Ir ao contido directamente.


Noticias

Azos Jazz continúa a súa andaina

Xénero: Jazz/Blues | 7 / 5 / 2012

billgoodwinquartet-azos-liv.jpg

Malia a que a desaparición de Falcatruada, a casa que o viu nacer, facía pensar no final da actividade, Azos Jazz dá mostras da súa vitalidade lanzando dúas novidades. O selo que conta coa dirección artística de Abe Rábade retorna logo de dous anos con Experianza, de Alberto Vilas Quinteto e mais Bill Goodwin Quartet Live in Santiago.

Funk'n Bastards estréanse con Brainstorming

Xénero: Rock | 4 / 5 / 2012

funknbastards_brainstorm.jpg

Logo dunha extensa traxectoria nos escenarios, o grupo pontevedrés Funk'n Bastards presenta o seu primeiro disco. Brainstorming presenta unha serie de temas nos que, sobre unha base de funk cantada en inglés vanse engadindo elementos de rock, blues ou bossanova entre outras correntes. Logo da presentación do álbum, autoeditado, o pasado 27 de abril na Fábrica de Chocolate (Vigo) o grupo prevé continuar coas presentacións do proxecto. Está dispoñible xa na rede unha mostra do traballo, así como a primeira maqueta do conxunto, que se pode descargar de xeito íntegro.

Burgas Beat retorna con Todo lo que vamos dejando atrás

Xénero: Pop | 3 / 5 / 2012

todoloque_burgas_beat.jpg

Todo lo que vamos dejando atrás é o título do terceiro disco do grupo ourensán Burgas Beat. Manténdose no seu estilo pop, o conxunto presenta nove temas nos que destaca unha aposta pola electrificación do son do grupo. Gravado nos estudos Abrigueiro de Friol, o proxecto está editado en vinilo e en CD da man de Peggy Records, Rock Indiana e Qué Queres Edicións. O Café Cultural Auriense, de Ourense, acolle o vindeiro 5 de maio o concerto de presentación deste traballo.

Os Seráns do TAC voltan ao Gaiás

Xénero: Miscelánea | 2 / 5 / 2012

imaxe non dispoñible

O vindeiro 21 de maio comeza na Cidade da Cultura unha nova edición dos seráns do TAC. Desta volta, o Taller Atlántico Contemporáneo achegará, ao longo de cinco concertos, o traballo de Varèse, Schoenberg, Cage, Raquel García Tomás ou Eduardo Soutullo, facendo unha aproximación á música máis vangardista. Cada un dos recitais estará introducido por un monólogo a cargo de Carlos Blanco, Quico Cadaval e Julián Hernández, e completarase coa degustación de tapas de alta cociña a cargo de recoñecidos establecementos como Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta. As entradas están xa á venda a un prezo de 5 euros.

Alberto Vilas Quinteto presenta Experianza

Xénero: Jazz/Blues | 30 / 4 / 2012

alberto_vilas_experianza.jpg

Un jazz con fortes pegadas do son americano dos anos 40, 50 e 60. Altas doses de improvisación con músicos chegados de xéneros como o blues, o tango ou a música clásica entre outros que se agrupan arredor do músico que nomea o proxecto. Experianza, o álbum debut de Alberto Vilas Quinteto chega ás tendas da man do selo Azos Jazz, coordinado por Abe Rábade. O pub Clavicémbalo, de Lugo, acolle o venres 27 de abril o comezo da xira de presentación da obra, que continuará polo Porriño (30 de abril), A Coruña (2 de maio) e O Grove (5 de maio).

O Reperkusión muda de sede

Xénero: Miscelánea | 27 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Os antigos terreos da Cidade dos Muchachos en Bemposta, Ourense, acollerán a nova edición do festival Reperkusión de Allariz entre 17 e o 19 de maio. O evento mantén o seu programa, no que destaca a presenza de Manu Chao, e montará unha carpa de circo de 3.000 metros cadrados para albergar as preto de 40 actuacións previstas. A falta de acondicionamento nos terreos que o concello de Allariz ofertara para realizar o evento son o argumento que organización esgrime para a mudanza. Desde o Concello de Allariz, pola súa banda, lamentaron a decisión e aseguraron que cumpriron con os compromisos encol da localización.

Comeza en Vigo Verbenalia

Xénero: Pop | 27 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

A actuación de Panorama, Teté y los Ciclones e mais Carlos Blanco e Budiño iniciaba na noite de onte a actividade de Verbenalia. O Instituto Feiral de Vigo acolle un encontro no que se dan cita representantes, comisións de festas e orquestras a apresentar os seus últimos repertorios e efectos. Ademais, ata o vindeiro 29 haberá actuacións cada noite e mais en sesión vermut, con conxuntos como París de Noia, Olympus, Philadelphia, Sintonía de Vigo, Aché, Marbella, Ciclón, Costa Oeste, Cinema, Gran Parada, Charlestón e Jerusalén.

Multiplícanse as homenaxes a Zeca Afonso

Xénero: Cantautor | 25 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

O país énchese de actividades en memoria do cantautor portugués José Zeca Afonso. O aniversario da Revolução dos Cravos, o 25 de abril, e mais da estrea en Galicia, hai corenta anos, do tema Grândola Vila Morena, que marcou o comezo da revolta, motivan estas iniciativas. Deste xeito, para alén do xa anunciado concerto e documental Terra da fraternidade. Galiza a Zeca Afonso, que se celebrará o 10 de maio en Compostela, Lugo prepara tamén unha programación que comeza o 26 cun concerto do fadista electrónico Gonçalo Guerreiro. Unha mesa redonda, o espectáculo Canto de intervenção e mais outro concerto, da man de João Afonso e Fred Martins completan o programa.

Chega o disco de O Sonoro Maxín

Xénero: Fusión | 25 / 4 / 2012

O_Sonoro_Maxin_onda_sonora_capa.jpg

Logo de cinco anos de traballo en escenarios e obras colectivas, o grupo O Sonoro Maxín lanza o seu debut discográfico. A onda sonora (chega do interior) presentouse o pasado 14 de abril no Café Cultural Auriense da cidade das burgas e achega 13 temas cunha boa dose de cumbia e ritmos como vallenatos ou rancheras. Canda a cancións habituais dos seus directos, o grupo achega un feixe de obras compostas para a ocasión. O traballo, autoeditado, foi producido por Kaki Arkarazo e gravouse entre os seus estudios de Andoain e mais en Tooma Recordings, de Ourense. A obra está dispoñible integramente para a descarga no web do grupo, para alén de contar cunha edición en CD con imaxe de David Rubín.

Xoel López presenta Atlántico

Xénero: Pop | 24 / 4 / 2012

atlantico_xoel_lopez.jpg

Co seu propio nome, sen o alias de Deluxe, Xoel López asina Atlántico, un disco que achega 12 temas nos que se detecta a influencia que os ritmos suramericanos deixaron no músico. Máis percusión e letras máis calmadas marcan a evolución estilística do coruñés. O disco está a venda desde o pasado 17 de abril e pode escoitarse de xeito íntegro no web do artista e mediante o web Grooveshark. Editado por Esmerarte, gravouse entre Bos Aires e A Coruña O propio Xoel e mais Juan de Dios correron coa produción.

<< Inicio / Anterior . 2291 a 2300 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR