Noticias
Uxía leva o premio ao Mellor Disco de Raíz nos Premios da Música Independente
Xénero: | 27 / 6 / 2012
Malia á cantidade e variedade de candidaturas coa que a industria sonora galega chegaba aos Premios da Música Independente, unicamente Uxía, con O meu canto conseguiu facerse cun galardón. Foi na categoría de Mellor Disco de Música de Raíz, e a artista agradeceu o recoñecemento ao recoller onte o galardón sinalando que ten previstos "concertos en Galiza, Portugal, no resto de España para Artistas en Ruta, Brasil en novembro e moitos proxectos diversos que foron xurdindo e dos que irei dando conta".
O festival Via Stellae volta con vinte concertos
Xénero: | 25 / 6 / 2012
A música antiga e barroca mestúranse con propostas contemporáneas na VII edición do festival Vía Stellae, que se presentaba esta mañá en Compostela. O encontro, que se celebrará entre o 2 e o 13 de xullo, inclúe vinte actuacións, como as seis sonatas para violoncello de Bach, un monográfico sobre Barbara Strozzi ou a versión orquestral da ópera barroca Rodelinda, regina de’Longobardi, de Haendel. Canda a isto, poderá coñecerse o traballo de Ross Daly, quen mestura música antiga e world music, ou o programa Las idas y las vueltas, que reúne a Fahmi Alqhai e a súa Accademia del Piacer co cantaor flamenco Arcángel.
Sae á venda o disco de Peldenoz
Xénero: | 19 / 6 / 2012
Temas da tradición galega pasados polo filtro de estilos coma jazz, swing, blues, soul, contemporánea, tango ou rock. Esta é a proposta que fai o dúo Peldenoz en jazz & trad, o seu primeiro disco autoeditado, que está a chegar estes días ás tendas e que se pode escoitar tamén na rede. Alonso Caxade ao acordeón e Alberto Rodríguez ao contrabaixo abordan un total de nove temas entre os que se poden atopar clásicos como Carolina ou Tóupele, aínda que moi transformados.
Pontejazz celebra os seus 20 anos con Sharrie Williams e Keb' Mo'
Xénero: | 19 / 6 / 2012
O orzamento deste ano no Pontejazz, o festival de jazz e blues de Pontevedra, foi 15.000 euros máis reducido que o do anterior, sumando un total de 118.000 euros, pero segundo os organizadores, "a calidade non diminuíu". Así llo asegurou ao Diario de Pontevedra a concelleira de Festas da cidade, Carme da Silva. Segundo o coordinador do Festival, José Antonio Ortiz, "a oferta é excepcional". E así conmemóranse 20 anos de Pontejazz. No festival participarán Joshua Redman, Sharrie Williams e Keb' Mo'e grupos como Ninety Miles.
O Mar Maior de Luar na Lubre arrinca con fortes vendas
Xénero: | 18 / 6 / 2012
O último traballo de Luar na Lubre, Mar Maior, inicia o seu percurso cunha boas cifras de vendas. Na mesma semana do seu lanzamento, o pasado 5 de xuño, o disco acadaba situarse como o 31 disco máis vendido do Estado. O álbum que supón a estrea de Paula Rey como vocalista do grupo, está editado por Warner Music e inspírase no coñecido Libro das invasións que fala sobre os mitos e a historia antiga de Irlanda. Música medieval mestúrase coa tradición galego portuguesa e composicións propias neste proxecto.
O Festival de Ortigueira atrasa as súas datas
Xénero: | 15 / 6 / 2012
Coa intención de recuperar público universitario, logo da caída do pasado ano por coincidir con exames, o Festival de Ortigueira muda as súas datas. Será entre o 12 e o 15 de xullo cando a vila acolla este evento, que conta nesta xeira con bandas coma Oban pipe band (Escocia), Crema de gaita (Galicia), The Rua Macmillan band (Escocia), Electric céilí (Irlanda), Bagad Glazik Kemper (Bretaña), Stolen Notes (Andalucía), Escola de gaitas de Ortigueira (Galicia), Blazin' fiddles (Irlanda) ou Jamie's Smith Mabon (Gales) entre outras.
O Imaxina Sons volta a Vigo
Xénero: | 13 / 6 / 2012
A cantante portuguesa Luísa Sobral abre a VIII edición do festival de Jazz Imaxina Sons, que finalmente volta a Vigo este ano logo das dúbidas sobre a súa continuidade. O evento celebrarase entre os días 21 e 30 de xuño, e canda a Sobral, contará coa presenza de Orquestra Voland, proxecto músicoliterario de Roberto Somoza e Quinito Mourelle,o pianista Joachim Kühn, o cellista Daniel Levin, Dhafer Youssef co seu cuarteto, Iago Fernández ou Suelen Estar Quartet. Nani García corre coa dirección do proxecto, que se centra en amosar as correntes do jazz europeo.
Nani García Trío presenta Renaissance
Xénero: | 12 / 6 / 2012
Nani García volta ao jazz. Logo dunha longa temporada como compositor, presenta Renaissance, como Nani García Trío. Miguel Cabana á batería e Simón García no contrabaixo completan esta formación. Un total de oito temas compostos por García supoñen o debut discográfico do conxunto da man de Xingra, unha obra que "retende ser unha reflexión en clave positiva da importancia de reinventarse día a día". O Teatro Rosalía de Castro acolle o vindeiro 16 de xullo o concerto de presentación do álbum. A xira continuará despois do verán por todo o país.
Ampla participación galega no Intercéltico de Lorient
Xénero: | 6 / 6 / 2012
Xosé Manuel Budiño, As beiras do Ulla, Banda de Gaitas Dambara, Kerkennai e Quempallou participarán na 42ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, que se celebrará nesta cidade bretona entre o 3 e o 12 de agosto. Este ano, o Festival está dedicado á Acadia, un conxunto de comunidades francófonas da costa este de Canadá.
Quiosco: Sons da Galiza 22
Xénero: | 6 / 6 / 2012
Sons da Galiza ten xa na rede o seu número 22, correspondente aos meses de abril e maio de 2012. O encontro de orquestras folk, ENFO, que se celebrou en Vigo, ocupa unha ampla reportaxe desta xeira. Canda a el, a revista fala do último traballo de Ruxe-Ruxe e de Pancho Álvarez. Novas breves, información de axenda e as habituais partituras completan a entrega.


