Noticias
Aberta a convocatoria para participar na segunda edición de Woodstock a nuestro gustok en Teo
Xénero: | 7 / 8 / 2012
A macro-jam session , ou “Xan sesión” como eles din, ao aire libre Woodstock a nuestro gustok volverá celebrarse un ano máis no Concello de Teo e xa está aberto o prazo dos músicos para inscribirse. O evento que colle o nome dese mítico concerto de 1969 consiste nun concerto “improvisado” pero organizado, no que cada músico ofrécese para interpretar algunhas das cancións elixidas pola organización co seu instrumento ou na voz e é a propia organización a que vai xuntándoos en formacións diversas. Trinta e catro temas saídos directamente das listas anglosaxoas do rock e rhythm & blues dos anos sesenta e setenta serán o repertorio para este encontro que o pasado ano celebrouse na parroquia de Francos en Teo, onde previsiblemente volverán este vindeiro 22 de setembro.
Agustin León estréase como director de Música en Compostela
Xénero: | 6 / 8 / 2012
Primeiro foi alumno, despois profesor e agora é o novo director do reputado programa de formación Música en Compostela. Agustín León Ara (Tenerife, 1936) estréase este ano como director tralo pasamento de Antonio Iglesias en outubro de 2011. Nesta edición, que fai a número 55, participarán 88 alumnos de diferentes países e bate unha nova marca, ao admitir aos cursos a unha nena de 13 anos. O programa arrincou onte cun acto inaugural no Hostal dos Reis Católicos e estenderase ata o día 18 de agosto.
Agadic concede 145.000 euros a 78 proxectos para exportar e promover a cultura fóra
Xénero: | 3 / 8 / 2012
Son as primeiras resolución dunha convocatoria que destina 450.000 euros a fornecer as industrias culturais. O web de Agadic publicaba onte á tarde os beneficarios relativos ao apartado de distribución. En total beneficiaranse 28 empresas (12 compañías de teatro, 4 de danza, 6 promotoras musicais, 5 galerías de arte e 1 editora) que recibirán 144.826 euros e que se corresponden con 78 propostas de distribución de espectáculos escénicos e musicais en actividades de carácter internacional. Canda esta listaxe, tamén se conceden as cinco empresas que se benefician do programa “Crédito-cultura”, que distribúe 7.672,64 euros.
R e Casa de Tolos colaboran para emitir un centenar de concertos e catro documentais
Xénero: | 2 / 8 / 2012
Música tolemias é o nome dunha canle de subscrición gratuíta na que se poden ver, baixo demanda (VOD) da carta da plataforma de Televisión R 25 concertos gravados en vivo ao longo da xeografía galega e de distintas temáticas musicais. Este proxecto ampliarase en 80 concertos máis grazas a un acordo que asinaron as compañías R e Casa de Tolos, impulsado polo Clúster do Audiovisual (CLAG) baixo o nome de “creación de canles temáticas VOD”. Non será a única colaboración entre estas entidades, xa que coproducirán catro documentais que levarán os seguinte títulos: A música: Alma e Industria, O rock noso de cada día, De voces Ceibés a Milladoiro e Música e lendas arredor das Cíes. Estes catro documentais tamén se poderán ver na canle de subscrición de Televisión R.
O estado do I+D musical
Xénero: | 1 / 8 / 2012
Críticos e profesionais coinciden en sinalar que, nos últimos anos, a música galega está no seu mellor momento. Un talento estendido e as posibilidades que as novas tecnoloxías abriron para a promoción e a edición de discos son algúns dos factores que explican o actual estado. No entanto, a desaparición de varios certames e plataformas de lanzamento para grupos noveis fai que nos preguntemos pola continuidade da situación. ¿Está garantido o futuro da música galega?
Fernando Abreu e Pablo Carrera presentan Dous
Xénero: | 31 / 7 / 2012
Con nome de 2us, Fernando Abreu e Pablo Carrera presentan Dous, un traballo no que fusionan a música popular con sons tan afastados como os africanos, os orientais ou o jazz. Partindo da base de guitarra e clarinete, o traballo segue na liña do seu anterior disco Son só sons e inclúe batería, contrabaixo e percusións nalgúns dos seus 11 temas. Editado baixo selo Nakra, o disco foi gravado e mesturado polo propio Carrera nos estudios Tooma, Pinkroom e Ancestral entre xaneiro de 2011 e maio de 2012.
O festival Son de Vigo promociona os grupos locais da Cidade Olívica
Xénero: | 26 / 7 / 2012
O Concello de Vigo presentaba o pasado martes a segunda edición do festival Son de Vigo. Logo da polémica provocada polo elevado orzamento dedicado ao concerto de Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat na cidade, a cámara municipal recupera este programa que contará con actuacións de dez grupos locais entre o 30 de xullo e o 3 de agosto. Blows, Mónica de Nut, The Soul Jackets ou Camarada Nimoy son algúns dos nomes dun cartel que ten a Siniestro Total e os Resentidos como pratos forte no día de feche.
Mika e Xoel López encabezan o Noroeste Pop-Rock
Xénero: | 20 / 7 / 2012
O Concello da Coruña deu a coñecer onte finalmente os nomes que completan o cartel do Noroeste Pop Rock. Os xa anunciados Mika e Xoel López estarán acompañados polas bandas locais Strazz, Plus Lottus, Wolrus e Escuchando Elefantes os días 9 e 10 de agosto. A actuación Xoel López "e amigos" promete sorprender cunha posta en escena qu especial que non se coñecerá ata o momento da actuación. A diferenza de anos anteriores, os grupos locais que participan no evento non se escolleron mediante un certame, senón que a Concellaría de Cultura asesorouse cun comité de expertos para facer a selección.
Arrinca PortAmérica, unha ambiciosa aposta nos festivais de verán
Xénero: | 19 / 7 / 2012
No medio da crise, apostar por crear un festival de grande tamaño e cheo de actividades alternativas resulta unha sorpresa. Pero isto que o que propoñen desde Emerarte Servizos Artísticos coa primeira edición de PortAmérica, un evento que, alén da música, está centrado na innovación e na creatividade. Nigrán acolle desde hoxe e ata o vindeiro 21 de xullo o evento, que conta con nomes como Julieta Venegas, Love of Lesbian, Xoel López, Iván Ferreriro, Love of Lesbian, Corizonas, Combon Dinamo ou Zoé e Onda Vaga no seu cartel.
Vinte e tres certames de artes escénicas e música recibirán subvención para se realizar
Xénero: | 18 / 7 / 2012
A menos de tres días que comece a vindeira edición da Mostra Internacional de Ribadavia, a MIT, Agadic fixo público no seu sitio web que a entidade contará con 50.000 euros para a súa relacicación con cargo á convocatoria de axuda a festivais escénicos e músicas. É a máxima contía dunha liña de axudas por concorrencia competitiva que se inaugurou este ano. En total recibirán axuda 23 festivais, 8 de teatro e 15 de música. Entre as cita musicais que recibirán apoio, as máximas cantidades foron para o Festival Brincadeira Rock en Cambre (25.615) e o Derrame Rock en Ourense (25.225,66). En total, repartíronse 179,988,60 euros.


