Ir ao contido directamente.


Noticias

O Festival Internacional de Percusión chega a Galicia

Xénero: Miscelánea | 17 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Percusión, que se celebra desde hai anos en diferente localidades a nivel estatal, conta este verán por vez primeira con programación en Galicia. O programa acolle actuacións dos grupos Odaiko, Rastrexos Project, Amores, Percusiones del CSMA L.A.R. Legido con Nuno Aroso e mais Nuevo Contemporáneo, que abre as actuacións o vindeiro 22 de xullo en Cospeito. A partir de aí, o evento xirará por Lugo (27 a 29 de xullo) Compostela (3 e 4 de agosto), Agolada (8 a 11) e Pontevedra (13 a 15 de agosto). Ademais de actuacións, impartiranse tamén obradoiros de formación e haberá pasarrúas.

O Festival de Jazz e Blues de Pontevedra conmemora dúas décadas

Xénero: Jazz/Blues | 17 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

De ser unha cita local e minoritaria a se transformar nunha cita imprescindible para os amantes do xénero. Desde o seu nacemento en 1993, o Festival de Jazz e Blues de Pontevedra viviu unha longa evolución, e para conmemorar os seus vinte anos de existencia fai un repaso desta traxectoria cunha publicación especial. Os artistas que visitaron a cidade do Lérez e os fitos na evolución do evento están marcados nunha publicación que se pode consultar en liña.

Chega ás tendas o DVD ao vivo de Heredeiros da Crus

Xénero: Rock | 12 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

Os fans de Heredeiros da Crus xa poden gozar na casa de vinte e cinco temas do concerto que reuniu o grupo na discoteca LP-45 de Ordes o pasado 3 de marzo. O DVD Heredeiros da Crus - 20 aniversario, que recolle boa parte desta actuación, está xa nas tendas da man de Airapro Producións, e inclúe ademais os vídeos promocionais deste evento. O álbum, que supón o noveno lanzamento do grupo, pode adquirirse por 15 euros nas principais librarías, discográficas e centros comerciais de Galicia.

Tres novos concertos súmanse ao ciclo Galicia Importa

Xénero: Miscelánea | 5 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

A cantante de soul Mavis Staples actuará no Auditorio de Galicia o vindeiro 6 de novembro. Máis tarde, a Sala Mondo de Vigo acollerá os concertos do trío de rock Therapy? (15 de novembro) e do grupo de pop electrónico Saint Etienne (16 de novembro). Estas son as novas incorporacións ao ciclo Galicia Importa, que patrocina a Consellaría de Cultura e organiza a produtora Sweet Nocturna. As entradas poranse á venda logo do 1 de agosto a través de Servinova.

Aid achégase aos clásicos das letras en Rapoemas

Xénero: Hip-Hop | 5 / 7 / 2012 + AUDIO

capa_rapoemas.jpg

A Feira do Libro de Vigo acollía o pasado mércores a presentación de Rapoemas, o novo traballo da rapeira Aid. O libro-disco, editado por Galaxia contén 10 cortes nos que se adaptan ao hip-hop temas como A xusticia pola man, Castellanos de Castilla..., O maio, O cabozo ou Cantarte hei, Galicia. Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio son os autores que se adaptan neste proxecto, que conta con arranxos e composición de Camilo Blanco Pampín.

Jabon Blue volta con Niña de las manos frías

Xénero: Rock | 3 / 7 / 2012

capa_ninhamanosfrias.jpg

O cuarto disco de Jabon Blue, Niña de las manos frías, está xa dispoñible na rede en diferentes plataformas. A banda que capitanea Javi Manero lanza álbum a coincidir co retorno do seu líder a Heredeiros da Crus. Dez temas en castelán nos que o son do grupo amosa tons máis pop do que en traballos anteriores e que chega de man da discográfica Indies Traicioneros. A presentación oficial será o vindeiro seis de xullo na sala Plaza de Ribeira e chegará as tendas en días posteriores.

Novos xeitos para os vellos cantos

Xénero: Folk | 2 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

Nos últimos anos está a se verificar unha mudanza nas posibilidades de aprendizado da música e a danza tradicionais. De se concentrar en grupos de baile e se transmitir de xeito fundamentalmente oral, comezan a proliferar libros, discos, DVDs e combinacións destes soportes que facilitan o coñecemento de instrumentos, cantigas e bailes. A incorporación ás aulas de ensino da nosa tradición musical, un xeito máis lúdico de entender este legado e a iniciativa dos congresos de ensinantes de música tradicional son algúns dos factores que deron nesta proposta.

A SGAE recadou 19,14 millóns de euros en Galicia no 2011

Xénero: Miscelánea | 2 / 7 / 2012

imaxe non dispoñible

A diferencia do conxunto español, onde a SGAE perdeu 4.6 millóns de euros en 2011 e tivo que afrontar unha reformulación das contas de 2010 que arroxa unhas perdas de 13,5 millóns, o saldo en Galicia dos ingresos da Sociedad General de Autores y Editores foi positivo. Aínda que a recadación baixou con respecto a 2010 (onde o Xacobeo 2010 elevou moito os ingresos), a entidade rexistrou unha recadación de 19.14 millóns de euros, o que rematar significa un incremento do 3,74% nos ingresos en Galicia.

Os Encontros Milpedras fan dez edicións e constitúense en Asociación

Xénero: Miscelánea | 27 / 6 / 2012

imaxe non dispoñible

Son xa dez edicións de xuntanzas multidisciplinares entre poesía, música e arte na Coruña desde 2010. Os Encontros Milpedras dan un novo paso e constitúense como asociación cultural da man dos seus promotores, o Obradoiro de Litografía Milpedras. A coincidir coa presentación da nova entidade, celébrase, o vindeiro 29, a nova xeira desta actividade. Ramiro Torres, Diana Varela Puñal, Arturo Casas, Tati Mancebo, María Martínez e Gosia Trebacz, Dubi Baamonde e Tito Calviño son os participantes na cita.

O LX Festival da Ópera da Coruña chega cun orzamento reducido

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 6 / 2012

imaxe non dispoñible

Malia as reducións orzamentarias, o Festival da Ópera da Coruña chega este mes de agosto á súa LX edición. Unha actuación de Celso Albelo e Irina Lungu coa Orquestra Sinfónica de Galicia o vindeiro 29 de agosto abre un programa no que destacan nomes como o de Leo Nucci, que interpretará Nabucco de Verdi en versión concerto. Daniel Oren e Keri Lynn Wilson, Florenza Cedolins e Tito Beltrán son outros dos convidados. A mezzosoprano Elina Garanca participará o 5 de outubro na gala do sesenta aniversario do festival, canda a Sinfónica de Galicia.

<< Inicio / Anterior . 2251 a 2260 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR