Noticias
Fina en Vigo o fundador de A Roda, Fito Domínguez
Xénero: | 3 / 9 / 2012
Traballou como pasteleiro, caldereiro e acabou sendo soldador dos asteleiros vigueses. Foi precisamente nesta última etapa na que Adolfo Domínguez, máis coñecido como Fito, comezou a promover un proxecto musical que o faría popular, coa creación do grupo A Roda. O cantante apareceu morto no seu domicilio de Vigo este domingo, unha semana despois do pasamento da súa muller Filo. Como alma máter de A Roda fixo un traballo de divulgación e expansión da canción poular galega, así como de normalización lingüística na área musical, do que cómpre destacar títulos como Falemos galego, Para os amigos ou A Roda rodando.
Manic Street Preachers e The Hives encabezan o cartel de Music Way
Xénero: | 31 / 8 / 2012
Toma o relevo do Rock in Way e pretende ser unha cita relevante do rock en Galicia. Music Way ten os coñecidos Manic Street Preachers e The Hives como principais reclamos dun cartel que inclúe tamén a bandas como The Courteeners, Layabouts ou os galegos Heredeiros da Crus, Holywater, Maryland, Munich e The Cornelius. O programa, que xa ten o seu abono á venda, tamén se reserva algunha sorpresa internacional. Ademais, destaca unha sesión especial pensada para nenos. Brodas, Alondra Bentley, Mamá cabra e diferentes obradoiros (de dj, contrucción de instrumentos reciclados, customización de camisetas, taller de fotografía musical…) para que os máis pequenos se inicien neste xénero musical. A cita será o 28 e 29 de setembro, no recinto feiral de Amio en Santiago.
Matapadre editará UNO, o primeiro disco de Lendrone
Xénero: | 22 / 8 / 2012
A arriscada mestura de rock, electrónica e posthardcore da banda coruñesa Lendrone editarase a finais outubro. Así o acaba de indicar Matapadre que confirma que ese primeiro disco chamarase UNO. Ademais, este mesmo selo tamén será o responsable dun novo LP da formación grovense Telephones Rouges. Este LP, en colaboración con Mama Vynila Records, sairá o vindeiro outuno.
O musical Galicia Caníbal chega a Madrid
Xénero: | 22 / 8 / 2012
Despois de itinerar por numerosas localidades galegas, o musical que recupera o espírito da movida viguesa dos anos oitenta chega á capital do Estado. O Novo Teatro Alcalá de Madrid acollerá desde mañá ata o vindeiro 28 de outubro o espectáculo Galicia Caníbal . 10 actores e actrices, 8 bailaríns, 5 músicos en directo cantarán os grandes éxitos da movida galega mentres contan a historia dunha adolescente (Ana) que vive, xunto coa súa familia, unha crise persoal. Un acontecemento extraordinario faralle descubrir a música dos oitenta e, con ela, a salvación da súa familia.
Un espectáculo poético e un concerto festexan o bicentenario do cemiterio de San Amaro
Xénero: | 21 / 8 / 2012
Os músicos Castro Chané, Marcial del Adalid, Pucho Boedo e os escritores Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Pérez Lugín e Curros Enriquez repousan no cemiterio de San Amaro. Un recinto que cumpre 200 anos e que o concello quere celebrar este sábado (25, a partir das 20:00 horas) cun recital musical e un concerto, inspirado nas músicas e letras dos que ali repousan. O espectáculo servirá de presentación de “San Amaro”, unha cancion inédita do músico Xoel López.
Pecha La Boletería, o web de venda de entradas
Xénero: | 21 / 8 / 2012
Naceu no ano 2008 co obxectivo de converterse nun portal especializado que dera acubillo a todas as actividades culturais que se desenvolvesen en Galicia, tanto en de pagamento como gratuítas. Pero non puido ser, este mes de agosto pecharon o proxecto porque “era inviable economicamente”, explica Mariana Saviao, a súa promotora.Un dos últimos espectáculos para os que vendeu entrada foi para o Resurection Fest celebrado o pasado mes de xullo en Viveiro.
A cifra contra a cultura
Xénero: | 14 / 8 / 2012
O 2011 non foi un ano especialmente bo para a cultura que rexistra un descenso de espectáculos, asistentes e recadación en todos os frentes. Así o reflexa o Anuario da SGAE 2012 que cuantifica as cifras da cultura en 2011. Era o ano despois do Xacobeo, co que o descenso en todas as cifras era inevitable, pero confirma o retroceso de volume de actividade, asistencia e recadación dos diferentes sectores culturais.
Música para a volta ciclista ao seu paso por Pontevedra
Xénero: | 14 / 8 / 2012
O paso da 67 edición da Volta ciclista a España pola provincia de Pontevedra traerá consigo tres concertos patrocinados pola Deputación Provincial de Pontevedra. A repercusión mediática desta competición ciclista aproveitarase para un ciclo musical que comezará o día 24 de agosto de xeito previo á chegada da carreira a terras pontevedresas prevista para o día 28 deste mes. O 24 de agosto o Museo do Mar de Vigo acollerá a actuación de Xoel López; ao día seguinte, 25 de agosto, na praza da Palma de Baiona actuarán os biscaíños We are Standard acompañados no cartel por Dirty Socks e Iván DJ. O derradeiro concerto deste ciclo relacionado coa volta xa será coincidindo coa chegada desta a Vilagarcía de Arousa o día 29 de agosto e no parque da Xunqueira desta localidade actuarán os navarros El Columpio Asesino completando o cartel con Eladio y los Seres Queridos, Moon Cresta, iSoftBet DJ Amable e Iván DJ. Todos os concertos son de balde.
Ribadeo divulga a música clásica con concertos e coloquios
Xénero: | 13 / 8 / 2012
Hai sete anos, o pianista Leopoldo Erice (Madrid, 1977) decidiu reservar algúns dos seus días de vacacións en Ribadeo para organizar nesta localidade un certame breve, próximo no que os propios intérpretes dialogasen con público antes do concerto para contribuír a divulgar a música clásica. Fiel a esa fórmula, o Festival Internacional de Música de Ribadeo, cumpre neste 2012 sete edicións. O propio director, agora profesor de música na Universidade Americana de Sharjah (Emiratos Árabes), foi o encargado de abrir a programación este domingo, e tamén pechará o programa tocando xunto coa soprano norteamericana Meghan Tarkington o vindeiro xoves. Entre medias, actuarán o tenor Ángel Rodríguez Rivero e o pianista Juan Antonio Álvarez Parejo e a pianista ruso-española Marianna Prjevalskaia.
A XIV edición do Felipop homenaxea a Magín Blanco
Xénero: | 8 / 8 / 2012
A actuación do Mago Fon máis a comedia teatral Malos Hábitos (Iolanda Muíños e Camila Bossa) abren esta noite a XIV edición do Felipop de Fene. Trátase dun encontro que nesta ocasión homenaxea ao músico Magín Blanco, moi vencellado a esta cita musical desde a súa creación. Os madrilñeos Mama, os cataláns Suzy&Los Quattro ou o británico Nick Garrie son algún dos reclamos deste certame que organiza a Asociación cultural Felicia de Limodre. Os cen primeiros que merquen un abono para dous días recibirán o traballo Doutor Apertas, cos que recoñecidos músicos galegos reinterpretan cancións de Magín, tralo accidente que o imposibilitou volver tocar.


