Ir ao contido directamente.


Noticias

Alvariza debuta con Once badaladas

Xénero: Folk | 30 / 10 / 2012

alvariza_once_badaladas.jpg

Logo de once anos xuntos, o grupo Alvariza acaba de publicar Once badaladas un disco no que interpretan outros tantos temas. Temas tradicionais reinterpretados con instrumentos como o acordeón, a gaita, o clarinete ou o saxo mestúranse con composicións propias dos membros do grupo, mantendo un estilo rítmico e festeiro que inclúe boleros, ritmos ou jotas. Entre outros temas, atopamos pezas rescatadas de grupos como os Padernes, o s Monfortinos ou os irmáns Lamas. O disco pode escoitarse en Spotify ou mercarse en iTunes, ademais de estar dispoñible en locais nos locais composteláns A Bulideira (San Lázaro), A Grileira (Sar) e Decotío (Fonte Sequelo).

Xocas Meijide presenta Doubles

Xénero: Clásica/Lírica | 29 / 10 / 2012

capa_doubles_xocas_meijideCD.jpg

Clarinete e clarinete baixo son todos os instrumentos que se oen en Doubles dobre CD de Xocas Meijide, coñecido polo seu traballo na Banda Municipal da Coruña, ManOcas Ensamble ou o Cuarteto Xerión. A obra comprende doce temas de autores de música contemporánea como Elliot Carter, Luciano Berio, Isang Yun, Henri Bok, Donald Martino e Patrick van Deurzen compoñen o proxecto, editado por Xingra. O disco, gravado orixinalmente en 2008, presentouse publicamente nun concerto na Coruña o pasado 25 de outubro.

Trives acollerá o primeiro encontro dedicado ao violino popular

Xénero: Folk | 22 / 10 / 2012

imaxe non dispoñible

Co título O Violino de Courtier vaise celebrar en Trives, entre os vindeiros 9 e 11 de novembro, o primeiro encontro dedicado á presenza e a técnica deste instrumento na música tradicional galega. Unha sesión didáctica para centros educativos, un foro de debate e un curso de formación a cargo de Pancho Álvarez compoñen o programa do evento. A cita complétase con tres concertos a cargo de Talabarte, Comisa Bal e o propio Pancho Álvarez.

Once grupos gravan os seus primeiros discos co programa Outra + Outra

Xénero: Miscelánea | 19 / 10 / 2012

imaxe non dispoñible

Once grupos da coruña recibían onte mil copias de cadanseu debut discográfico no marco do programa Outra+Outra. A VII edición deste proxecto, coordinado pola Fundación Paideia, o Estudio Mans e mais a Deputación da Coruña, beneficiou desta volta ás Cantareiras Algarabía + Banda de Gaitas Álvaro Cunqueiro, ao Coro e Grupo Celta de Ortigueira, a Zoar Ensemble, Pablo Galdo, El Arrabal, Escola Banda de Música de Ortigueira, Banda de Música de Teo, Dúo DeContrabando, Quinteto Cimarrón e Honreiras.

A vangarda musical soará en Compostela grazas a un ciclo

Xénero: Miscelánea | 17 / 10 / 2012

imaxe non dispoñible

O aniversario do nacemento de John Cage, pioneiro da música aleatoria, da música electrónica e do uso non estándar de instrumentos musicais,marca o programa das Xornadas de Música Contemporánea. Unha cita que se desenvolverá en Santiago do 13 ao 23 e na que diferentes formacións preocupadas pola divulgación da música contemporánea interpretará obras de autores que van de Maurice Ravel, Bela Bartok ata Philip Galass ou Inannis Xenakis.

Telephones Rouges lanzan o seu primeiro disco

Xénero: Rock | 16 / 10 / 2012

disenso_telephones_rouges.jpg

Xa se pode escoitar íntegro Disenso o primeiro disco da banda Telephones Rouges, en Bandcamp. Once temas de rock escuro con fortes toques de punk que manteñen o estilo cheo de enerxía que xa deron a coñecer nos seus directos e mais en colectáneas como Galician Bizarre. O disco sairá a venda en formato vinilo o vindeiro 5 de novembro da man de Mama Vynila Records e Matapadre, e estará dispoñible para libre descarga a partir da mesma data. O grupo gravou este traballo nos estudios A Ponte, e mesturouno en Círculo Polar Estudio.

Chega María Fumaça, un libro disco para os máis novos

Xénero: Infantil | 11 / 10 / 2012

maria_fumaza_capa.jpg

Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina Teatro ou Carlos Blanco son só algúns dos artistas que colaboran en María Fumaça. Este libro disco, que acaba de publicar Galaxia, aposta pola ledicia e vida fronte aos problemas das discapacidades. Segundo sinala a editora o proxecto "gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-disco-dvd cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas".

A máquina do tempo

Xénero: Cantautor | 10 / 10 / 2012

capa_maquina_tempo.jpg

Un libro de poemas. Un disco con cancións e recitados. Un espectáculo con diferentes formatos. O proxecto A máquina do tempo que teñen en marcha Juan Carballo e Ramón Núñez trascende xéneros e soportes e mestura poesía e música. O libro, con ilustracións de Nuria Díaz, recolle once textos dos dous autores. No disco, atopamos as versións musicadas dos mesmos, con colaboracións como as de Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, Jose A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha ou Sito Suárez. O disco está editado por Inquedanzas Sonoras.

A OSG e o concello coruñes programan jazz nun novo ciclo

Xénero: Jazz/Blues | 8 / 10 / 2012

imaxe non dispoñible

O trompetista Ambrose Akinmusire (31 de outubro, Ágora), coñecido por ser un virtuoso con velocidade e fluidez, habilidade para xerar novos tipos de formas será o encargado de abril Jazzatlantica. Trátase dun programa no que a Orquestra Sinfónica de Galicia e o concello da Coruña pretenden achegar o mellor do jazz con nomes de primeiro nivel. Canda o trompetista de orixe nixeriana, destacan Kurt Elling, Paquito D´Rivera, Crhistian Scott, Abe Rábade Trío e China Moses. A programación compleméntase cun ciclo de concertos, jam sessions e Big Band a cargo de grupos locais.

O gaiteiro Óscar Ibáñez debuta en solitario

Xénero: Folk | 8 / 10 / 2012

oscar_ibanhez_alendomar.jpg

A colección Discos Selo Vir de Ouvirmos acolle o debut discográfico en solitario de Óscar Ibáñez. O gaiteiro e frautista une melodías sudamericanas que se integraron no repertorio galego pola a emigración con temas propios do país e elementos de música celta. A mestizaxe que guía os once temas do proxecto está tamén presente na lista de colaboradores, con presenzas internacionais como o irlandés Diarmaid Moynihan, o cubano Oscar Rodríguez, os brasileiros Sergio Tannus e Paulo Silva ou os venezolanos Pablo Camacaro e Néstor Gil entre outros. Ibáñez está acompañado no proxecto da banda que habitualmente o acompaña nos directos, foramdas por Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán.

<< Inicio / Anterior . 2211 a 2220 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR