Noticias
Friktone presenta CusCus
Xénero: | 22 / 5 / 2012
Fito Ares á frauta e ao saxofón, Fernando Lamas na batería e mais o finlandés Risto Vuolanne no contrabaixo forman, desde hai xa catro anos Friktone. Logo dunha importante traxectoria nos escenarios, o conxunto presenta agora Cus Cus, un disco que amosa en seis temas a capacidade de improvisación deste trío no que se mesturan sons do Free Jazz e da música contemporánea. Gravado ao vivo no Pazo da Ópera da Coruña, o proxecto está editado pola discográfica albaceteña Clamshell Records.
Músicos galegos únense nunha homenaxe a Magín Blanco
Xénero: | 21 / 5 / 2012
Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco é o título do proxecto no que están embarcados un unha trintena de músicos do noso país. A intención e gravar un duplo disco de versións de Blanco en homenaxe a este músico, que por mor dun accidente en 2011 ficou imposibilitado para tocar a guitarra. O proxecto abriu unha conta no web Verkami para recadar fondos mediante o sistema de Crowdfunding, e a falta de 27 días para rematar o prazo da colecta, obtivo xa 2.370 euros dos 3.000 que se marcaron como obxectivo. Uxía, Xoel López, Malvela, Eladio & los Seres Queridos, Roger de Flor ou Emilio Rúa son algúns dos artistas que participan nesta iniciativa.
Uxía, Doa e Assembly Point fanse cos premios La Opinión de folk
Xénero: | 18 / 5 / 2012
O teatro Rosalía de Castro da Coruña acollía na noite do pasado mércores 16 a gala dos XI Premios La Opinión de música folk. Uxía levou o galardón á mellor artista do ano, un premio no que tamén se recoñecen os seus vinte anos de traballo na música de raíz. Canda a ela, o grupo Doa viu galardoado o seu álbum A fonte dos cervos como mellor traballo do ano, mentres o tema Jumping Bits de Assembly Point foi recoñecido como mellor canción. Por vez primeira, os gañadores coñecéronse por vez primeira na gala, agás o premio Andaina Senlleira, que levou Fucxan os Ventos e que xa se coñecera con anterioridade.
O Festival de Música Cidade de Lugo fai 40 anos
Xénero: | 11 / 5 / 2012
Unha das citas máis veteranas dos sons clásicos en Galicia, o Festival de Música Cidade de Lugo 2012- Semana de Música do Corpus, presenta este ano a súa 40 edición, na que se busca darlle máis protagonismo a formación locais. A Sociedade Filharmónica Lucense coordina un programa que inclúe os concertos de Forma Antiqua, Sergei Yerokhin, a Orquestra Sinfónica de Burgos, o grupo vocal Sólo Voces, La Bellemont, Tercia Realidad e Julia Doley e mais Thomas Demenga & Patrick Demenga. Canda a eles, o programa para nenos achega a actuación da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e mais a representación do ballet O Crebanoces a cargo dos alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo.
O Consello da Cultura conmemora os XXV anos da Asociación Galega de Compositores
Xénero: | 10 / 5 / 2012
A sede do Consello da Cultura Galega en Compostela acolle ás cinco desta tarde a presentacón de Dezaseis cancións para voz e piano. XXV anos da Asociación Galega de Compositores, co que se conmemora o aniversario deste colectivo. No acto Carlos Villar-Taboada falará sobre A Asociación Galega de Compositores e a Música Contemporánea en Galicia (1987-2012).
Fillos Resentidos
Xénero: | 10 / 5 / 2012
Conseguiron, en plenos anos oitenta, que un tema en galego chegase ao número un das listas de éxitos estatais. Expresións presentes nas súas cancións integráronse na fala popular. Anovaron no pop-rock feito na nosa lingua. Agora, trinta anos despois do seu nacemento, unha masiva homenaxe amosa a importancia da pegada que Os Resentidos deixaron na nosa cultura. Analizamos a súa influencia.
Os músicos ao vivo reivindican o seu papel nas redes da Xunta
Xénero: | 9 / 5 / 2012
Logo de se constituír como asociación profesional, o colectivo Músicos ao vivo acaba de emitir un comunicado no que reivindica un maior papel na coordinación dos circuítos musicais que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais. A asociación denuncia que os músicos non se teñen en conta á hora de organizar programas como a Rede Galega de Música ao Vivo, e reclama que se garanta que todos os intérpretes que participan nos mesmos estean dados de alta na seguridade social.
aCadaCanto presenta o seu disco
Xénero: | 9 / 5 / 2012
Para mediados deste mes está previsto que chegue ás tendas aCadaCanto, o novo proxecto musical que aúne o talento de Guadi Galego e Xabier Díaz (voz), Guillerme Fernández (guitarra) e Xosé Lois Romero (acordeón). O proxecto presenta trece temas, na súa maior parte orixinais, que se combinan con pegadas da música tradicional. Os dous primeiros singles do disco, Teu nome por mar e terra e Desafío están dispoñibles na rede. O disco está editado baixo o selo Músicas de Salitre.
Zënzar presenta Vaise armar
Xénero: | 8 / 5 / 2012
A sala Josfer de Ordes acollía o pasado sábado a presentación de Vaise armar, o sexto traballo de Zënzar. O disco autoeditado supón, segundo o grupo, un traballo maduro musicalmente e aberto a ritmos que se foron incorporando ao seu repertorio. Rock con letras combativas que teñen en moitos casos na crise económica e nos recortes sociais o seu eixe. Loli Nogueira colabora co grupo no tema Contigo e sen ti, e queda espazo para que a banda bote a vista á súa traxectoria en Todo vai ben. O MySpace do grupo achega unha selección dos temas para a súa escoita en liña.
Preséntase a primeira promoción de titulados de Jazz
Xénero: | 8 / 5 / 2012
O Jazz está de actualidade. Logo da celebración, o pasado día 30 do día internacional dedicado a este xénero musical, o vindeiro mércores ás 13 horas, o Conservatorio Superior de Música da Coruña presentará a primeira promoción de titulados de jazz de Galicia. No acto presentarse o DVD do espectáculo Galitalia Jazz Meeting na que paraticipou a big band do conservatorio, dirixida por Kin García, e actuará esta formación.


