Noticias
Carlos Núñez presenta Discover cunha xira americana
Xénero: | 5 / 10 / 2012
Aínda que xa se pode adquirir desde o pasado mes de marzo en países como Francia ou Suíza, Carlos Núñez viaxa ata Nova York para presentar o seu novo traballo Discovery. Un concerto mañá na sala Drom de Manhattan será o comezo da xira que o levará por Estados Unidos e Canadá para dar a coñecer o disco. Discovery é un duplo álbum que achega un total de 39 temas do autor, unha boa parte dos cales están intepretados con outros músicos como The Chiftains, Dulce Pontes, Montserrat Caballé, Dulce Pontes, Carlinhos Brown ou Ryuichi Sakamoto. Canda a clásicos do repertorio do gaiteiro, o disco achega catro temas inéditos. O disco está editado por Sony Music.
Movementos subterráneos
Xénero: | 3 / 10 / 2012
Quen dixo que na música galega todo era folk? Punk, cancións humorísticas, sons industriais, electrónica. En decembro de 2010 o disco Galicia Bizarre, unha escolma de grupos do máis estraño que existe no panorama musical galego. Non contentos co grande éxito da iniciativa, os seus promotores recuncan este outono cun segundo volumen que demostra a variedade e a vitalidade da escena alternativa galega.
Chévere inicia co Jazz unha programación de monográficos
Xénero: | 25 / 9 / 2012
O grupo de teatro Chévere, compañía residente no Concello de Teo, acaba de iniciar unha programación de monográficos que se centrarán sucesivamente en diferentes disciplinas artísticas. O primeiro deles, dedicado ao Jazz, terá lugar o vindeiro 30 de setembro, cunha xornada na que se poderá asistir a concertos, proxeccións, jams e faladoiros. Ademáis, celebraraseun xantar e haberá un mercadiño de discos e libros dedicados ao jazz. Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Sumrrá, Ton Risco Quinteto e Factor-E-Reset comporán a parte musical da iniciativa.
Banda Crebinsky volta con Jet Lag
Xénero: | 24 / 9 / 2012
Naceron para interpretar a banda sonora do filme Crebinsky e continuaron a súa carreira nos escenarios coa xira Universo Crebinsky. Agora, a Banda Crebinsky amosa a súa vontade de seguir co traballo e presenta Jet Lag, un álbum de doce temas no que, baixo unha forte influencia da música tradicional balcánica, se mesturan estilos e linguas, con achegamentos á chanson francesa, ao folk ou á música klezmer. Editado por Boa Music, o disco preséntase co vídeo Un piatto dirixido por Enrique Otero. A banda capitaneada por Pablo Pérez e o bielorruso Vadim Yukhnévich anuncia unha xira de presentación para este outono.
Medomedá debuta con Mellorando pa peor
Xénero: | 19 / 9 / 2012
Logo de catro anos de actividade, Medomedá lanza o seu primeiro disco, co título de Mellorando pa peor. O CD achega doce cancións e mais unha introdución, incluíndo temas como Quero ver como te ris, que se presentara ao certame Apologhit! canda a outros coñecidos dos seus directos como Vas de guai e non chegas a chachi ou Un polbo botábao. O grupo mantén o seu estilo habitual, con fortes influencias do rock de Heredeiros da Crus. Ademais, Medomedá publicou no web Soundcloud extractos dos seus temas para o seu uso como tons de chamada de teléfonos. O disco foi gravado no estudio Pousada Son de Ames, e sae autoeditado baixo licenza Creative Commons.
Outono lusófono en Ourense
Xénero: | 18 / 9 / 2012
Por vez primeira, Ourense será sede dun dos Colóquios da Lusofonia, un encontro centrado na lingua e cultura de fala portuguesa no mundo. Entre o 5 e o 7 de outubro, a vila acolle este evento, que acollerá comunicacións sobre temas educativos, de política lingüística ou sobre Ernesto Guerra da Cal, Valentim Paz-Andrade e Celso Emílio Ferreiro. Estudos sobre tradución, exposicións e números musicais completan un programa que pretende contar con investigadores de Portugal, Brasil, Galicia, e mesmo Alemanha, Bélxica ou Australia.
O ciclo Espazos Sonoros continúa a súa andaina
Xénero: | 13 / 9 / 2012
Logo da inauguración o pasado día 8 co concerto da violagambista Sara Ruiz na Reitoral de Gundivós, en Sober, o Ciclo Espazos Sonoros chega á Coruña. O quinteto de flauta Seldom Sene achegará este domingo os seus sons á igrexa de Santa María de Cambre, no segundo dos 12 recitais que fan parte do ciclo e que terán, como é habitual, espazos monumentais como escenario. San Martiño Pinario en Compostela, Santa María a Nova de Noia, o Museo Massó de Bueu ou o Ateneo de Ourense son algúns dos espazos do ciclo, que conta coa presenza de destacados intérpretes de música antiga como Iván Abal e Marisol Mendive, Charo Pita e Javier Fernández, Ulobit, Germán Díaz, Valadarestiada ou o Grupo de Música Antiga 1500.
A Filharmonía de Galicia fará 26 concertos na nova temporada
Xénero: | 12 / 9 / 2012
Esta mañá dábase a coñecer a temporada de concertos do Auditorio de Santiago e da Filharmónica de Galicia. En total serán 33 concertos, dos cales 26 irán a cargo da propia formación residente. Entre as propostas para este período destaca a presenza de coñecidos directores convidados como Christoph König, Manuel Hernández Silva e David Afkha. Canda a eles, participarán nos recitais os pianistas Josu de Solaun, María Joâo Pires, Ingrid Fliter, Nicolai Lugansky, Kirill Gerstein; os violinistas Frank Peter Zimmermann, Ilya Kahler, Renaud Capuçon; o viola Lawrence Power; os cellistas Daniel Müller-Schott e Nicolas Alstaedt e a soprano Beatriz Díaz, entre outros.
Festicultores Troupe debuta con Sadomusiquistas
Xénero: | 7 / 9 / 2012
Logo de sete anos a animar cos seus directos festas e romarías, Festicultores Troupe debutan no mercado discográfico con Os sadomusiquistas, unha festa dolorosamente pracenteira. O disco achega dez temas inéditos e catro dos xa habituais nas súas actuacións como A Kabra Makabra, mantendo o ton festeiro e de pachanga propio do grupo. A gravación correu a cargo de Tomás Axeitos nos estudios A Ponte. Ademais do formato físico, o volume está dispoñible na rede en plataformas como Spotify,iTunes ou Grooveshark. Para quen queira coñecer o proxecto ao vivo, as vindeiras citas son o 9 de setembro no San Caralampio de Melide e o 15 de setembro nas festas patronais do Barco de Valdeorras e mais no Festival Paraíso de Monforte.
Os festivais fanse pequenos
Xénero: | 4 / 9 / 2012
Os grandes festivais só para adultos pasaron á historia. Agora a fórmula pasa por achegarse aos máis pequenos da casa, introducilos na música… ao tempo que lle permiten aos seus pais participar en familia dun encontro apto para todos. Music Way, Lolapop e o Sinsal son algúns dos festivais que levan, con máis ou menos tradición, se sumaron un oco a este formato.


