Noticias
Luz Casal recibe un Grammy Latino honorífico á súa carreira
Xénero: | 12 / 11 / 2012
Las Vegas acolle o vindeiro día 14 a cerimonia de entrega dos XIII premios Grammy Latinos. Na mesma, estará presente a cantante galega Luz Casal, que foi galardoada nesta edición cun dos Premios á Excelencia Musical da Academia Latina da Grabación, un galardón honorífico que recoñece "artistas que realizaron contribucións creativas de excepcional importancia artística no campo da grabación durante as súas carreiras". A páxina dos galardóns apunta que a intérprete galega é "unha figura icónica no rock e na música pop en español".
Os irmandiños de Vincios debutan con Monte Galiñeiro
Xénero: | 12 / 11 / 2012
Logo de cinco anos de traballo na música de raíz, o grupo Os Irmandiños de Vincios acaba de publicar Monte Galiñeiro, o seu primeiro álbum. Cun son no que buscan ecos do das murgas tradicionais, o grupo está composto por oito membros que engaden a instrumentos como a gaita ou o tamboril, saxo, clarinete e acordeón. En total presentan 16 temas, entre tradicionais e propios, interpretados cun xeito que quere lembrar os grupos galegos dos anos 30. A vindeira cita para os interesados en coñecer este traballo será o 17 de novembro no Centro Cultural de Vincios. Con posterioridade, o grupo estará tamén presente no Culturgal.
Agustín Sánchez presenta Pezas de aquí e acolá
Xénero: | 9 / 11 / 2012
Os sons dun cuarteto tradicional a interpretar swing, tango, danzón ou valse venezolano canda ás máis habituais muiñeira, xota ou pasodobre. Esta é a proposta que fai o gaiteiro Agustín Sánchez en Pezas de aquí e acolá, o seu primeiro disco. Un total de 12 temas que está a presentar con concertos por todo o país acompañado do cuarteto Farrapos de Ghaita. O CD, autoeditado, inclúe a partitura das pezas en formato pdf.
Luar na Lubre celebra os seus 25 anos cun recompilatorio
Xénero: | 8 / 11 / 2012
Corenta e cinco cancións. Un CD con temas instrumentais, outro cos grandes éxitos do grupo, un terceiro de dúos e mais un DVD cunha actuación ao vivo en Compostela e sete videoclips. Estes son os contidos de Sons da Lubre nas noites de luar, a caixa coa que Luar na Lubre celebra os seus vinte e cinco anos no mundo da música. Entre as voces que participan nas novas versións de temas do grupo, atopamos nomes coma Lila Downs, Luz Casal, Ismael Serrano, Adriana Valera, Pat Kilbride, Pedro Guerra ou Diana Navarro. O grupo presentaba onte no Teatro Principal de Compostela este traballo, que se poderá ver ao vivo en Lugo o vindeiro 14 de decembro e en Ourense o 16.
Lugo presenta o seu XXII Festival de Jazz
Xénero: | 7 / 11 / 2012
O Círculo das Artes, o Club Clavicémbalo, o Pazo de Montenegro e o Auditorio Novacaixagalicia acollerán entre o 10 e o 17 de novembro as actuacións do XXII Festival de Jazz de Lugo. O evento, que se presentaba onte, acollerá un total de quince actuacións con músicos como Bill Evans, Wallace Roney, Kind of Cai, Alberto Vilas Quintet, Pilc-Moutin-Hoenig, Nani García ou Kike Mora entre outros. A asociación Escobijazz é a responsable da organización do evento.
Preséntase o Culturgal 2012
Xénero: | 6 / 11 / 2012
A casa da cultura galega é a túa casa. Tí tes a chave é o lema da edición 2012 do Culturgal, Feira das Industrias Culturais. O evento, que se presentaba esta mañá en Pontevedra, desenvolverase no Pazo da Cultura da Cidade do Lérez entre o 30 de novembro e o 2 de decembro e contará con 70 entidades de diferentes ámbitos representadas e máis de 140 actividades. Presentacións de libros, discos e novos proxectos de difusión así unha programación especial para nenos son algúns dos puntos fortes do programa, que trascende a sede o evento e leva propostas ás rúas de Pontevedra.
Cancioneiro de ida e volta
Xénero: | 6 / 11 / 2012
O pasado 23 de outubro vía a luz o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, un volume que compila as pezas musicais populares que se conservan neste concello. O proxecto, resultado de anos de traballo de Pablo Díaz e Olga Kirk, vai moi para alén da edición deste material, xa que o concello está a aproveitar o volume para artellar unha programación que achega de volta esta música aos veciños.
A Aula Folque Infantil celebrará o décimo aniversario cun disco
Xénero: | 2 / 11 / 2012
Durante varios anos, a Aula Folque Infantil repartía uns 50 CD entre os pais con gravacións feitas cos alumnos na aula. Dese material elaborado por Nacho Muñoz, quen foi produtor de Mercedes Peón e profesor da escola, hai temas que a entidade aproveitará, xunto con novas gravacios para editar un disco. O proxecto estará listo para o verán do 2013, que será cando remate o curso académico que comeza a agora. Entre as novidades está a incorporación de Mónica de Nut ao profesorado que substitúe a Pepa Yáñez á fronte dos obradoiros de voz.
Daniel Minimalia lanza Cuentos sonoros
Xénero: | 31 / 10 / 2012
Zouma Récords acaba de presentar Cuentos sonoros, segundo disco do ourensán nado en Vitoria Daniel Minimalia. O disco presenta doce temas de autoría propia nos que o dominio da guitarra deste artista acompáñase de sintetizadores nunha fusión con ecos de Mike Oldfield ou Enya. A obra, que se presentou o pasado 20 de outubro e Madrid, darase a coñecer cunha xira de concertos que está previsto visite Ourense e Pontevedra en datas aínda por concretar. O traballo que está dispoñible en Spotify, foi gravado en ZevraStudios, MinimaliaStudios e Desfase Sound.
Ribadeo acolle o seu primeiro festival de jazz
Xénero: | 31 / 10 / 2012
O jazz chega a Ribadeo este sábado 3 de novembro. O cine teatro da vila acolle a I edición do estival Internacional de Jazz e Blues cun cartel no que están Marosa Jazz Project, Julia Guravich & Víctor Aneiros Blues Band e mais Antonio Serrano e Federico Lechner. Ao tempo, vanse confirmando nomes para o vindeiro Festival Internacional de Jazz de Lugo, que chega á súa edición XXII na semana de entre o 12 e o 17 deste mes. O saxofonista Bill Evans compartirá cartel co trompetista Wallace Roney nesta cita, para a que faltan aínda por confirmar outros nomes.


