Noticias
Máis seis milleiros de persoas forman parte dalgunha coral galega
Xénero:
| 22 / 11 / 2022En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe "As corais en Galicia", o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible na web do organismo para a súa descarga, presentouse no marco da xornada 'As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego', que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Xénero:
| 18 / 11 / 2022O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.
Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'
Xénero:
| 15 / 11 / 2022Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.
Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre
Xénero:
| 10 / 11 / 2022O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".
LaMontagne & Pico Amperio sacan hoxe o seu primeiro álbum
Xénero:
| 8 / 11 / 2022Tras varios anos de intensa presenza nos escenarios e eventos de toda Galicia o dúo LaMontagne & PicoAmperio sacan hoxe o seu primeiro disco longo autoeditado. "Algo que sinalar" é o título deste traballo de oito temas que hoxe xa está disponible nas plataformas dixitais e que tamén hoxe mesmo, martes 8 de novembro, defenderán en directo nunha actuación no Pub Modus Vivendi en Santiago de Compostela ás 21:00 horas.
Estrea mundial dunha nova sinfonía do Mestre Rogelio Groba
Xénero:
| 7 / 11 / 2022A Orquestra Sinfónica de Galicia estreará este mércores, 9 de novembro, en concerto a nova obra do mestre Rogelio Groba (Ponteareas, 1930). O compositor galego escribiu a súa Sinfonía nº 16, "Voces da terra" por encargo para a OSG, como parte da celebración do 30 aniversario da formación que se celebra esta temporada. A estrea mundial desta composición irá acompañada no programa deste mércores da interpretación da peza de Ramón Humet "In The Distance for Orchestra", obra gañadora do XIV Premio Andrés Gaos da Deputación da Coruña, que tamén se estrea nesta velada coa OSG dirixida por José Trigueros. En declaracións ao xornal La Voz de Galicia, o mestre Groba define a súa nova creación sinfónica como "unha sinfonía festiva que utiliza como inspiración os catro elementos clásicos da filosofía presocrática: vento, auga, terra e lume, que tanto influíron na cultura e pensamento europeo". Aos seus 92 anos Rogelio Groba é un dos compositores galegos máis destacados que conta con máis de 600 composicións rexistradas entre cantatas, óperas e lieders, entre outras pezas.
A música tradicional chora o pasamento de Antón Cabaleiro
Xénero:
| 31 / 10 / 2022A música tradicional galega magóase estes días pola perda de Antón Cabaleiro Millares, actualmente membro da emblemática formación Treixadura. Cabaleiro, natural de Vigo, falecía o pasado sábado aos 71 anos de idade e desde as redes sociais de Treixadura despedían con fondo sentimento ao seu barítono: "Seguimos o noso camiño longo e ti seguirás nel por sempre, coa túa pandeireta, co teu canto amable, coa túa tenrura e gratitude e sorrindo para todos nós." Ademais de en Treixadura, Antón cabaleiro expresou o seu amor pola cultura tradicional galega tamén como profesor de danza e percusión tradicionais, foi un dos membros fundadores do grupo A Roda a finais dos anos 70 e estivo noutras formación similares como Petapouco e Castaña antes de entrar na que sería a súa "familia musical" dos pasados anos, o grupo Treixadura. A formación, que está a celebrar o seu trinta aniversario, ten na súa axenda unha próxima actuación na Coruña, no marco das Festas do barrio de Monte Alto o vindeiro 12 de novembro. Na súa despedida a Cabaleiro Treixadura avanzan xa a que será a súa homenaxe en forma de música: "Con 'Vento das Cíes' e 'Froles Mareliñas' choramos a túa ausencia e honraremos a túa memoria coa nosa música".
Unha Arca feita de redes
Xénero:
| 28 / 10 / 2022Unha sala de concertos atípica, situada no rural e cun aforo moi limitado pola que pasa unha grande parte dos nomes da escena musical do país. Recoñecida por segunda vez cun Premio Martín Códax da Música á mellor sala este mes de outubro, a Arca da Noe dá un novo paso e introdúcese na edición co vindeiro lanzamento dun libro-CD no que artella colaboracións entre diferentes artistas e amosa a forza das redes que se tecen desde este espazo.
Amigos da Ópera de Vigo leva a escena o Falstaff de Verdi
Xénero:
| 28 / 10 / 2022Por vez primeira Vigo acollerá unha representación da ópera Falstaff, de Giuseppe Verdi. O Teatro Afundación presenta este 30 de outubro a posta en escena desta produción orixinal da Asociación de Amigos da Ópera, a máis ambiciosa das que ten desenvolvido esta entidade.
Familia Caamagno saca o seu segundo disco
Xénero:
| 26 / 10 / 2022Familia Caamagno ven de ser recoñecido como o mellor proxecto de Rock de Galicia na edición de este ano dos Premios Martín Códax. A banda sacou esta semana á luz o que é seu segundo disco de longa duración "O mundo está derrotado". Desde febreiro co publicación do videoclip coa súa versión do tema de Juan Pardo, "Xuntos", a banda foi presentado varios dos temas que conforman este novo disco, o último xustamente o que dá título ao volume, que segue a aquel álbum de debut "Había que intentalo" (2019). A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá este sábado a presentación oficial en concerto deste traballo, unha ocasión para que a Familia reúna a moitos dos seus amigos da escena musical galega a compartir escenario, con moitas sorpresas e algúns nomes xa confirmados como Terbutalina, Martín Wu (Granpoder, The Homens), Hevi (Malandrómeda) ou Guadi Galego.