a 32ª edición do Festival de Jazz de Lugo, un dos principais e máis lonxevos fitos culturais da cidade, organizado pola asociación EscobiJazz. A edición deste ano contará con 26 concertos dando cabida, tanto a estrelas do xénero e grandes figuras internacionais como a novos valores do mundo do Jazz e a representantes do mellor jazz estatal e galego. Os concertos celebraranse no Círculo das Artes (Escenario 1906), Casa do Saber da USC e o Club Clavicémbalo.

Ventos do pobo (I)

Xénero: Folk | 21 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

O 23 de xuño de 1981, apenas catro meses despois do falido golpe de Estado do 23-F, unha avioneta de dez prazas aterra no aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela para recoller a un grupo de música e levalo a facer unha actuación a Francia; poucos días despois a mesma avioneta os trae de volta unha vez levado a cabo o seu concerto, a tempo de que os músicos (afeccionados) atendan aos seus deberes (profesionais). Non se trataba dunhas estrelas do rock nin do pop, esa banda era Fuxan os Ventos e os lugueses levaban xa daquela nove anos de andadura musical aumentando en éxito dentro e fóra de Galicia, como demostraba o feito de que a organización daquel festival internacional que se celebraba na localidade bretoa de Gwipavaz, no distrito de Brest, alugara esa avioneta ante a imposibilidade de trasladar ao grupo coas combinacións de voos dispoñibles. Non querían renunciar a telos en vivo interpretando, entre outros temas, a "Carolina" que naquel momento era un dos grandes éxitos da formación.

A Coruña acollerá unha nova edición de WOMEX en 2023

Xénero: Folk | 18 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou onte no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade. Será a terceira ocasión na que este encontro -que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais- teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.

Unha webserie explora o folclore no Camiño de Inverno

Xénero: Folk | 11 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

Ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 Javier Blanco Carballal acaba de presentar a webserie A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno. O proxecto, que se pode ver no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística repasa en oito capítulos a saúde da cultura e do folclore nas diferentes etapas desta ruta xacobea.

As axudas á promoción e difusión de proxectos musicais apoiarán 29 artistas e grupos

Xénero: Miscelánea | 10 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 9 de outubro a resolución da primeira convocatoria de Axudas para promoción e difusión de proxectos musicais profesionais. Un total de 1.036.000 euros apoiarán un total de 29 solistas e grupos a través de once empresas promotoras, a contribuír á "promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria".

Rueda sitúa a achega da Xunta á OSG nos tres millóns de euros

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou en reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o apoio económico do goberno autonómico á Orquestra Sinfónica de Galicia nos vindeiros orzamentos autonómicos. Rueda comprometeu a inclusión dunha partida de tres millóns de euros nesta anualidade e manifestou a intención de que ese apoio manteña o nivel "nos vindeiros anos". No pasado o goberno municipal denunciou repetidamente a incumprimento do compromiso da Xunta coa OSG, que era achegar anualmente un mínimo de tres millóns de euros, como o agora confirmado. Esa cantidade mantívose sen abonar íntegra desde 2011, achegando en cada anualidade 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación, e non foi ata o pasado ano, 2021, que a Xunta fixo unha achega extraordinaria de chagando ata os 3,5 millóns de euros vencellada ao Xacobeo 2021-2022. Desde a perspectiva municipal, a diferenza neses anos entre o comprometido co efectivamente achegado supera xa os 5 millóns de euros de débeda por parte do Goberno Autonómico.

O rapeiro Big Meu gaña a Liga CeibaRimas

Xénero: Hip-Hop | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A liga CeibaRimas, un encontro con formato de competición que busca fomentar o uso do idioma galego na arte do rap de improvisación ( freestyle), ven de levar a cabo a súa primeira edición presencial en Santiago, resultando o rapeiro local, Big Meu campión deste 2022. As actuacións dos participantes dividíanse en dous minutos de improvisación libre e un intercambio de pregunta-resposta entre dous participantes durante outro minuto. Big Meu acadou o favor do xurado grazas ao seu enxeño e ao flow amosado, levando os 300 euros que se engadían ao título de vencedor deste encontro de cultura urbana organizado pola asociación Merenda Creativa sen ánimo de lucro.

Premios da Cultura Galega 2022

Xénero: Miscelánea | 5 / 10 / 2022

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia facía públicos este 4 de outubro os Premios da Cultura Galega de 2022. Os galardóns que recoñecen a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia" foron seleccionados por un xurado entre as propostas remitidas ao Goberno. Os gañadores recibirán un diploma conmemorativo e unha figura realizada por un artista galego.

Tempo de cantautores

Xénero: Miscelánea | 30 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

O espectacular crecemento da canción de autor e a continuada emerxencia de Electrónica, Hip-hop e Metal marcan a evolución do panorama musical galego. Cando menos así o relevan os datos das candidaturas aos IX Premios Martín Códax da Música, que se fallan o vindeiro 5 de outubro en Pontevedra. Fronte a estes crecementos, o declive acelerado do Rock e unha inesperada caída do folk, deixan unha escena musical máis variada e complexa.

Soa Bonaval amosará as fusións da música tradicional en Compostela

Xénero: Miscelánea | 28 / 9 / 2022

imaxe non dispoñible

Actuacións de Lucía Aldao, Catuxa Salom, Paraíso Canto, obradoiros e itinerarios sonoros. Estas son as propostas que fai o Museo do Pobo Galego para os vindeiros 30 de setembro e 1 de outubro no marco da segunda edición do festival Soa Bonaval. A cita "pretende rachar xéneros e etiquetas, en busca de músicas que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient, traballadas sobre sons clásicos e de raíz, e concibidas desde o local e a cultura propias".

<< Inicio / Anterior . 241 a 250 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR