Noticias
Cancélase o Fresh Weekend
Xénero: | 5 / 6 / 2012
O Aquapark de Cerceda non acollerá este ano o anunciado Fresh Weekend 2012. A organización comunicaba onte a cancelación do evento por mor da revocación de permisos para a súa celebración. Os actuais responsables culpan a anterior xestora do evento da problemática que provocou a cancelación, e advirten que se voltarán os cartos das entradas e abonos xa vendidas. O evento de música electrónica celebrara ata o momento dúas edicións nas instalaciónd do Aquapark.
Blows presenta Ejército de fantasmas
Xénero: | 1 / 6 / 2012
Tiran o "The" do seu nome e pasan a usar o castelán nas letras en troques do inglés como ata agora. Blows publican, logo de máis de dous anos de agarda, Ejército de fantasmas, o seu novo proxecto discográfico. Os doce temas, autoeditados, ven a luz nunha curiosa fórmula que inclúe a edición de 6 singles e 2 EP's co conxunto dos temas, que están a ver a luz desde mediados do pasado mes de maio a un ritmo de tres ou catro semanas cada un. A obra estará dispoñible na rede e sairá tamén nunha edición física ultralimitada.
Chaikovski centra a programación da Orquestra Sinfónia para a temporada
Xénero: | 30 / 5 / 2012
As sete sinfonías, un concerto para violín, tres para piano e unha selección de pezas sinfónicas de Chaikovski revelan a importancia que terá este compositor na temporada 2012-2013 da Osquestra Sinfónica de Galicia. A formación presentaba onte o seu programa para este período, que será o último no que contará coa dirección de Víctor Pablo Pérez á fronte. Entre as novidades destaca a celebración dun Ciclo de Cámara e Lied no que a OSG colaborará coas sociedades filarmónicas de Lugo, Vigo, Pontevedra, A Coruña e Ferrol.
O folk galego destaca nas candidaturas dos Premios da Música Independente
Xénero: | 30 / 5 / 2012
Tres dos cinco candidatos ao mellor disco de música de raíz dos IV Premios da Música Independente son galegos. Uxía, Banda Crebinsky e Talabarte compiten cos seus últimos lanzamentos, todos da man de Fol Música, neste apartado. Canda a eles, destaca, dentro das principais categorías, a presenza de Nihil Obstat, o debut de Disco Las Palmeras!, que opta ao premio a mellor artista revelación e confirma o grupo como un dos máis importantes lanzamentos galegos do pasado ano. A axencia Esmerarte, pola súa banda, reúne 3 candidaturas con diferentes proxectos. Trátase da de mellor promotor, mellor videoclip, polo de El tiempo futuro de Eladio y los Seres Queridos (Zinqin Audiovisual) e mellor festival polo seu traballo no Vigo Transforma.
O festival PortAmérica estréase con Julieta Venegas e Love of Lesbian
Xénero: | 29 / 5 / 2012
Nigrán acollerá este ano a primeira edición do Festival de Música Internacional PorAmérica. Julieta Venegas, Love of Lesbian, Xoel, Zoé e Onda Vaga son os primeiros nomes confirmados nun cartel que se prolongará entre o 19 e o 21 de xullo. A aproveitar o espazo de acampada do evento, a organización convida aos asistentes a prolongar a súa estancia ata cinco días e desfrutar do contorno. Canda ás actuacións musicais, un espazo dedicado ás ideas innovadoras e unha zona gastronómica darán a coñecer os alimentos do país.
Os Cempés presentan Tentemozo
Xénero: | 28 / 5 / 2012
É un dos retornos máis agardados e anunciados desta temporada. Os Cempés presentan ás 19 horas de hoxe no pub compostelán Casa das Crechas Tentemozo. O novo álbum, gravado en colaboración cos alumnos da Escola Livre da MPG da Cenral Folque, conta con colaboracións como as de Carlos Quintá, Begoña Lorenzo, Luis Peixoto, Tiago Pereira, José Diaz, Benxamin Otero ou Pablo Doval. O novo lanzamento continúa na liña musical dos catro traballos anteriores do grupo, con melodías bailables tradicionais ou compostas ao xeito tradicional. Como novidades, o disco presenta uns arranxos máis complexos en varios dos temas coa participación de 50 músicos.
O festival Orixe Candante dinamiza Caldas
Xénero: | 25 / 5 / 2012
A falta do festival Cultura Quente, que se suspendeu este ano, Caldas de Reis non fica queda no verán. A asociación local Zona Afectada acaba de anunciar o programa do festival Orixe Candente, un evento que se desenvolverá entre o 1 e o 10 de xuño e que encherá a vila de actividades. Cine, concertos de cantautores, exposicións de música e fotografía ou unha feira gastronómica son algunhas das propostas do evento. No seo do Orixe Candente celebrarase tamén, o 2 de xuño, a VII Edición do festival Zero Rock, que ten a Lagartika Nick e a No band for Lluvia como cabezas de cartel.
Balakandra debuta no mercado discográfico
Xénero: | 24 / 5 / 2012
Logo de oito anos de traballo nos escenarios, Balakandra presenta baixo o seu propio nome o que supón o debut discográfico desta formación de San Sadurniño. Con formato audiolibro, o traballo foi gravado nos estudios compostelans A Ponte da man de Tomás Axeitos, e os seus once temas afondan na mestura do folk con ritmos americanos coma o country ou o bluegrass, sen esquecer incursións na música latina. A formación, que xordeu da man de varios dos membros do grupo Saraibas, estreará ao vivo este proxecto cun concerto no Auditorio de Narón o vindeiro 27 de maio. Ademais da edición física, o disco estará dispoñible para escoita no web do grupo.
Projecto Mourente volta con A pior
Xénero: | 23 / 5 / 2012
A pior é o título do novo traballo de Projecto Mourente. Carlos Valcárcel renova a súa aposta polo pop electrónico cun álbum de dez cortes no que conta con colaboracións de diferentes músicos do país como The Homens ou Andrés Boado. Polo momento a obra está dispoñible unicamente en edición dixital no web Bandcamp, aínda que Valcárcel está a negociar a posibilidade dunha edición física que prevé financiar mediante Crowdfunding. Para setembro ten previsto desenvolver os concertos de promoción do no álbum que está autoeditado. A gravación realizouse de xeito doméstico e a mestura e a masterización correou por conta de Tomás Ageitos nos estudios de A Ponte.
Ouvirmos edita Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos
Xénero: | 22 / 5 / 2012
Case tres horas de composicións para clarinete e piano da man de compositores do noso país. Esta é a proposta de Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos, o triplo CD que presentaba esta mañá Ouvirmos na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. O proxecto supón unha aposta pioneira pola visibilización da música de cámara de factura galega e recolle a práctica totalidade de pezas para esta formación que se teñen feito no país. Alejo Amoedo ás cordas e Astenio Leiva ao vento interpretan 12 obras compostas desde o comezo do século XX. O proxecto, xurdido do empeño destes dous intérpretese, percorre a obra de autores xa clásicos como Bal y Gay ou Rogelio Groba e combínaa cos máis novos valores neste campo.


